Nadar

Nadar
Pep Domingo – Nadar  (Castellón de la Plana, 1985)

Influenciado desde a súa mocidade polo traballo de autores de prestixio como Will Eisner, Daniel Clowes, Charles Burns ou Chris Ware, acabou interesándose polo mundo da ilustración e da novena arte, o que o levou a licenciarse en Belas Artes pola Universidade de Barcelona.

Mentres gañaba experiencia como debuxante editorial e publicitario, entre outros campos, avanzaba na súa formación artística. A súa curiosidade e intereses ampliáronse, polo que decidiu probar sorte en varios concursos e certames peninsulares, destacando co primeiro premio no concurso de cómic Ciutat de Cornellà, o primeiro premio no concurso Noble Villa de Portugalete, un nomeamento honorífico no certame balear Rei en Jaume, ou accésits en festivais como Creacomic ou Injuve.

Tras achegar o seu talento a diferentes fanzines, debutou como historietista na revista Dos veces breve (2011), unha antoloxía nacional na que recoñecidos creadores lles daban a alternativa a grandes promesas do medio. Apadriñado por Rubén Pellejero, Nadar participou xunto co seu compañeiro de estudio, Germar, cunha historia titulada El dinero no da la felicidad.

No 2012, mentres traballaba como libreiro, obtivo a prestixiosa bolsa AlhóndigaKomik, o que lle permitiu ter acceso a unha estadía dun ano na Maison des Auteurs de Angoulême. O paso polo país galo supuxo un punto de inflexión para a carreira do artista castellonenco, pois durante ese tempo desenvolveu a súa sorprendente estrea como autor completo, a novela gráfica Papel Estrujado (2013). 400 páxinas nas que demostrou unha gran madurez, abordando un conxunto de emotivas historias cruzadas que lle valeron o recoñecemento da crítica e o premio especial á Mellor Obra por votación popular na 32ª edición do Salón Internacional do Cómic de Barcelona.

A súa proposta máis recente é El mundo a tus pies (2015), cómic no que volve demostrar unha grande habilidade para o costumismo contemporáneo, abordando os problemas da súa xeración a través de tres relatos. Unha obra de denuncia social, galardoada co premio “Entender el presente”, do festival de cómic Splash Sagunt.

Na actualidade prepara outros prometedores proxectos persoais e colabora para o mercado francés co guionista Philippe Thirault, nun álbum sito na Galicia de finais do franquismo que sairá á venda ao longo do 2016.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

  • 2013 – Papel estrujado (Astiberri ediciones)
  • 2015 – El mundo a tus pies (Astiberri ediciones)

AXENDA

> Conferencia: Martes 9 de 18:30 a 19:30 horas

> Exposición: PALEXO

> Firmas: Venres 12 de 18:00 a 20:00 horas e sábado 13 de 12:00 a 13:30 horas