CAMERON STEWART 2017-07-07T19:12:03+00:00
CAMERON STEWART

CAMERON STEWART (Toronto, Canadá)

“Debuxar é o único que me interesou de verdade, dende que era un neno”, afirma Cameron Stewart. Un interese alimentado polo feito de que o seu avó foi historietista durante a segunda guerra mundial e pola continua exposición aos cómics americanos e británicos; estes últimos, durante o período da súa infancia en que viviu xunto á súa familia no Reino Unido.

De formación autodidacta e influencias moi variadas, durante un tempo compartiu estudio co seu compatriota Darwyn Cooke, realizando storyboards para a serie de animación Men in Black. Pero a súa irrupción na industria do cómic americano forxouse durante a asistencia á San Diego Comic-Con, onde puido mostrar o seu portafolios á editora do selo Vertigo Shelly Bond e ao guionista Grant Morrison. Durante esta fase inicial da súa carreira, Stewart recibiu diferentes encargas como entintador e asignacións como debuxante de páxinas interiores para coleccións como Scooby-Doo, Superman Adventures e Los Invisibles (ECC). Ao cabo, o seu paso pola serie regular Catwoman resultou especialmente relevante, por conferirlle unha maior visibilidade primeiro como entintador, e posteriormente como portadista e debuxante.

Tras participar en cabeceiras de Dark Horse Comics como Tales of the Vampires ou A.I.D.P. (Norma Editorial), a partir do 2003 intensificou a súa colaboración con Grant Morrison, debuxando proxectos como Seaguy ou 7 Soldados de la Victoria (ECC). Tamén traballou con Ray Fawkes en Apocalipstix, e xunto a Jason Aaron en El otro bando, nomeada aos Premios Eisner 2007 na categoría de mellor miniserie.

Prolífico e inquieto, reservou tempo para proxectos persoais como Sin Título (Astiberri), gañador do Premio Shuster 2009 ao mellor creador de webcómics e do Premio Eisner 2010 ao mellor cómic dixital; un thriller que combina xénero negro e misterio, que finalmente foi publicado en versión impresa. Stewart referendou a súa condición de colaborador recorrente de Grant Morrison en Seaguy: The Slaves of Mickey Eye, Batman y Robin e El Multiverso (ECC).

Entre 2011 e 2013 formou equipo creativo con Karl Kerschl en diferentes novelas gráficas baseadas na franquía de videoxogos Assassin’s Creed: The Fall, The Chain e Brahman (Panini Cómics). E xa no 2014 afrontou o relanzamento de Batgirl (ECC) xunto a Brenden Fletcher e Babs Tarr, dando forma a un novo deseño e a un cambio de enfoque que converteron a serie nunha das grandes revelacións de DC Comics. Tal foi o entendemento do equipo creativo que decidiron repetir colaboración nun proxecto persoal de ciencia ficción publicado por Image Comics: Motor Crush.

Entre os proxectos recentes de Stewart tamén ocupa un lugar moi destacado El club de la lucha 2 (Reservoir Books), secuela en forma de cómic da novela de culto tamén escrita por Chuck Palahniuk.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

2011-2014

Assasin’s Creed: The Fall, The Chain y Brahman (Panini Cómics).

2012

Batman Inc. (ECC).

Batman contra Robin (ECC).

2013

¡Batman y Robin deben morir! (ECC).

2014

Sin Título (Astiberri).

7 Soldados de la Victoria núms. 1 y 2 (ECC).

2015-2016

Batgirl: La chica murciélago de Burnside, Interferencia y Mente abierta (ECC).

2016

El club de la lucha 2 (Reservoir Books).

2017

El Multiverso (ECC).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies