Viñetas engade dúas novas sedes nesta vixésima ocasión: Afundación, da Obra Social Abanca, e a Fundación Barrié. Todos os espazos expositivos do centro neurálxico da cidade quedan, daquela, ao dispor do Salón.
Afundación, acollerá a mostra sobre “A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas”. Ademais, na súa sala de conferencias desenvolveranse as charlas cos Premios Nacionais de Cómic que virán ao Salón e tamén co autor Eduardo Risso e o guionista Abulí.
A Fundación Barrié, pola súa banda, conterá a exhibición dedicada a eses “Dez anos de Premio Nacional de Cómic”. Será alí tamén onde terá lugar o espectáculo de Dave McKean, o día 7 de agosto.
A Torre de Hércules encargarase, unha edición máis, de amosar os carteis que se fixeron para Viñetas desde o Atlántico. Tedes máis detalles sobre as diferentes sedes na sección Exposicións.
Este XX Viñetas desde o Atlántico vén asemade cunha renovada carpa para actividades; un espazo emprazado no medio e medio da feira de historieta que adoita concentrar en cada edición a moito amante do cómic. Alí terán lugar, igual ca adoito, as actividades paralelas que capitanea Xosé Tomás, cos obradoiros como eido central. Servirá, ademais, para acoller as charlas editoriais sobre os debuxantes e guionistas presentes na edición 2017 ou as propias sinaturas de exemplares e presentación das novas novelas gráficas deses autores que, polo xeral, programan as empresas editoras.