ENRIQUE SÁNCHEZ ABULÍ 2017-07-07T19:15:59+00:00
ENRIQUE SÁNCHEZ ABULÍ

Foto de Ana Portnoy

Enrique Sánchez Abulí (Palau-del-Vidre, 1945)

Dende moi pequeno Abulí mostrou unha especial destreza cos xogos de palabras e os retruécanos, afección que xunto á influencia do seu pai Enrique Sánchez Pascual —gran autor de novela popular— acabaría conducíndoo inexorablemente cara á escritura, á que anos máis tarde se dedicaría plenamente, iniciando unha prolífica carreira, na que a miúdo formaría equipo cun elenco formidable de colaboradores habituais.

Comeza a súa carreira nos anos sesenta, en Hazañas Bélicas, á que lle seguen varios traballos de axencia para S.I. (Selecciones Ilustradas), desempeñando labores tanto de guionista como de tradutor.

Durante as décadas seguintes prodígase cunha excelsa produción na que non faltan colaboracións frutíferas con algúns dos debuxantes que o acompañarían de forma recorrente ao longo da súa carreira.

Sería na década dos oitenta cando Abulí se consagra definitivamente como autor grazas aos episodios de Zodíaco, facendo tándem artístico con Esteban Maroto para a revista 1984. E é ese mesmo ano cando por fin coñecemos unha das creacións máis célebres e laureadas da súa carreira, Torpedo 1936, protagonizada polo icónico asasino a soldo Luca Torelli; en palabras do propio autor, “un tipo co que non iría de copas”, que nace inicialmente grazas aos lapis do veterano Alex Toth, quen moi pronto abandona o proxecto ao non compartir o escuro sentido do humor das súas historias; sería Jordi Bernet quen recollería o testemuño ata o ano 2000, momento en que as súas historias chegarían a unha abrupta fin.

Da súa afiada pluma tamén sairía Kafre, outra das súas célebres series, creada xunto ao galego Das Pastoras para a revista satírica El Jueves, e que máis tarde sería recompilada na colección Pendones del humor.

A chegada do ano 1992 propicia a publicación de dous álbums producidos pola Sociedad Estatal Quinto Centenario e Planeta DeAgostini: Relatos del nuevo mundo, con Luis Bermejo e Alfonso Font. E ese mesmo ano xorde tamén a serie Historias negras (Makoki) xunto a Bernet. Pero a colaboración entre ambos os autores non cesa e dela nacen obras como La Naturaleza de la Bestia (Glénat), reeditada en 2013 baixo o título Ab Irato (EDT).

Durante case dez anos participa na edición española de Playboy coa colección Maestros del erotismo, xunto a Martín Saurí e Félix Vega. E antes de que remate a década, da súa mente xorden tamén as pendencieiras historias de Snake: por un puñado de dólares con Bernet, e 13 relatos negros con Oswal.

A súa produción non decae no novo século e non tardan en chegar os álbums Capitán Patapalo (Norma Editorial), levados ao papel polo debuxante Christian Rossi; Puntos cardinales (Recerca Editorial) xunto a Martín Saurí; ou o libro recompilatorio Los relatos de Torpedo (Planeta DeAgostini). No teatro rubrica xunto a Jesús Roche Asesinos anónimos, que sería adaptada posteriormente ao cómic por Félix Vega (Planeta DeAgostini), con quen tamén asinaría María Dolares (Planeta DeAgostini).

No 2009, grazas a Hernán Migoya, publícase Historias tremendas, unha recompilación de relatos negros xa publicados con anterioridade, aos que se suman outros aínda inéditos, cun apartado gráfico a cargo de Oswal e Darko. Tamén con Migoya ao ano seguinte ve recompiladas as historietas de Alex Magnum.

Abulí é galardoado co Gran Premio na 33ª edición do Saló Internacional del Còmic de Barcelona no ano 2015.

Entre os seus últimos traballos figuran La nieve y el barro (Panini Cómics) con debuxo de Oswal. El albino, con debuxo de Marcelo Pérez, publicado en España quince anos máis tarde que na súa edición orixinal francesa. E neste 2017 por fin preséntase un dos seus traballos máis esperados, co que recupera as aventuras e desventuras do asasino a soldo Luca Torelli, no álbum Torpedo 1972: A propósito del Mar Muerto, ambientado nesta ocasión na convulsa Nova York dos anos setenta, formando tándem artístico co arxentino Eduardo Risso, quen asume agora o reto de tomar as rendas do debuxo de tan emblemático personaxe.

Actualmente, Abulí segue inmerso en numerosos proxectos editoriais xunto a algúns dos seus debuxantes de cabeceira habituais, ademais de continuar co seu infatigable labor como tradutor para Norma Editorial.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

1993-1998

Pendones del humor. KAFRE (Ediciones El Jueves).

2013

La nieve y el barro (Panini Cómics).

2014

Torpedo 1936. Integral (Panini Cómics).

2015

Serie Negra. Integral (Panini Cómics).

Torpedo 1936. Los relatos (Panini Cómics).

2017

Torpedo 1972: A propósito del Mar Muerto (Panini Cómics).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies