• A Coruña acolle a mostra impulsada por Acción Cultural Española  a Comunidad de Madrid e o Instituto Cervantes 
  • A iniciativa, posta en marcha co galo do IV Centenario da Morte do autor do Quixote, inaugurouse esta mañá na Sala de Exposicións do Pazo Municipal
  • Os trazos de Miguelanxo Prado e David Rubín dan forma á biografía do escritor e a un dos seus entremeses máis coñecidos, “El retablo de las maravillas” 

A Coruña, 5 de agosto de 2016.- Os dous ilustradores galegos de máis renome no panorama internacional, Miguelanxo Prado e David Rubín, son os artífices da visita de Miguel de Cervantes ao Pazo Municipal de María Pita. A exposición “Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas”, promovida por Acción Cultural Española (AC/E) a Comunidad de Madrid e o Instituto Cervantes para conmemorar o IV Centenario da Morte do ilustre escritor, colga desde esta mañá na sala de exposicións do consistorio coruñés.  Á súa inauguración asistiron o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, acompañado polo director de programación de AC/E, Jorge Sobredo, o responsable de exposicións temporais en Museos da Subdirección Xeral de Belas Artes da Comunidad de Madrid, Eusebio Bonilla Sánchez, a directora de Recursos Humanos do Instituto Cervantes, Gloria Bodelón e a comisaria da exposición, Sabela Mendoza, . Xunto a eles, o concelleiro de Cultura, José Manuel Sande e o director de Viñetas desde o Atlántico Miguelanxo Prado, fixeron a presentación da mostra. Nela, as ilustracións nadas dos lápices de Prado e David Rubín convidan a percorrer o transcurso vital de Miguel de Cervantes e unha das súas pezas teatrais máis coñecidas.

O director e alma mater do Festival Internacional Viñetas desde o Atlántico desde o seu inicio, hai xa 19 anos, resumiu en 36 ilustracións a azarosa vida de Miguel de Cervantes, en ocasións tan literaria ou máis que as súas propias obras e un “auténtico descubrimento que me confirmou o pouco que sabemos sobre o transcurso vital do alcalaíno máis ilustre”. Fronte a ese trazo realista con que Miguelanxo Prado dota de rostro ao xenio, David Rubín aborda o entremés “El retablo de las maravillas” esaxerando os personaxes e outorgándolles ese toque satírico que requiría, ao seu xuicio, a peza.

“Miguel EN Cervantes. El retablo delas maravillas” é, desde hoxe, o mellor aperitivo do programa que a partir do luns converterá A Coruña na capital mundial do cómic, cando abra as súas portas o Salón Internacional Viñetas desde o Atlántico que alcanza, este agosto, a súa décimonona cita.