inicio Viñetas desde o Atlántico

ALBERT MONTEYS

Biografía

Albert Monteys (Barcelona, 1971) leva facendo tebeos desde que ten uso de razón. Despois de publicar en Camaleón Ediciones, onde xunto aos seus compañeiros da Peñya Cómics creou a cabeceira  para despois, en solitario, realizar Calavera lunar (do que só se publicou o número 237). Tras esta primeira etapa en Camaleón, pasa por diversas publicacións, até que aterra na revista El Jueves, en 2004. Alí vai debuxar semanalmente durante unha decáda; chega incluso a dirixir a publicación e a ser, xunto a Manel Fontdevila, o responsable principal da renovación do seu cadro de traballadores. Para as páxinas de El Jueves, realizará as series Tato e ¡Para ti, que eres joven!, esta última co citado Manel Fontdevila. Ademais, durante os seus primeiros anos en El Jueves, colaboraría na revista Mister k, publicación do mesmo grupo editorial orientada ao público infantil.

A extensa relación de Monteys con El Jueves remataría de forma abrupta en vésperas da coroación de Felipe VI, en 2004, tras un enfrontramento con RBA, daquela propietaria da cabeceira, pola decisión destes de se autocensuraren e retiraren da portada do número 1932, que Fontdevila debuxara con motivo do cambio de monarca. Monteys e Fontdevila, que xa tiveran varios encontros fracasados previos pola deriva da revista, deciden abandonala. Con eles, marchan tamén un bo número de guionistas e debuxantes cos que emprenden unha nova aventura editorial autoxestionada e dixital: a revista Orgullo y satisfacción. O que en principio nace como un número único, obtén unha excelente acollida, polo que os seus responsables deciden convertelo nunha publicación dixital mensual. A aventura de Orgullo y satisfacción estenderíase até finais de 2017 e contaría cun total de 46 números, ademais do comentado número cero.

A desaparición de Orgullo y satisfacción anima a Monteys a se embarcar en novas aventuras. Grazas a iso, teremos a oportunidade de vermos recompiladas en papel tanto El show de Albert Monteys, serie humorística de corte autobiográfico publicada na extinta revista, como unha reedición ampliada de Carlitos Fax, personaxe creado para a revista Mister K, ambas editadas por ¡Caramba!

As seguintes obras de Monteys tamén verán a luz en formato dixital e daranlle, ademais, a oportunidade de volver a un xénero para o que, xa no principio da súa carreira, demostrara un gran talento: a ciencia ficción. Panel Syndicate, a plataforma de cómics dixitais con maior repercusión do mercado español, acollerá así o seu ¡Universo!, serie que suporá un éxito instantáneo de crítica e de público e que se alza co Premio Zona Cómic e mais co Premio Cómic Barcelona á Mellor Obra de Autor Nacional publicada en 2018. Os seis primeiros números serán recompilados en papel nun primeiro volume por Astiberri en 2018. Posteriormente, e tamén para Panel Syndicate, ademais de continuar con ¡Universo!, realizaría Solid State, baixo o guión de Matt Fraction, que sería publicada en papel este mesmo ano por Gigamesh.

Ao longo da súa carreira ganou, entre outros, o Premio do Saló do Cómic de Barcelona 1994 ao Mellor Fanzine por Mondo Lirondo e ao Autor Revelación en 1996 por Calavera Lunar. Foi candidatura aos Premios Eisner 2017 ao Mellor Cómic Dixital por ¡Universo!.

Bibliografía esencial:

1996 – Calavera Lunar (Camaleón Ediciones)

2008 – ¡Para ti que eres joven!, Luxury Gold Collection nº9 (Ediciones El Jueves)

2008 –Tato, Colección Luxury Gold Collection nº10 (Ediciones El Jueves)

2015 – Mondo Lirondo Original (¡Caramba!)

2015 – Mondo Lirondo Returns (¡Caramba!)

2017 – Carlitos Fax (Astiberri Ediciones)

2018 – ¡Universo! (Astiberri Ediciones)

2018 – El show de Albert Monteys (Astiberri Ediciones)

2019 – Solid State (Ediciones Gigamesh)

Facebook

Instagram

Twitter