inicio Viñetas desde o Atlántico

ABEL ALVES

Biografía

Abel Alves (Ferrol, 1981) traballou como humorista gráfico no diario Galicia Hoxe e participou en varios fanzines e revistas dixitais. Escribiu e debuxou a historieta Zombess e, como guionista, publicou a novela gráfica Sangre y sol, ambas en Uruguay. Tamén colaborou con diversas antoloxías da Asociación Uruguaya de Creadores de Historieta.

O seu debut no noso país fíxoo coa obra Aram o Armenio, publicada por Demo Editorial en 2016 e debuxada por Majox. Nela cóntanos unha historia, a historia do chamado xenocidio armenio levado a cabo polo Imperio Otomano. Para iso, sitúanos en 1915, cando Mehmet, un turco de Constantinopla, se fai cargo dunha nena armenia cuxos pais foron asasinados por soldados otomanos e decide levala co seu tío Aram a unha vila de Anatolia, sen imaxinar que o exército tamén está alí actuando contra a poboación armenia. Un relato de fai un século pero que, por desgraza, segue tendo unha enorme vixencia hoxe en día.

A súa seguinte obra formula un xogo a cabalo entre a historia, as lendas e a tradición literaria galega. A tumba de Breogáncon debuxo de Esteban Tolj, está ambientada en 1870 na Coruña e ten como punto de partida as reformas que se realizaron daquela na Torre de Hércules. Durante estes labores encóntranse unhas vellas táboas de madeira escritas polo arquitecto do faro. Isto revelará un segredo ancestral relacionado co lendario líder Breogán e mais coa antiga cidade de Brigantia. O poeta Eduardo Pondal e o intrépido bandoleiro Antón Dedo d´Ouro coincidirán nesta perigosa aventura ao ao se enfrontaren a un sinistro grupo de carlistas e membros da igrexa que ocultan algo en relación co descubrimento.

Para o seu seguinte traballo, Alves dá un xiro de 180 graos e abandona a historia para se lanzar de cheo á ficción de temática relixiosa, aínda que, en realidade, a relixión non sexa máis que o marco onde enmarcar o seu relato. Segunda Venida, que conta con debuxo de Juan Caminador, relata a historia de Evangelina, unha moza de 18 anos que leva unha vida moi normal, á que lle gusta tocar a guitarra, fumar porros e quedar leriando coa súa amiga Susi en vez de ir ao instituto. Porén, un día a súa rutina vese alterada para sempre. Un misterioso can labrador parlante que di ser nada máis e nada menos que o Espírito Santo anúncialle que é a única mesías, elixida para salvar o mundo dun mal terrible. A moza non é nin sequera crente, encóntrase nunha idade de inseguridades e dúbidas continuas e debe enfrontarse a unha misión para evitar a destrución do mundo. Por se asimilar isto for pouco, un grupo de misteriosos personaxes serios e con lentes de sol comezan a perseguila para intentar acabar con ela. A trama apóiase nunha idea orixinal e procura, sobre todo, que as e os lectores pasen un bo anaco divertido, cunha construción de personaxes moi ben artellada que lle dan un toque desenfadado e fresco á historia dados os temas que se tocan. E é que Evangelina é unha moza cos seus medos, inseguridades e que non ten interese na relixión. De feito, máis que a relixión, aínda que tamén, a obra explora a adolescencia, o sentimento de abandono por parte dun pai ao que nunca coñeceu, as dúbidas sobre a súa propia identidade sexual etc. En resumo: o universo de alguén que intenta encontrar o seu sitio.

Bibliografía esencial

2016 – Aram o armenio (Demo Editorial)

2018 – A tumba de Breogán (Demo Editorial)

2018 – Segunda venida (Dibbuks)

Facebook

Instagram

Twitter

Abel Alves