Outro nome únese á lista de invitados especiais de Viñetas desde o Atlántico 2015, formada por profesionais que acudirán ao Festival Internacional da Historieta de A Coruña da man de editoriais e librerías.
Hoxe temos o pracer de anunciar que David Rubín, autor de novelas gráficas como Beowulf– xunto co guionista Santiago García– ou El Héroe, estará presente no certamen grazas á colaboración da editorial Astiberri. David Rubín asinará exemplares da súa obra no stand de Astiberri na Rúa da BD, nun horario que anunciaremos nos próximos días, do mesmo xeito que sucede co resto de horarios das sesións de firmas.
O artista ourensano converteuse nos últimos anos en todo un referente do panorama comiquero nacional. O seu traballo fíxose sentir non só cos proxectos mencionados, senón que logrou traspasar fronteiras con historias como El Momento de Aurora West (DeBolsillo) ou The Fiction (BOOM! Studios), traballando con guionistas como Paul Pope, J.T.Pretty ou Curt Pires.
Recordamos que os invitados non oficiais tamén enriquecen coa súa presenza o festival, participando en sesións de firmas e outras actividades desenvolvidas na Rúa da BD e organizadas polas editoriais ou librerías que os invitan. Estes invitados non participarán no programa oficial e polo tanto non terán exposición nin conferencia.