inicio Viñetas desde o Atlántico

YOLANDA CASTAÑO

Biografía

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977), é unha recoñecida poeta e activa xestora cultural que dirixe festivais, obradoiros literarios, obradoiros de tradución poética e ciclos mensuais de poesía con autoras/es galegas/os e internacionais.

Como poeta gañou, entre outros, o Premio da Crítica da Poesía Galega 1998, por Vivimos no ciclo das Erofanías, e premio El Ojo Crítico 2009, por Profundidad de Campo. Tamén é autora de cinco libros de poesía infantil, ademais de editora e tradutora.

Recibiu bolsas de residencia para escritores en Rodas, Múnich, Pekín e Escocia. A súa obra apareceu representada en multitude de antoloxías, así como en numerosos festivais e encontros de toda Europa, Asia e América e traduciuse en parte a máis de 25 linguas.

Logo de investigar previamente na hibridación da poesía con outras linguaxes, como fixo no seu día coa música, a plástica ou o audiovisual, recentemente decidiu facer un exercicio similar co cómic. O puño e a letra é o primeiro libro da tradición editorial galega que se adentra no xénero internacionalmente coñecido como Cómic Poético. Nel, 40 poemas son interpretados en viñetas por 40 dos nomes máis destacados do panorama galego do cómic. 40 textos seleccionados de entre os 25 anos de aventura literaria de Yolanda Castaño trasladados ao cómic en historietas dunha soa páxina por nomes tan coñecidos como Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú (Dea Gómez & Diego Omil), Yupiyeyo / María Álvarez Hortas, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Dani Xove, Tokio ou Fernando Iglesias «Kohell».

O puño e a letra ganou o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Banda Deseñada 2018 e o Premio Gala do Libro Galego, 2019 na categoría de Banda Deseñada.

Bibliografía esencial

2018 – O puño e a letra (Edicións Xerais)

Facebook

Instagram

Yolanda Castaño