Tal e como indicamos onte na sección de noticias e na sección Rúa da BD, un novo autor uniuse á lista de invitados especiais de Viñetas desde o Atlántico 2015. Profesionais que acoden ao festival da man de editoriais e librerías.

El Hematocrítico (El Hematocrítico del Arte) tamén estará na Rúa da BD do Festival Internacional da Historieta da Coruña. Será grazas á colaboración de Astiberri Ediciones. O autor asinará exemplares da súa obra na caseta da editorial (caseta 3), durante o domingo 16 de Agosto, entre as 18:00 e as 19:30 horas.

O «bloguero máis tróspido» (tal e como podemos ler na súa ficha na editorial) saltou desde a Rede de redes ao mundo editorial da man de ¡Caramba!, o selo editorial especializado en cómic e libros de humor de Astiberri Ediciones. Neste link podedes ler un pequeno avance da primeira das súas obras, El Hematocrítico del Arte. Tamén podedes gozar, neste outro link, dunha mostra do seu segundo libro, a recopilación Drama en el portal.

Recordamos que os invitados non oficiais tamén enriquecen coa súa presenza o festival, participando en sesións de firmas e outras actividades desenvolvidas na Rúa da BD e organizadas polas editoriais ou librerías que os invitan. Estes invitados non participarán no programa oficial e polo tanto non terán exposición nin conferencia.

HEMATOCRÍTICO DEL ARTE1.jpg