Ambos os dous autores contan no seu historial con nomeamentos aos premios Eisner, os máisprestixiosos do mundo no sector do cómic

A BRITÁNICA ISABEL GREENBERG E O MEXICANO TONY SANDOVAL PROTAGONIZAN ESTE MÉRCORES AS CHARLAS DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO

Os encontros dos artistas convidados cos afeccionados serán no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival. Greenberg falará do seu traballo a partir das 18.15 horas e Sandoval, das 19.30 h.

  • A debuxante londiniense Isabel Greenberg, xornalista de profesión, obtivo coa súa primeira historieta larga “La enciclopedia de la tierra temprana”(2013) un éxito fulminante en Estados Unidos e Canadá, con nomeamento aos Eisner incluído. O feminismo e o recurso a elementos recoñecibles dos contos clásicos e mais o folclore son os acenos de identidade do seu traballo 

  • A obra de Tony Sandoval, autor mexicano autodidacta residente en Europa e dúas veces nomeado aos Premios Eisner, móvese entre o fantástico e o onírico, coa maxia e a morriña como elementos habituais. Traballa para editoriais de Estados Unidos, México e España. Actualmente prepara un relato autobiográfico que conta a súa propia viaxe para cruzar de forma ilegal a fronteira con Estados Unidos

  • Na carpa da feira editorial, a Rúa da BD, continúa o obradoiro de cómic para a rapazada que imparte Jano. Tamén haberá outro taller sobre como presentarlle un proxecto de cómic a unha editorial

A Coruña, 6 de agosto de 2019.- A debuxante británica Isabel Greenberg e o mexicano Tony Sandoval departirán mañá cos afeccionados no Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico que se desenvolve desde onte na Coruña. Ambos creadores serán os protagonistas do encontro que cada tarde permite ao público achegarse e parolar cos convidados de cada edición. Greenberg, un dos fenómenos do cómic británico actual, falará do seu traballo a partir das 18.15 horas. Ás 19.30 h, será o autor de El cadáver y el sofá,quen falará cos asistentes. Coma sempre, os encontros terán lugar no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival.

O traballo de ambos invitados desta XXII edición do Salón Internacional comparten, aínda que con temáticas e narrativas gráficas ben distintas, un selo persoalísimo e perfectamente distinguible. No caso de Greenberg, o corte feminista e unha apelación frecuente a elementos recoñecibles dos contos clásicos e mais o folclore. Tony Sandoval, pola súa banda, móvese entre o fantástico e o onírico. A maxia e a morriña son elementos habituais nas súas propostas. Ademais, os dous obtiveron nomeamentos nos últimos anos aos premios Eisner, o galardón máis prestixioso do mundo no sector da banda deseñada. As súas obras, igual cas de Greenberg, permanecerán ata o 8 de setembro no Kiosco Alfonso.

Rúa da BD

Na carpa da feira editorial, a Rúa da BD, continúa o obradoiro Aprende a debuxar cómic da man de Planeta Cómic que imparte o creador galego Jano. Esta actividade, dirixida ao público infantil e xuvenil, terá lugar todos os días, agás o sábado, entre as 11 h e as 13.00 horas. Cómpre inscribirse para participar. O horario para as inscricións vai de 11 da mañás a 11:30 horas.

Tamén na Rúa da BD, pero xa pola tarde, de 19 horas en adiante, haberá outro obradoiro sobre como presentarlle un proxecto de cómic a unha editorial. Será impartido por Guillermo Morales (Grafito Editorial).

Isabel Greenberg

Isabel Greenberg exerceu como xornalista (Nobrow Press, The Guardian, The New York Times) ata que gañou como narradora gráfica en 2011 o premio The Observer Jonathan Cape. Tras obter o galardón, animouse a publicar a súa primeira historieta longa, La enciclopedia de la tierra temprana(2013). Con ela logrou inmediatamente gran popularidade en Estados Unidos e Canadá. A obra foi best seller recoñecido por NYT Graphic Books e optou a dous premios Eisner. En 2014 alzouse co British Comic Award.

A súa seguinte obra, Las cien noches de Hero, publicada en 2016 en Reino Unido, é unha fábula feminista que dá a volta ás historias tradicionais onde as mulleres namoran e teñen que ser rescatadas. Coa historia de Atenea (guión de Imogen), Greenberg mergúllase na mitoloxía grega. A obra narra as aventuras de Atenea, a deusa da sabedoría, a guerra e a coraxe. Trátase dun conto cheo de audacia e valentía sobre a vida dunha das deusas máis intrépidas e determinadas da mitoloxía grega.

Actualmente Isabel Greenberg traballa na súa seguinte novela gráfica, Glass Town, sobre as vidas dos catro irmáns Brontë: Charlotte (autora de Jane Eyre), Emiliy (a de Cumes borrascosas), Anne (quen escribiu Agnes Grey) e o seu irmán Branwell. Ademais de na súa biografía, a novela penetra nos complexos mundos imaxinarios que crearon.

Tony Sandoval

Tony Sandoval, autor mexicano autodidacta dúas veces nomeado aos Premios Eisner, está afincado en Europa. Se ben hoxe en día reside en Xenebra, pasou por Barcelona, Berlín e París. A súa obra móvese entre o fantástico e o onírico, coa maxia e a morriña como elementos habituais. Todo iso lle confire un estilo moi persoal e recoñecible. Os seus primeiros pasos no mundo do cómic foron a través do fanzine Nocturno, onde se converteu no debuxante titular de Tinieblas, o famoso loitador mexicano. O éxito da súa personaxe Blacky, un gato romántico e morriñento, espertaron o interese de varias editoriais de libros infantís e revistas mexicanas, estadounidenses e españolas.

Ten participado en antoloxías como Pulpo Cómics, Consecuencias, Urban Dreams e Meathaüs, participacións que compaxina coa publicación de Johnny Carontee O revólverpara editoriais como Alias Enterprises, en Estados Unidos, e Recerca, en España. En 2005 foi contratado por Paquet Editions para realizar Vielle Amerique, publicada en Suíza, Francia e Bélxica. Máis adiante publicaría o seu gran éxito, El cadáver y el sofá (2007), ao que seguirían títulos como Epidemia de melancolia (2011) ou La serpiente de agua (2014), inspirada en Allan Poe.

A súa obra máis recente, Cita en Phoenix, é un relato autobiográfico onde o autor conta a viaxe na que se embarcou para cruzar de forma ilegal a fronteira estadounidense.Tony Sandoval achéganos unha visión persoal dos padecementos polos que pasan as persoas sen papeis na súa travesía cara a unha vida mellor. Na actualidade segue desenvolvendo proxectos en forma de novela gráfica e ilustrando portadas de libros e discos para compañías de México, Suramericana e Europa.