inicio Viñetas desde o Atlántico

ANTONIO NAVARRO

Biografía

Antonio Navarro (Madrid, 1959), aínda que licenciado en Ciencias da Información, a súa carreira profesional sempre estivo relacionada coa narración en imaxes. Tras un breve paso polo mundo dos fanzines, debuta profesionalmente nas revistas Rambla e Rampa nos primeiros oitenta. Colabora con varias revistas da época, como a interesante aínda que breve ¡Más madera!, até recalar en Norma Editorial, onde comeza a publicar a súa primeira gran serie, Simone, primeiro nas páxinas da revista Cairo, para pasar despois a Cimoc. Simone suporá o primeiro recoñecemento ao traballo de Navarro, que conseguirá o Premio do Diario de Avisos ao Mellor Debuxante Realista e a candidatura de autor revelación no Saló del Cómic de Barcelona, ademais de abrirlle as portas de varios países, especialmente do cotizado e difícil mercado francés.

A principios da década dos 90, creará para a editorial francesa Delcourt, Les Mondes de Luz. Logo  desta incursión no mercado francés e aproveitando a celebración do quinto centenario da chegada de Colón a América, realizará dous traballos para a colección Relatos del nuevo mundo, colección auspiciada pola Sociedad Estatal Quinto Centenario e editada por Planeta, titulados respectivamente La leyenda de Ahua e El mar dulce, este último con guión de Miguel Ángel Nieto. Tras estes dous álbums de corte histórico, Navarro, que sempre se caracterizou por ser un autor inquieto e pouco dado ao conformismo, dá un xiro de 180 graos e adéntrase no terror coa serie La galería de los horrores. Ese mesmo ano ve a luz outro dos seus traballos máis celebrados, Por Soleá, publicado por Ediciones Glénat directamente nun álbum que sería seleccionado ao mellor guión no Saló del Cómic de Barcelona. 1995 é tamén o ano en que Antonio Navarro comeza a colaborar con editoriais tan dispares como a norteamericana Marvel, para os que realiza Kiss of Darkness, ou a menos coñecida editorial xaponesa Kodansha, para os que realiza Syd Virtual Story.

O seu seguinte traballo en cómic, El tiempo arrebatado, non chegará até 2007. Navarro vai un paso máis aló que na súa anterior historia longa e preséntanos unha novela gráfica de máis de cen páxinas en que, a través da busca dunha nai á súa filla, asistiremos a un retrato do século XX e a unha reflexión sobre o proceso da creación artística. Tras esta novela gráfica, Navarro refaría un dos seus traballos máis queridos e ofreceríanos unha versión ampliada e retocada de Por Soleá.

O seu último traballo fíxose lentamente e tardou unha década en ver a luz. Homónimos, editado por Norma Editorial en 2018, é un relato de relatos onde distintos personaxes que comparten un mesmo nome, o do autor, nos contan as súas vidas ou fragmentos delas e móstrannos, ademais, as infinitas posibilidades narrativas e estilísticas do cómic.

Bibliografía esencial

1990 – Simone, Colección El muro nº19, (Norma Editorial)

1992 – La leyenda de Ahau, Relatos del nuevo mundo nº4, (Planeta Cómic)

1992 – El mar dulce, Relatos del nuevo mundo nº8, (Planeta Cómic)

2008 – Por Soleá, Novelas gráficas nº2, (Ediciones Glénat)

2007 – El tiempo arrebatado, Colección Crepúsculo nº12 (Ediciones de Ponent)

2008 – Por Soleá (2.5), Colección Crepúsculo nº15 (Ediciones de Ponent)

2018 – Homónimos (Norma Editorial)

Facebook

Antonio Navarro