A incorporación da Torre como espazo expositivo e mais o novo emprazamento da Feira editorial, dúas das novidades do XIX Salón mellor acollidas polos visitantes
A Coruña, 14 de agosto de 2016. Conseguir atraer o gran público cara á novena arte e, asemade, satisfacer os estándares de calidade que buscan os interesados no cómic, é, dende hai dezanove anos, ese aínda máis difícil que logra cada agosto Viñetas desde o Atlántico; un Festival que xa se consolidou como un referente europeo, precisamente, pola súa especificidade.
O delicado equilibrio entre excelencia e divulgación que sustenta Viñetas permitiu ao Salón Internacional do Cómic gañarse por dereito propio un lugar no calendario internacional de eventos ao redor da banda deseñada. Máis aínda: propiciou a eclosión de toda unha nova xeración de autores galegos.
“Tras dezanove anos”, afirma o director do Festival, Miguelanxo Prado, “é innegable a eficacia que tivo Viñetas en xerar un caldo de cultivo que favorecese o desenvolvemento desa enorme canteira de autores e autoras que, hoxe en día, están en plena madurez profesional. Agora, o obxectivo –engade Prado–, é desenvolver espazos que podan integrar os intereses dese colectivo xa consolidado”.
“A fórmula de Viñetas revalídaa quen a ten que revalidar: ese público ecléctico que ve no Festival un punto de encontro xa indispensable”, resume Prado. “O Salón do Cómic non é un reduto. É a casa de todos os que teñan o máis mínimo interese neste potente medio”.
“A esencia do Salón, o que non fai diferentes e nos asegura un espazo propio no mundo da narración gráfica, non vai cambiar”. É, nas súas palabras, o “ADN” de Viñetas. “Un ADN que combina o noso interese por achegarlle a banda deseñada ao gran público e favorecer así que a descubra e a valore; e mais o empeño que poñemos ano tras ano en satisfacer as expectativas dese outro público, máis entendido, e xa fidelizado”.
A XIX edición de Viñetas desde o Atlántico que hoxe remata a súa “semana grande” obtivo o respaldo xeneralizado de coruñeses e foráneos, ben afeccionados ou só curiosos, que acudiron de forma masiva a visitar as exposicións, participar nos Obradoiros ou ben charlar cos autores convidados nesta ocasión; desbordando unha vez máis todas as expectativas.
Boa proba son as longuísimas filas que organizaron o venres e o sábado diante do Kiosko Alfonso (sede central de Viñetas) os seguidores de Christ Claremont, Rubén Pellejero, Juan Díaz Canales, Daniel Torres, Cristina Bueno, Nadar, Ramón Marcos e Jorge González, na procura dunha sinatura dos seus debuxantes favoritos.
Torre e Rúa da BD
A incorporación da Torre de Hércules aos espazos expositivos tradicionais de Viñetas (Kiosko Alfonso, Palexco, Durán Loriga e centro Ágora) cumpre á perfección outra das metas que se propuxo acadar o Salón do Cómic dende os seus inicios: espertar a curiosidade daqueles alleos á novena arte e aumentar así o número de potenciais lectores de banda deseñada”.
“A Torre é perfecta para ese labor de divulgación que perseguimos –sinala o máximo responsable de Viñetas–. A súa incorporación non só nos dá unha maior visibilidade, tamén nos permite chegar a un importante número de potenciais novos seguidores de cómic”.
Integrar a Torre como espazo expositivo revelouse, de feito, un acerto, igual que achegar a Rúa da BD, a feira editorial, ao Kiosko Alfonso. Ambas novidades desta XIX edición foron moi ben acollidas polos visitantes do Salón coruñés, que as valoraron moi positivamente.
“Tanto os expositores como o público que nos visitou estes días”, resume Miguelanxo Prado, “amosaron abertamente a súa satisfacción polo novo emprazamento da feira editorial. A súa proximidade ao centro neurálxico de Viñetas, o Kiosko Alfonso, é unha vantaxe indubidable; por non mencionar a complicidade da nosa Feira da Banda Deseñada coa propia Feira do Libro, coa que compartimos calendario. Concentrar ambas as ofertas ao redor dos Xardíns de Méndez Núñez foi moi interesante, así que agardamos poder consolidar esta nova ubicación e repetir a experiencia no futuro”.
Exposicións deica setembro
Viñetas desde o Atlántico pecha hoxe domingo as súas actividades paralelas e mais a feira editorial. Porén, as exposición que exhiben as distintas sedes do Festival seguirán abertas, tal como ocorreu nas 18 edicións anteriores.
Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas permanecerá na sala do Pazo Municipal de María Pita ata o día 18 de setembro. O resto das mostras poderá visitarse ata o día 11. Ademais do Kiosko Alfonso, Palexco e a sala municipal de Durán Loriga, tamén este ano son espazos expositivos o centro Ágora e a Torre de Hércules.
Todas son de entrada libre, agás a Torre, cuxa visita, menos os luns, ten un custo.