inicio Viñetas desde o Atlántico

DAVID SALA

Biografía

David Sala (Décines, Francia, 1973) estudou na prestixiosa escola Émile Cohl. Comezou traballando na ilustración de cubertas para libros infantís e xuvenís. Máis tarde, veríase atraído polo mundo da historieta e debutou, con guións de Jorge Zentner, en Replay, un tríptico composto por El principio… y el fin, Lo lleno… y lo vacío y El fin… y el principio. Replay é unha historia que transcorre durante as tres últimas décadas do século pasado. Chuby e Don, amigos íntimos na infancia, separaranse moi pronto tras unha experiencia traumática. Chuby opta pola tranquilidade e monótona seguridade da vida nunha pequena vila, mentres que Don se converte nun buscavidas que viaxa sen cesar, sempre descubrindo novas experiencias e aventuras. O reencontro é inevitable. O pasado e a súa obstinada proxección no presente, os diversos estratos da memoria e as febrís relacións que establecen os recordos entre si; este é o sinuoso e fascinante camiño percorrido por un guión que converte o tempo en materia de alta maleabilidade, investigando o pretérito dun personaxe coma se se premese esa tecla de replay de que dispón calquera reprodutor de imaxes.Jorge Zentner válese da repetición, xa que rompe, case desde o seu inicio, co desenvolvemento lineal-casual para imitar os golpes aleatorios e emocionais da memoria, partindo dun momento determinado para despregar unha secuencia que xoga cos recordos e impresións e, á súa vez, cuestionan a realidade, sen dúbida deformada, dalgunhas imaxes, mentres que David Sala se serve dunha pincelada solta para construír unha atmosfera irreal, opresiva e reflexo dunha vida totalmente descarreirada. Concretamente, a vida de Don: un trotamundos que vive o día a día, delinquindo, apostando, confiando na súa boa fortuna e nos seus pequenos rituais.

Posteriormente, e tamén con guións de Zentner, realizaría a serie Nicolás Eymerich, Inquisidor, adaptación das novelas de Valerio Evangelisti en dous volumes, baixo o título de La diosa. Aquí o dúo de autores cóntanos como en 1352, ao ser nomeado inquisidor xeral do reino de Aragón, o pai Nicolás Eymerich tivo que se enfrontar a fenómenos inimaxinables: aparicións, nacemento de nenos monstruosos cuxa existencia debía ocultarse… Armado da súa fe e da súa excepcional intelixencia, o relixioso lánzase cara a unha investigación complexa e perigosa, cuxas sorprendentes ramificacións se estenden moito máis aló da súa propia época e da nosa. David Sala dá un paso máis na súa evolución ampliando o seu xa gran dominio da color.

David Sala estrearíase como autor en solitario con One of Us, editado por Soleil Productions en Francia e inédito en España. One of Us é un díptico composto polos álbums Aldisy Razal, unha historia de ciencia ficción nun futuro próximo que supón unha crítica na sociedade de consumo e o capitalismo creado nos anos da crise económica global.

O seu seguinte traballo, Cauchemar dans la rue (Pesadelos na rúa), editado por Casterman en 2013 e que tamén permanece inédito no noso país, é unha adaptación da novela homónima de Robin Cook. Un policial de tinturas fantásticas ambientado en París e que deixa ver todo o arsenal gráfico acumulado polo autor nos seus anos de carreira.

Toda esta bagaxe explotará de maneira incontestable na súa seguinte obra, tamén unha adaptación; neste caso, da novela de Stefan Zweig, O xogador de xadrez. Un dos relatos máis famosos do escritor austríacos que nos relata como nos tranquilos salóns dun paquebote en ruta cara a Arxentina, o campión do mundo de xadrez enfróntase, nunha última partida, a un aristócrata vienés, cuxo incrible dominio do xogo naceu durante o nazismo. Esta denuncia arrepiante e desesperada da barbarie nazi, sérvelle a Sala para facer un verdadeiro recital gráfico. Cualificado como “suntuoso” pola revista L’Express, Sala asegura que se trata dun texto que resoa no contexto político actual “polo tema do triunfo da barbarie e da brutalidade fronte á cultura, o humanismo e a imaxinación” e destaca que “aínda estando lonxe do que ocorría en 1930, vemos rexurdir unha atmosfera particular que desgraciadamente recorda as ideas inquietantes e nauseabundas daquel período”.

Bibliografía esencial

2002 – Replay (Astiberri Ediciones)

2002 – Nicolás Eymerich, Inquisidor, La diosa 1 (Astiberri Ediciones)

2004 – Nicolás Eymerich, Inquisidor, La diosa 2 (Astiberri Ediciones)

2018 – El jugador de ajedrez (Astiberri Ediciones)

Facebook

Instagram

David Sala