A CORUÑA, DO 7 AO 13 DE AGOSTO
E, tamén, música, cinema, conversas, visitas e moito máis…
26 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA
Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas, actividades paralelas e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.
Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2023 celebra a súa 26ª edición do 7 ao 13 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galego, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña cun novo rumbo, como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas.
A nova edición de Viñetas desde o Atlántico quere ser unha reflexión colectiva orquestrada xunto ao sector do cómic da cidade. Deste xeito, neste 2023, a cita aposta pola posta en valor do riquísimo ecosistema autoral e editorial local, buscando, así mesmo, sinerxias con institucións de referencia a nivel europeo e sen esquecerse, tampouco, dun dos seus grandes valores e signos de identidade: a internacionalización. Tras 25 anos de historia, Viñetas continuará a ser, ademais, a punta de lanza no mes de agosto do xénero a nivel nacional, como un dos seus grandes referentes. Porque A Coruña é, sen dúbida, unha cidade de cómic.
As grandes pioneiras do cómic en España serán as protagonistas deste novo Viñetas. Este 2023, o festival reunirá a figuras como Laura Pérez Vernetti, Alberto Vázquez, Teresa Radice, Stefano Turconi, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila ou Elisa McCausland, ademais das homenaxes a Calpurnio Pisón e Francisco Ibáñez. Viñetas desde o Atlántico porá tamén en valor o rico ecosistema autoral local coa mostra colectiva BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, e contará, asimesmo, coa súa xa clásica “Rúa da Banda Deseñada”, que acolle expositores de editoras e librarías de prestixio de toda España.
O ilustrador coruñés Manel Cráneo firma este 2023 o cartel dunha edición que dá voz e presenza ás mulleres no mundo da banda deseñada. Unha edición que rende unha merecida homenaxe a figuras recentemente desaparecidas. Unha edición que abre xanelas ao mundo da animación, consciente, precisamente, do grandísimo traballo que se está a realizar desde A Coruña. Unha edición que busca a diversidade e que pon en valor as autorías locais, erixíndose como o paraugas que arroupa todo o que sucede na cidade ao redor do xénero. Esta é, tamén, unha edición que busca aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas.
Nesta nova etapa, Viñetas propón un novo modelo de xestión, mantendo a aposta pola excelencia e abríndose a novas formas de facer e de mirar. Viñetas desde o Atlántico é tamén un espazo de promoción da cultura e das artes. Un festival de banda deseñada para celebrar a arte do xénero e aos grandes artistas locais, nacionais e internacionais. Unha plataforma para promover e difundir a cultura na cidade, creando un ambiente vibrante e diverso, con actividades infantís e profesionais, sinaturas e moitas outras sorpresas. Como novidade, Viñetas sumará este ano a música e o cinema ao seu cartel, cun concerto ilustrado e unha coidada serie de proxeccións cinematográficas.
Nesta 26º edición de Viñetas, máis de 30 autoras e autores de referencia do mundo da banda deseñada asinarán os seus libros na Rúa da BD e nas salas de exposicións. Entre as autorías presentes cítanse nomes como os de David Rubín, Emma Ríos, Xulia Vicente, Paula Cheshire, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Manel Cráneo e Brais Fierro, ademais de Laura Pérez Vernetti, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila, Elisa McCausland, Teresa Radice, Stefano Turconi ou Alberto Vázquez, entre moitas outras firmas.
En definitiva, máis dun centenar de exposicións, charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e obradoiros converterán de novo A Coruña na capital universal do cómic este mes de agosto.
BENVIDAS E BENVIDOS A VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023!