DAVE McKEAN 2017-07-07T19:13:40+00:00
DAVE McKEAN

Dave McKean (Taplow, Berkshire, Inglaterra, 1963)

Confirmado durante as últimas décadas como unha das voces creativas máis destacadas do Reino Unido, este debuxante, pintor, deseñador gráfico, fotógrafo, cineasta e músico deixou unha pegada indeleble no mundo do cómic, sendo a súa gran carta de presentación Casos violentos (publicada orixinalmente en 1987): novela gráfica galardoada co Premio Eagle e primeira das súas múltiples colaboracións co guionista Neil Gaiman.

O equipo creativo non tardou en desembarcar no selo Vertigo de DC Comics, da man da editora Karen Berger. E tras desenvolver a miniserie Orquídea negra e serializar Señal y ruido en 1989 na revista británica The Face, embarcáronse en Sandman (1989-1996), mítica colección para a que McKean exerceu como portadista regular, ademais de debuxar diferentes historias curtas ambientadas no devandito universo onírico. O impacto do traballo de McKean foi espectacular: alzouse co World Fantasy Award de 1991 ao mellor artista, gañou o Premio Eisner 1993 ao mellor deseño de publicación e marcou tendencia no selo Vertigo. Pero o seu recoñecemento masivo non se limitou á colección protagonizada por Morfeo: o mesmo ano en que emprendeu a dita aventura publicouse o orixinal de Batman: Asilo Arkham, prestixio escrito por Grant Morrison que acabou converténdose nunha das novelas gráficas con máis éxito da historia.

Tamén dentro do selo Vertigo, tivo ocasión de asinar máis dunha vintena de portadas de Hellblazer e de debuxar dúas historias protagonizadas por John Constantine recompiladas no tomo Grandes autores de Vertigo: Dave McKean xunto a outras pezas como Un vaso de agua, Muerte habla sobre la vida, La última historia de Sandman ou Un pez fuera del agua.

Constrinxido polas imposicións do mainstream, entre 1990 e 1996 McKean decidiu centrar boa parte dos seus esforzos nunha ambiciosa obra de creación propia: Cages, novela gráfica merecedora dos premios Harvey, Ignatz, Eisner e Alph-Art. Todo un punto de inflexión na súa carreira profesional, xa que a partir de entón apañouse para reservar tempo e espazo na súa apertada axenda para desenvolver proxectos persoais cos que dar renda solta ás súas inquietudes: historias curtas recompiladas nos volumes Pictures That Tick (2000, 2014), o libro mudo de corte erótico Celluloid (2011) e diferentes sketchbooks publicados a modo de cadernos de viaxe e coleccións de postais. Ademais, desenvolveu xunto a David Almond El salvaje (2008), Slog’s Dad (2010) e Mouse Bird Snake Wolf (2013); colaborou con Richard Dawkins no libro infantil de divulgación científica The Magic of Reality (2011); ilustrou obras de Ray Bradbury como The Homecoming (2006) e Skeletons (2008); e traballou á beira de Heston Blumenthal en The Fat Duck Cookbook (2008), mestura de libro de receitas, autobiografía e explicación do método de traballo do popular cociñeiro británico.

Na súa bibliografía segue ocupando un lugar moi especial cada reencontro creativo con Neil Gaiman. Alén da distante La trágica comedia o cómica tragedia de Mr. Punch (publicada orixinalmente en 1994), durante os últimos anos destacaron os libros infantís El día que cambié a mi padre por dos peces de colores (2002), Los lobos de la pared (2004) e Cabello loco (2010), así como portadas e ilustracións das novelas Coraline (2003), El libro del cementerio (2009) e Sandman: Obertura, precuela do mítico cómic na que comparte tarefas de portadista co debuxante J.H. Williams III.

Inda que ao longo da súa carreira McKean deu constantes mostras da súa versatilidade, emprendendo proxectos cinematográficos —MirrorMask, The Gospel of Us, Luna— e recibindo encargas de ilustración das firmas máis prestixiosas, continúa explorando os límites da novena arte a través de obras como a novela gráfica Black Dog: The Dreams of Paul Nash, un dos seus proxectos máis recentes baseado na vida do pintor surrealista británico.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

2004

Los lobos de la pared (Astiberri).

2008

Señal y ruido (Astiberri).

El salvaje (Astiberri).

2010

Cabello loco (Astiberri).

2011

Celluloid (Norma).

2014

Grandes autores de Batman: Grant Morrison y Dave McKean — Batman: Asilo Arkham (ECC).

2015

Grandes autores de Vertigo: Dave McKean (ECC).

2016

Casos violentos (ECC).

Orquídea negra (ECC).

2017

Cages (ECC).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies