RAYCO PULIDO 2017-07-07T19:22:54+00:00
RAYCO PULIDO

RAYCO PULIDO (Gran Canaria, 1978)

Licenciado en Belas Artes pola Universitat de Barcelona, o artista natural de Telde e irmán do tamén historietista Javier Pulido iniciou a súa carreira alternando a presenza en exposicións colectivas de debuxo e gravado con concursos de cómic, a nivel tanto autonómico como nacional. Tras varios catálogos, premios e mencións, aparca a historieta curta para empezar a traballar en formato longo.

A súa primeira novela gráfica foi Final feliz, con guión de Hernán Migoya, á que lle seguiría Sordo, sobre un guión de David Muñoz, ambas publicadas por Edicions de Ponent. Mais non sería ata o 2011 cando debutase como autor completo coa súa obra Sin título: 2008-2011, unha metaficción na que combinaba foto-realidade co seu persoal estilo gráfico, para crear un relato no que exploraría os seus medos e inquietudes narrativas como autor novel.

O seu seguinte traballo, titulado Nela, chegaría de mans de Astiberri e nel afronta a adaptación á linguaxe da historieta de Marianela, a novela breve de Benito Pérez Galdós. Un traballo co que unha vez máis mostra a súa capacidade para renovar o seu grafismo e a súa narrativa. Tras Nela recupera a súa faceta como historietista en formato curto e participa en dúas antoloxías colectivas. A primeira, Panorama: La novela gráfica española hoy (Astiberri), unha recompilación con material inédito dalgúns dos autores españois máis representativos do momento. A segunda, Terry (Fulgencio Pimentel), con vocación internacional, recompila historietas de autores de varios países.

Grazas a unha bolsa/residencia convocada por Acción Cultural Española (AC/E) e a Cité internationale de la bande dessinée et de l’image, consistente nunha estadía na Maison des Auteurs (Angoulême), no 2016 logra culminar o seu traballo máis recente, Lamia, unha obra coa que rende homenaxe ao xénero negro máis xenuíno e a escritores como Jim Thompson ou González Ledesma. Presenta así un inquietante relato de asasinos en serie, intelixentemente construído, onde realidade histórica e ficción policial se funden nunha Barcelona de posguerra en branco e negro.

Durante o pasado mes de abril, a revista El País Semanal publicou a súa primeira incursión no cómic-reportaxe: La herencia de Franco, historieta de 10 páxinas desenvolvida xunto ao xornalista Xosé Hermida na que debullan “a parte máis suculenta dos negocios da familia Franco”

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL

2005

Final Feliz (Edicions De Ponent).

2008

Sordo (Edicions De Ponent).

2011

Sin título: 2008-2011 (Edicions De Ponent).

2013

Nela (Astiberri).
Panorama: la novela gráfica española hoy (Astiberri).

2014

Terry (Fulgencio Pimentel).

2016

Lamia (Astiberri).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies