- As conversas da tarde cos afeccionados estarán protagonizadas por Raquel Córcoles (Moderna de Pueblo) e o debuxante andaluz, López Cruces
El autor de «Dublinés» e «Café Budapest«, Alfonso Zapico, protagonizará mañá xoves, día 13 de agosto, o Encontro Profesional que inclúe diariamente o programa de Viñetas desde o Atlántico. Trátase dunha oportunidade que ofrece o Salón Internacional do Cómic para que os máis novos creadores do sector coñezan a experiencia, tanto creativa coma editorial e comercial, dos autores consagrados que viaxan á Coruña para participar no certame. A cita é a partir das 10.30 horas no Kiosco Alfonso.
O debuxante asturiano é o protagonista dunha carreira fulgurante enchida de éxitos. Alfonso Zapico alzouse no ano 2010 co Premio ao mellor autor revelación no Salón do Cómic de Barcelona con «La guerra del profesor Bertenev«. En 2012 foi Premio Nacional de Cómic por «Dublinés», biografía do escritor irlandés James Joyce. Asina tamén “Café Budapest«, que recibiu o Premio Haxtur á mellor obra de 2008 e que aborda o enfrontamento entre palestinos e xudeus xurdido a raíz da creación do Estado de Israel, tras a II Guerra Mundial. A súa obra máis recente, moi esperada por público e crítica, é «La balada del Norte«. Trátase dunha recreación, en dous tomos, da Comuna de Asturias, unha folga mineira na que os obreiros se alzaron contra os patróns en 1934.
Xa pola tarde, Raquel Córcoles (Moderna de Pueblo) e o ilustrador andaluz, López Cruces, protagonizarán as charlas cos afeccionados. Córcoles farao entre as 18.30 e as 19.30 e López Cruces charlará cos asistentes entre as 19.45 e as 21.00 horas. Como sempre, as conferencias serán no último andar do Kiosco Alfonso.
Raquel Córcoles está detrás de «Moderna de Pueblo», todo un éxito en internet, grazas ao seu fino humor baseado no contraste entre os habitantes dos pobos e os urbanitas. En 2014 escribe o seu primeiro cómic en solitario: «Los Capullos No Regalan Flores», no que relata as desastrosas citas de Moderna de Pueblo antes de conseguir parella e que foi outro éxito de vendas publicado en múltiples países. Ese mesmo ano, con Carlos Carrero, edita “Cooltureta: la novela gráfica«, unha obra na que disecciona con humor o mundo da cultura dos máis modernos. Ao mesmo tempo segue publicando contidos na súa propia web e en medios como Cuore, El País e GQ. Tamén, e man por man coa xornalista galega Lucía Taboada, idea historias para o personaxe “La Imperfecta”, que se publica mensualmente no suplemento Mujer Hoy.
López Cruces representa na décimo oitava edición de Viñetas desde o Atlántico o cómic de autor. Aínda que o seu traballo se centra fundamentalmente dende finais dos anos oitenta no deseño e a ilustración, obtivo no ano 1991 o Premio ao Autor Revelación do Salón Internacional do Cómic de Barcelona e continua publicando novas historietas en revistas como Idiota e Diminuto, Dos Veces Breve ou Humo. En 2003 participou na ilustración do libro «Cuentos del Cabo de Gata«, unha colección de 21 relatos ambientados neste espazo xeográfico de Almería. Dende 1998 traballa como deseñador gráfico, pero iso non lle impediu publicar propostas como o caderno de viaxes «Por el camino yo me entretengo«.
Continúan tamén na Ágora e o Forum os obradoiros infantís. Na Ágora prosegue o taller «Un mar de viñetas coa Illa Remeira», dirixido por Jacobo Fernández e comeza «Facendo Cómics que te partes«, dirixido por Guitián (as dúas propostas repetiranse ás 10.15 e 12.15 horas). No Forum, a partir das 10.15 horas, comezarán outros dous talleres, «Cómics para flipar a corres», dirixido por José Domingo e «O xastre desastre«, da man de Irene Sanjuan.
E fronte ao Kiosco Alfonso, a Feira Editorial que se celebra paralelamente ao Festival Internacional.