KIKO DA SILVA 2017-07-07T19:19:05+00:00
KIKO DA SILVA

KIKO DA SILVA (Vigo, 1979)

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, historietista, ilustrador e director editorial galego, con tan só 16 anos publicou o seu primeiro libro ilustrado e empezou a traballar como humorista gráfico no diario La Voz de Galicia. Soamente un ano despois recibiría o Premio Ourense de Banda Deseñada ao mellor autor afeccionado.

A súa produción seguiría ligada á ilustración infantil durante os anos seguintes, e o seu traballo pódese atopar en títulos como Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis, A memoria das árbores, Moncho e a mancha, Rato de campo e rato de cidade e ¿Que contan as ovellas para durmir?.

No 2001 fundou xunto ao libreiro pontevedrés Cano Paz a revista BD Banda, que se converteu en 2005 na primeira revista en lingua galega en recibir o premio do xurado do Saló Internacional del Còmic de Barcelona.

Entre os seus personaxes máis queridos atópase o pequeno Fiz, cuxas trasnadas verían a luz por vez primeira en 2002 entre as páxinas de Golfiño, suplemento infantil de La Voz de Galicia, e que posteriormente serían recompiladas no tomo Fiz nos biosbardos, publicado por BD Banda. Tras o peche desta mítica cabeceira galega de cómic no 2004, empezou a colaborar en El Jueves, primeiro na revista infantil Mister K e logo como colaborador habitual da cabeceira estrela El Jueves.

Chegado o 2007 lanzaría tamén a revista satírica en galego Retranca, unha das publicacións humorísticas máis lonxevas, polémicas e vendidas de Galicia, que chegaría a gañar o premio do público do Saló Internacional del Còmic de Barcelona á mellor revista e o Premio Ourense de Banda Deseñada á mellor iniciativa de Galicia 2010.

Ese mesmo ano recibe o Premio Xoán Manuel Pintos pola promoción da lingua galega.

Tres anos máis tarde obtén unha bolsa da Fundación Arte y Derecho que lle permite afrontar a realización da súa primeira novela gráfica Baixo a sombra das pedras flotantes, que editará Norma Editorial en castelán e Xerais en galego.

Mentres tanto, segue alternando o seu traballo como artista co de editor e crea a revista de corte infantil Fiz, á que lle segue o álbum Fiz, o neno máis porco do mundo, que leva catro edicións vendidas en galego e dúas en castelán. Actualmente, o personaxe conta con suplemento propio os domingos no Diario de Pontevedra, onde seguen crecendo as escatolóxicas e hilarantes aventuras do traveso neno.

Pero, sen dúbida, entre os seus proxectos máis ambiciosos figura a creación no 2012 da primeira escola profesional de cómic e ilustración de Galicia, O Garaxe Hermético (Premio Ourense de Banda Deseñada á mellor iniciativa), con mestres profesionais galegos do talle de Fernando Iglesias, Fernando Llor, Fran Bueno, Miguel Porto, Rodrigo Cota ou Miguelanxo Prado. Nos cinco anos que transcorreron dende entón, a escola converteuse nun dos referentes formativos do cómic en España.

Dende o 2013 encárgase da sección de cómic de Oink!, a revista do Xabarín Club (Premio Ourense de Banda Deseñada á mellor iniciativa 2013).

No 2014 álzase co Premio de Banda Deseñada Castelao pola inusual obra O inferno do debuxante, editada en galego pola Deputación da Coruña e en castelán pola editorial Dibbuks.

Na actualidade segue inmerso na produción da súa próxima novela gráfica Baixo a sombra das pedras flotantes, exerce infatigablemente como director e profesor d’O Garaxe Hermético, e ademais encabeza o proxecto Castelao, alma galega en colaboración cun equipo formado por cinco dos seus alumnos máis avantaxados, no que se adaptan ao cómic sete relatos da obra literaria do ilustre Castelao.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

2005

Fiz nos biosbardos (BD Banda).

2007

Retranca (Retranca Editora).

2011

Fiz, el niño más puerco del mundo (Retranca Editora).

2014

El infierno del dibujante (Dibbuks/ Diputación de A Coruña).

2017

Curso de cómic Fiz (Dibbuks).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies