JULIE ROCHELEAU 2017-07-07T19:18:17+00:00
JULIE ROCHELEAU

JULIE ROCHELEAU (Montreal, 1982)

Tras o seu paso pola Cégep du Vieux en Montreal, onde cursou estudos artísticos, a ilustradora canadense iniciaría a súa carreira profesional no mundo da animación e traballaría para diversos estudios durante case unha década, encargándose da realización do deseño de personaxes e storyboarding.

Finalmente no ano 2010 daría o salto como historietista, publicando con Glénat Québec a obra La Fille invisible, baseada nun guión de Emilie Villeneuve, pola cal ambas as autoras chegarían a gañar un premio Bédéis Causa do Festival de Quebec. Ese mesmo ano Julie gañaría o Premio Joe Schuster á mellor colorista e sería nomeada tamén na categoría de mellor debuxante.

A súa seguinte inmersión no mundo do cómic chegaría coa multigalardoada La cólera de Fantomas, adaptando o guión de Olivier Bocquet, co que levarían ao papel unha libre interpretación do celebérrimo e infame vilán creado polos franceses Souvestre e Allain. O icónico inda que algo anticuado Fantomas foi un personaxe que ben podería considerarse como o predecesor dos superviláns de cómic, que cobraría vida en máis dunha trintena de novelas de misterio a comezos do século pasado e que agora dá o salto ata unha nova xeración de lectores grazas a esta nova serie de tres tomos de aventuras, onde o debuxo audaz e expresivo da canadense pon ao día a súa lenda.

O traballo máis recente de Julie, aínda non publicado en España, é La Petite Patrie, baseado na afamada novela autobiográfica de Claude Jasmin e adaptada por Grégoire Normand. Esta crónica da vida nun popular barrio de Quebec vista a través dos ollos dun neno de oito anos, nos albores dos anos corenta, proponnos unha historia con aires de nostalxia, na que conflúen as lembranzas da súa infancia: a guerra, a relixión, os días xogando nas rúas, o amor, a morte e a fin da inocencia.

Na actualidade Julie reside en Montreal, onde simultanea o seu traballo como historietista coa ilustración de libros infantís e de carteis.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

2015

La cólera de Fantomas 1. La guillotina (Dibbuks).
La cólera de Fantomas 2. Todo el oro de París (Dibbuks).

2016

La cólera de Fantomas 3. A tumba abierta (Dibbuks).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies