NATACHA BUSTOS 2017-07-07T19:19:49+00:00
NATACHA BUSTOS

NATACHA BUSTOS (Ibiza, 1981)

O deseño gráfico ou a animación son algunhas das disciplinas que esta titulada en Belas Artes exerceu antes de realizar o seu debut como historietista no 2011, ano en que o seu talento e o seu debuxo se porían ao servizo dun guión asinado por Francisco Sánchez e que daría como resultado Chernóbil: la zona, unha novela gráfica que lles rendía homenaxe ás vítimas da catástrofe nuclear de Ucraína, que chegaría a ser publicada en países como Corea, Xapón e Francia, ademais de España. Este traballo valeríalle o Premio Tournessol do Festival de Angoulême 2012, alén de abrirlle as portas a un novo mundo profesional.

Á súa obra debut seguiríanlle colaboracións como El diablo aburrido xunto a Manuel Mota, a súa participación na serie azul de Nuevas Hazañas Bélicas con guión de Hernán Migoya, a súa historia breve na antoloxía de terror Tales from the end of the world, ou a súa achega a Todas putas, proxecto colectivo coordinado por Carla Berrocal no que unha excelsa selección de autoras nacionais e internacionais adaptou unha serie de relatos escritos por Migoya.

Dende entón a artista estivo involucrada co colectivo Caniculadas, do que resultaría unha frutífera e delirante colaboración no webcómic homónimo, ou a publicación de títulos como Institutos.

No 2015 produciuse o seu debut no mercado francés, coincidindo coa publicación da cuarta entrega da serie futurista Lolita HR. Un proxecto ao que chegou por recomendación de Javier Rodríguez, debuxante dos tomos previos.

A súa primeira incursión nos Estados Unidos chegaría co número 3 de Strange Sports Stories, con guión de Brandon Montclare. E posteriormente traballaría no número 10 da serie regular de Spider Woman.

Grazas á visibilidade que estes traballos lle proporcionaron no mercado americano, axiña se convertería na artista escollida para tomar as rendas de Moon Girl y Dinosaurio Diabólico, formando equipo creativo xunto á colorista Tamra Bonvillain e os guionistas Brandon Montclare e Amy Reeder, nunha atrevida aposta da editorial Marvel por reinventar dous dos personaxes máis estraños creados polo mestre Jack Kirby, que nesta ocasión se vestían na pel dunha moza superdotada que quere cambiar o mundo e dun tiranosaurio vermello, cuxas aventuras están causando verdadeiro furor e ampliando as filas de lectores de cómic sen restricións de idade ou xénero.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

2011

Chernóbil: la zona (Glénat).
El diablo aburrido (Ariadna Editorial).

2012

Nuevas hazañas bélicas (Glénat)

2013

Tales of the end of the world (Norma Editorial).

2014

Todas putas (Dibbuks).
Institutos (Astiberri).

2015

Spider Woman #2: Trapos nuevos (Panini Comics).

2016

Moon Girl y Dinosaurio Diabólico 1: BFF (Panini Comics).

2017

Moon Girl y Dinosaurio Diabólico 2: Monadas cósmicas (Panini Comics).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies