PABLO AULADELL 2017-07-07T19:20:35+00:00
PABLO AULADELL

PABLO AULADELL (Alicante, 1972)

Inda que cursou a licenciatura de Filoloxía Inglesa na Universitat d’Alacant, non tardou en orientar os seus esforzos cara aos campos da ilustración e a historieta. En 1996 entrou en contacto co colectivo de autores alacantino La Taberna del Ñú Azul, avezándose a través de diferentes historias curtas publicadas en fanzines.

Catro anos máis tarde iniciou a súa carreira profesional aproveitando o impulso do Premio de Cómic Injuve 2000, tras o cal lle presentou a Edicions de Ponent o seu primeiro traballo extenso: El camino del titiritero (2001), polo que recibiu un nomeamento ao Premio do Saló Internacional del Còmic de Barcelona de 2002 ao autor revelación, categoría que finalmente conquistou no 2006 co seu seguinte traballo: La Torre Blanca, tamén nomeada ao mellor debuxo e á mellor obra española. Este cómic reflectiu a crecente madurez do autor, que sinala a Ricard Castells, Federico del Barrio e Jean Giraud entre as súas grandes influencias.

No 2008 embarcouse en Soy mi sueño, primeiro proxecto de cómic no que debuxou un guión alleo, asinado por todo un referente como Felipe Hernández Cava. Dous anos máis tarde, a editorial Huacanamo propúxolle adaptar ao cómic El paraíso perdido, obra cume das letras inglesas escrita por John Milton en 1667. Tras publicarse o primeiro capítulo, o proxecto parouse ata que a editorial dixital Minos lle propuxo a Auladell que lle dese continuidade; e así o fixo, a través de tres capítulos adicionais. Finalmente, en 2015 Sexto Piso publicou unha edición integral da obra, que en outubro de 2016 obtivo o Premio Nacional do Cómic polo “gran valor artístico e a forza visual inspirada pola intemporal visión de Milton, o seu tratamento da cor, o uso orixinal da iconografía e a narrativa que consegue ao mesmo tempo ser arquetípica e plenamente actual”.

Ao longo dos anos, Auladell tamén atopou tempo para participar en diferentes álbums colectivos —Plagio de encantes (2001), El corazón de las tinieblas (2002), Tapa roja (2004), Lanza en astillero (2005)— e en revistas como Tos, El Manglar ou La Resistencia. Pero máis aló da historieta, Auladell desenvolveu unha carreira paralela no eido da ilustración, recoñecida co premio do Ministerio de Cultura ás mellores ilustracións de libros infantís e xuvenís en 2005 por Peiter, Peter y Peer y otros cuentos de Andersen. Na súa bibliografía como ilustrador tamén destacan La feria abandonada (Barbara Fiore, 2013), La leyenda del Santo Bebedor (Libros del Zorro Rojo, 2014), Las aventuras de Tom Sawyer (Sexto Piso, 2015) ou Las aventuras de Huckleberry Finn (Sexto Piso, 2016); títulos aos que habería que sumarlles máis de trinta álbums, novelas e cómics cuxos orixinais foron expostos en galerías e feiras de Madrid, Barcelona, Roma, Bolonia, Xenebra e París. Unha bagaxe que o levou a impartir charlas e obradoiros en España e Italia, e a exercer como docente do Master Ars in Fabula e da AIF Summer School de Macerata (Italia).

BIBIOGRAFÍA ESENCIAL

2001

El camino del titiritero (Edicions De Ponent).

2005

La Torre Blanca (Edicions De Ponent).

2008

Soy mi sueño (Edicions De Ponent).

2015

El paraíso perdido (Sexto Piso).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies