Tamén este venres, día 9, pola tarde, terá lugar a primeira sesión de sinaturas dos autores convidados a esta XXII cita coa banda deseñada.
A POETA YOLANDA CASTAÑO E O “TINTINÓFILO” PEDRO REY ACUDIRÁN MAÑÁ A CONVERSAR COS AFECCIONADOS QUE SE ACHEGUEN AO KIOSCO

Os encontros serán no salón de actos do Kiosco Alfonso (na última planta), sede central do Festival Internacional de Cómic coruñés. Yolanda Castaño falará de “O puño e a letra” ás 18.15 horas. Pedro Rey, ás 19.30 h, da súa colección de exemplares e obxectos da personaxe belga
- Yolanda Castaño, artista polifacética, presenta a súa última aventura literaria, un libro de 40 poemas da súa autoría ilustrados por debuxante galegos. Trátase do primeiro libro da tradición editorial do país que penetra nun xénero internacionalmente coñecido como “Cómic Poético”
- As firmas serán, como é habitual, na planta baixa do Kiosco Alfonso. Desenvolveranse entre as 18 h e as 20 horas. Haberá nova convocatoria de sinaturas o sábado pola mañá, dende o mediodía e ata as 13.30 horas
- Na carpa da feira editorial continuará o obradoiro de debuxo para nenos e mozos que dirixe Jano. Tamén se presentará a versión en galego de El salón de té del oso malayo, de David Rubín, un fanzine de Amnistía Internacional e haberá un taller de disfraces a partir das 19.30 horas, organizado polas Bibliotecas Municipais
- Bartolomé Seguí, Premio Nacional de Cómic, que xa foi convidado a Viñetas en edicións pasadas, estará ás seis da tarde firmando exemplares na Feira da Historieta
A Coruña, 8 de agosto de 2019.- A poeta galega Yolanda Castaño e Pedro Rey, coleccionista de exemplares e obxectos de Tintín, a personaxe máis coñecida do cómic belga, serán os protagonistas, mañá, venres, das charlas cos afeccionados. Castaño intervirá a partir das 18.15 horas e Rey, dende as 19.30 horas en adiante. Terán lugar no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta).
Tamén mañá, e case en paralelo ás charlas, terá lugar unha das citas máis esperadas do Festival, a sesión de sinaturas cos autores convidados. A primeira prevista nesta XXII edición do Festival Internacional coruñés desenvolverase no planta baixa do Kiosco Alfonso en horario de 18 h a 20 horas. O sábado pola mañá haberá unha segunda sesión, nesa ocasión dende o mediodía ata as 13.30 horas.
O Kiosco Alfonso acolle a mostra sobre o “cómic poético” O puño e a letra de Yolanda Castaño, ilustrado por 40 dos máis prestixiosos debuxantes galegos. Fran Jaraba, Fran Bueno, David Rubín, Miguelanxo Prado, Siro, Xaquín Marín, Cynthia Alonso, Xulia Pisón, Xosé Tomás, Santy Gutiérrez, Paula Esteban ouJano, por citarmos só algúns. A colección de Pedro Rey está exposta na Sala Municipal de María Pita. ¡Mil raios!/Tesouros dun tintinófilo! recolle as edicións atesouradas polo coleccionista compostelán en todos os idiomas aos que foi traducida a obra de Hergé. Mostra 116 exemplares, algúns en idiomas tan exóticos como o feroés.
Rúa da BD
Mañá, venres, a actividade da Feira Editorial, a carpa da Rúa da BD, será intensa. Ademais do obradoiro de debuxo para a rapazada que imparte Jano (inscrición previa e antes das 11.30 h), ás 13 h haberá presentación oficial con sinatura do autor da edición en galego de O salón de té do oso malaio, de David Rubín.
Na Feira da Historieta, nas casetas que as editoriais teñen abertas diante do Kiosco, estará ás seis da tarde, firmando exemplares, Bartolomé Seguí, Premio Nacional de Cómic, e convidado de Viñetas en edicións pasadas.
Xa pola tarde, a partir das 18.30 horas, Amnistía Internacional da Coruña, presentará o fanzine “Nai dos desterrados” con temáticas de Dereitos Humanos ilustradas por distintos autores. Pechará as actividades do día, a partir das 19.30 horas, un taller de disfraces organizado polas Bibliotecas Municipais.
Yolanda Castaño
Yolanda Castaño é unha recoñecida poeta e activa xestora cultural que dirixe festivais, obradoiros literarios, obradoiros de tradución poética e ciclos mensuais de poesía con autoras/es galegas/os e internacionais. Como poeta gañou, entre outros, o Premio da Crítica da Poesía Galega 1998, por Vivimos no ciclo das Erofaníase o Premio El Ojo Crítico 2009, por Profundidad de Campo. Tamén é autora de cinco libros de poesía infantil, ademais de editora e tradutora. A súa obra aparece representada en multitude de antoloxías, así como en numerosos festivais e encontros de toda Europa, Asia e América, e está traducida en parte a máis de 25 linguas. É, ademais, guionista, presentadora de televisión e secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), da que é directiva dende hai anos.
Como fixo anteriormente coa música, a plástica ou o audiovisual, recentemente decidiu facer un exercicio similar co cómic. O resultado é O puño e a letra, primeiro libro da tradición editorial galega que ensaia o xénero internacionalmente coñecido como Cómic Poético.
Corenta poemas da escritora son interpretados en viñetas por outros corenta debuxantes, os máis destacados do panorama galego da banca deseñada: Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú (Dea Gómez & Diego Omil), Yupiyeyo / María Álvarez Hortas, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Dani Xove, Tokio e Fernando Iglesias Kohell.
O puño e a letra ganou o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro de Banda Deseñada 2018 e o Premio Gala do Libro Galego 2019 na categoría de Banda Deseñada.
Pedro Rey
Pedro Rey é un dos principais coleccionista españois das aventuras de Tintín, a personaxe belga saída dos lapis de Hergé. A súa afección levou a Rey a reunir exemplares de Tintín nos 116 idiomas nos que foron publicadas as súas aventuras. Algunhas das traducións que logrou atesourar este coleccionista galego son practicamente imposibles de conseguir, coma as realizadas en alguerés ou en feroés. Todos os afeccionados teñen a oportunidade de contemplar a colección completa na exposición de Viñetas desde o Atlántico Mil raios!/Tesouros dun tintinófilo, que se exhibe na Sala de Exposicións do Pazo de María Pita.