EDUARDO RISSO 2017-07-07T19:14:39+00:00
EDUARDO RISSO

EDUARDO RISSO (Leones, Córdoba, Argentina, 1959)

Comezou a debuxar as súas propias historias no reverso de talonarios de facturación do seu pai. Primeiros síntomas dunha pulsión creativa que durante a adolescencia o empurrou a tentar labrarse unha carreira profesional como historietista; así que, chegado o momento, deixou a un lado o seu traballo nun taller mecánico familiar para perseguir o seu soño.

De formación autodidacta, perfeccionou as súas nocións de anatomía estudando os libros de Andrew Loomis, e tomou a José Muñoz, Alberto Breccia ou Moebius como referentes artísticos. Mentres agardaba a ansiada oportunidade de traballar como historietista, asumiu encargas de ilustración para o diario La Nación e outras publicacións locais. En 1981 comezou a colaborar coa editorial Columba, primeiro como asistente de debuxantes e posteriormente adaptando ao cómic a película Firefox (Clint Eastwood, 1982). Tras Taggart, embarcouse xunto a Ricardo Ferrari en Holocausto (1984), debuxada durante un período formativo básico na súa evolución: daquela asistía a un curso impartido por Alberto Breccia, quen o animou a desenvolver un estilo propio que comezou a apreciarse no dito proxecto. A Julio César, tamén escrita por Ferrari, seguiulle El Ángel, a súa última encarga para Columba que contou con guións de Robin Wood.

A partir de 1987 creou xunto a Ricardo Barreiro Parque Chas —tarxeta de presentación na mítica revista Fierro— e Caín. Pero cando se trata de compañeiros recorrentes, merece unha mención especial Carlos Trillo, con quen traballou en obras como Fulú, Simón, Video Noir, Boy Vampiro (Yo, Vampiro en España), Borderline, Horror revisitado, Chicanos e Los misterios de la luna roja. Un prolífico período durante o cal tivo unha presenza significativa nos mercados francés e italiano, e potenciou unha evolución estilística que lle permitiu alcanzar o “equilibrio nos brancos e negros, sen descoidar a composición e a narración”.

A mediados dos anos noventa, tras asistir á San Diego Comic-Con, logrou captar a atención dos editores americanos: en Dark Horse Comics asignáronlle Alien: Resurrection (1997), adaptación da película homónima dirixida por Jean-Pierre Jeunet, e Aliens: Wraith (1998). Impresionado polo seu nivel, o editor Axel Alonso requiriu os seus servizos para debuxar unha serie limitada titulada Jonny Double, escrita por un guionista natural de Cleveland con quen enseguida estableceu unha inusual química: Brian Azzarello. O entendemento foi tal que pronto acometeron un novo proxecto, hoxe convertido nun clásico do selo Vertigo e do xénero negro: 100 Balas, co que Risso gañou ata catro premios Eisner. Durante a súa estancia na colección, participou en cabeceiras como Weird Western Tales, Heart Throbs ou Flinch, debuxando historietas recompiladas no volume Grandes autores de Vertigo: Eduardo Risso. No que ao xénero superheroico se refire, son especialmente recordadas as súas visitas a Gotham City, agrupadas no tomo Grandes autores de Batman: Brian Azzarello y Eduardo Risso — Ciudad rota y otras historias.

Tras Lobezno: Logan (2009), escrita por Brian K. Vaughan, volveu coincidir con Azzarello na miniserie de ciencia ficción Spaceman (2011), en 100 Balas: Hermano Lonospin-off da mítica serie— e en Moonshine, colección publicada por Image Comics. Tamén participou en proxectos do calado de Antes de Watchmen e Caballero Oscuro III: La raza superior; e debuxou a novela gráfica Noche Oscura: Una historia verídica de Batman (ECC), que relata un episodio autobiográfico do guionista Paul Dini.

Alén das súas encargas para o mercado americano, este talentoso autor atopou tempo na súa apertada axenda para toparse co asasino a soldo Luca Torelli. Así, xunto a Enrique Sánchez Abulí —creador do personaxe— asinou o álbum Torpedo 1972: A propósito del Mar Muerto, que nos retrotrae á convulsa Nova York dos anos setenta para devolvernos todo un mito da novena arte.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

2009

Lobezno: Logan (Panini).

2012

Spaceman (ECC).

2013

El Ángel (ECC).

Antes de Watchmen: Moloch núm. 1 e 2 (ECC).

2013-2015

100 Balas (ECC).

2014

100 Balas: Hermano Lono (ECC).

Grandes autores de Batman: Brian Azzarello y Eduardo Risso — Ciudad rota y otras historias (ECC).

2016

Noche Oscura: Una historia verídica de Batman (ECC).

Grandes autores de Vertigo: Brian Azzarello y Eduardo Risso — Jonny Double (ECC).

Grandes autores de Vertigo: Eduardo Risso (ECC).

Caballero Oscuro III: La raza superior núm. 2 (ECC).

2017

Torpedo 1972: A propósito del Mar Muerto (Panini).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies