Skip to main content

A afluencia de público ás salas de exposicións, á Rúa da BD e ás charlas cos autores convidados confirman o éxito e o pulo do Salón Internacional do Cómic da Coruña no seu 25 aniversario 

“O modelo dun evento como Viñetas só é concebible e desenvolvible desde o público. A non existencia destas opcións sería dramático para a cultura desde unha concepción democrática e de excelencia”, sinala o debuxante Premio Nacional de Cómic 2013 Miguelanxo Prado, director do Festival. 

As salas de exposicións a rebordar. A actividade na Rúa da BD, incesante. Os encontros cos autores convidados á 25 edición de Viñetas desde o Atlántico co aforo completo e cos afeccionados de pé. En resumo, o “abarrote” cómplice dunha cidade que se entrega ao seu Salón Internacional de Cómic, un festival consolidado e agarimado polos coruñeses e os miles de afeccionados e turistas que cada ano, en agosto, se achegan ata o centro para retratarse cos personaxes de cómic que se agochan en cada esquina e para mergullarse nunha Coruña de banda deseñada.

Cando esta noitiña rematen as derradeiras charlas do programa de Viñetas desde o Atlántico 2022 (a do francés Pierre Alary, autor de Don Vega, e as dos creadores de Blacksad Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales) chegará á súa fin unha semana de reencontros de moitos amigos da banda deseñada, creadores que se foron atopando nestes 25 anos, confirmando que seguen creativamente tanto ou máis potentes. Durante estas dúas décadas e media pasaron polo festival máis de 275 creadores, consagrados e noveis, unha nómina na que se rexistran boa parte dos popes da Novena Arte nacional e internacional. “Neste tempo, puidemos ver como se van incorporando novas autoras e autores que manteñen o nivel ben alto e abren novas opcións e formas de entender a historieta”, explica Miguelanxo Prado, director de Viñetas. Para Prado, sempre é xenial “este reencontro entusiasta co público, cuxa complicidade non podemos senón agradecer un ano máis; as exposicións estiveron abarrotadas todos os días e a feira dos libreiros súperactiva; chea a sala de conferencias nos encontros cos creadores invitados”. “Esta é a edición que nos reafirma na diagnose da boa saúde creativa do cómic español en todos os ámbitos e mercados e na aparición de novas xeracións de autores nos que a media de homes e mulleres xa está naturalmente equilibrada”.

Espazo cultural público fronte á oferta da iniciativa privada

O debuxante Miguelanxo Prado teima en defender o carácter público deste tipo de iniciativas. “Coa traxectoria e perspectiva destes 25 anos de Viñetas non podemos senón defender a necesidade de que exista un espazo cultural público alternativo á oferta que se pode facer desde a iniciativa privada. O modelo dun evento como o noso só é concebible e desenvolvible desde o público. A non existencia destas opcións sería dramático para a cultura desde unha concepción democrática e de excelencia”.

Mañá, domingo, é tempo de despedidas. Durante a xornada deixarán A Coruña os debuxantes e guionistas convidados a esta 25 edición de Viñetas: Pierre Alary, Juanjo Guarnido, Juan Díaz Canales, Alicia Jaraba, Borja González, Mayte Alvarado, Sergi San Julián, Emma Ríos, David Rubín, Dani Bermúdez, Fidel de Tovar, Fernando de Felipe e Jesús Alonso Iglesias. Pero queda a súa obra, centos de orixinais que continuarán expostos nas distintas salas municipais ata o 4 de setembro. E a Rúa da BD estará aberta toda a xornada, para que os máis rezagados fagan as súas últimas compras editoriais.