RALPH MEYER 2017-07-07T19:22:03+00:00
RALPH MEYER

Foto de Rita Scaglia

RALPH MEYER (París, 1971)

Apaixonado polo debuxo e o cómic dende unha idade moi temperá, aos 20 anos abandona o seu París natal e pon rumbo a Bélxica, onde estuda ilustración e historieta no Institut Saint-Luc de Liège. Tras chamar a algunhas portas e sufrir máis dun rexeitamento, en 1996 presentaríalle o seu traballo ao guionista Philippe Tome, quen lle propón á súa vez traballar nunha escura historia que tan só un ano máis tarde acabaría converténdose no primeiro volume da triloxía Nana asesina.

Sería entón cando xunto a outros autores decide fundar o taller Parfois j’ai dur, onde se fragua a obra Un futuro sin nubes, con guión de Fabien Vehlmann e na que comparte os labores de debuxante co seu amigo Bruno Gazzotti. Xunto a eles seguiría producindo tamén durante algún tempo numerosas historias para Spirou.

Máis adiante repetiría tándem artístico con Vehlmann, na celebrada obra de ciencia ficción IAN, na que se narran as aventuras dunha intelixencia artificial que habita baixo unha pel de humano.

Dende entón a súa carreira despega de forma meteórica e en 2008 firma xunto a Xavier Dorison o primeiro volume da serie bestseller XIII Mystery, que lle valería o honor de alzarse co Premio Saint-Michel ao mellor debuxante.

No 2010 enfróntase a un dos maiores retos artísticos da súa carreira coa obra Página negra, de Frank Giroud e Denis Lapière, onde o seu debuxo compartimentado en dúas metades suporía un xiro radical no seu estilo gráfico.

Xunto ao francés Dorison volve traballar no díptico Asgard, un trepidante relato que nos mergulla nas paisaxes e mitoloxía nórdicos, publicado no 2012 por Editions Dargaud. Pero a súa satisfactoria unión artística non se disolve aínda e pouco tempo máis tarde lánzanse coa encomiada obra Undertaker, unha lúgubre e trepidante balada coa que o dúo francés nos devolve á senda do máis xenuíno western.

Na actualidade Ralph vive en Barcelona e segue traballando no terceiro tomo da serie Undertaker.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

2008

IAN (edición en blanco y negro) (Dibbuks).

2010

XIII Mystery 1. La mangosta (Norma Editorial).

2014

Asgard (Norma Editorial).
Página negra (Spaceman Books).

2015

IAN (edición a color) (Spaceman Books).
Undertaker 1. El devorador de oro (Norma Editorial).

2016

Undertaker 2. Cómo danzan los buitres (Norma Editorial).
Un futuro sin nubes (Dibbuks).

2017

Nana asesina (Norma Editorial).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies