Emma Ríos2018-08-06T22:38:06+00:00

CONFERENCIA

SÁBADO 11 – 19.30h

Kiosco Alfonso | Xardins de Méndez Núñez, 3

EMMA RÍOS

Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976)

Licenciada en Arquitectura na Universidade da Coruña, comezou debuxando e editando os seus propios fanzines en Ourense, influída tanto polos comic books americanos como polos mangasprocedentes de Xapón. Eses primeiros traballos aparecerían no fanzine “APB, A prueba de balas”,  dentro do colectivo Polaqia.

Logo de demostrar os seus dotes para a narrativa gráfica, probou sorte no mercado norteamericano coa miniserie  “Hexed”, e no español coa adaptación do “Amadís de Gaula” para a editorial SM mentres compatibiliza a creación de historietas co traballo nun estudio de arquitectura. Posteriormente, entraría directamente a traballar en Marvel Comics onde se encargaría de debuxar en series como Runaways, Dr. Extraño, Firestar, The Amazing Spider-Man, Osborn, Heralds ou Capitana Marvel.

Desta etapa en La casa de las ideassalientan especialmente tres traballos: o primeiro, á fronte do segundo volume de “Extraño”, serie dedicada ao Feiticeiro Supremo da Terra, e guionizada por Mark Waid, da que realizaría os catro primeiros números, a reinterpretación da orixe deste mesmo personaxe que fixo xunto ao guionista Greg Pak en “Doctor Extraño. Primera temporada”, e, sobre todo, os seis primeiros números do volume sexto de Captain Marvel, titulado no noso país “Capitana Marvel. Anhelando volar”, guionizados por Kelly Sue DeConnick. Con ela chegaría a unha grande amizade que a levaría, en última instancia, a abandonar a famosa editorial para poder crear os seus propios proxectos.

Nesta nova aventura na editorial Image é onde Emma Ríos libera todo o seu potencial do que xa dera boa mostra nos seus traballos en Marvel. Primeiro sería en “Bella Muerte”, con guión da citada Kelly Sue DeConnick, na que a artista deixaría patentes os seus extraordinarios dotes para a narrativa. Bella Muerte é unha serie que combina de forma maxistral o realismo máxico coa brutalidade do western crepuscular. Esta primeira entrega foi nomeada a varios premios Eisner en 2014: Sue DeConnick como mellor guionista, Emma Ríos por mellor lapis/entintado e mellor portada, e Jordie Bellaire na categoría de mellor cor.  En 2015 gañou o Premio á Mellor Obra Internacional no festival Expocómic.

Autora dunha grande inquedanza, a súa seguinte obra, “I. D.”, vería a luz na antoloxía Island Magazine, tamén baixo o paraugas do selo Image, e sería nomeada á mellor antoloxía nos premios Eisner de 2017. I. D.é unha distopía que analiza o conflito entre percepción e identidade a través daloita de tres persoas que consideran un “transplante de corpo” como a solución ás súas vidas.

En 2016, recollería a segunda entrega de Bella Muerte, titulada “El oso”. Trátase dunha historia intensa e poética onde a filla dunha muller agonizante fai un pacto cunha das parcas. Aprazar a morte da muller para dar ao seu fillo a oportunidade de volver a casa e despedirse dela. Mais o rapaz está nunha trincheira en plena fronte de batalla en Europa. As parcas da Morte e a Fortuna converxen para enfrontárense coa parca da Guerra, que pretende cobrar unha terrible factura. Esta nova entrega afonda no universo creado por DeConnick e Ríos ampliando a súa mitoloxía.

O seu traballo máis recente foi no campo do guión, xunto á debuxante Hwei Lim para a que escribiu “Mirror”. O reflexo da montaña é a primeira entrega dunha serie sobre os alquimistas da Sincronía e os animais conscientes da colonia de Irzah. Este relato, por encima de calquera outra cousa, explora o concepto de humanidade. Parcialmente inspirada en Oda a Kirihito, de Osamu Tezuka, e A illa do Dr. Moreau, de H. G. Wells, Mirror é unha historia sobre a identidade, a aceptación e a liberdade de elixir.

Bibliografía esencial:

2009 – Hexed (El Patito Editorial).

2010 – Extraño (Panini Comics).

2012 – Ellas (Panini Comics).

2013 – Capitana Marvel, Anhelando volar (Panini Comics).

2013 – Doctor Extraño. Primera Temporada (Panini Comics).

2014 – Bella muerte 1 (Astiberri Ediciones).

2016 – I. D. (Astiberri Ediciones).

2016 – Bella muerte 2, El oso (Astiberri Ediciones).

2017 – Mirror (Astiberri Ediciones).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies