• A cidadanía poderá facerse cas invitacións (dúas por persoa) nas taquillas do IMCE, no quiosco da praza de Ourense
  • Terá lugar as 21 horas na sede da Fundación Barrié, espazo que este vixésimo aniversario se suma os escenarios do Festival Internacional coruñés do Cómic

A Coruña, 5 de agosto de 2017. Viñetas desde o Atlántico 2017 abre o luns o seu calendario de actividades cun espectáculo audiovisual do debuxante británico Dave Mackean. Será as 21 horas na sede da Fundación Barrié, que este ano se suma aos escenarios do Festival Internacional promovido polo Concello da Coruña. A proposta é de balde pero precisa entrada. As invitacións están ao dispor da cidadanía dende hoxe mesmo, sábado, nas taquillas do IMCE, no quiosco da Praza de Ourense. A organización ofrece un total de 300 pases, dos que cada persoa interesada poderá retirar un máximo de dous.

O espectáculo Black Dog, the dreams of Paul Nash é unha sesión de música en vivo con proxección das imaxes que ilustran a novela gráfica que publicou McKean ao redor do Paul Nash, un dos nomes claves no nacemento dos movementos modernista e surrealista. Trátase da primeira vez que o programa de Viñetas desde o Atlántico inclúe unha proposta así. Forma parte das novidades do Festival por mor do seu vixésimo aniversario.

Dave McKean é unha das voces creativas máis destacadas do Reino Unido. Este debuxante, pintor, deseñador gráfico, fotógrafo, cineasta e músico, deixou unha pegada indeleble no mundo da banda deseñada. É o responsable de proxectos como Sandman. Os traballos para esta mítica colección levaron a McKean a alzarse co World Fantasy Award de 1991 ao mellor artista, e a gañar o Premio Eisner 1993 ao mellor deseño de publicación. A McKean debemos tamén a obra de creación propia Cages, novela gráfica merecedora dos premios Harvey, Ignatz, Eisner e Alph-Art. Black Dog: The Dreams of Paul Nash, é un dos seus proxectos máis recentes.

Inauguración oficial

A inauguración oficial de Viñetas 2017 terá lugar dúas horas antes da celebración do espectáculo de McKean, ás 19 horas, no Kiosco Alfonso. Correrá a cargo do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e do director do Salón Internacional Miguelanxo Prado. Participará tamén o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande.

Viñetas contará, como cada ano, cun cadro de persoas convidadas da máxima categoría:  Eduardo Risso, Ralph Meyer, Javi Rey, Cameron Stewart, Kiko da Silva, Natacha Bustos, Nob (Bruno Chevrier), Rayco  PulidoJulie Rocheleau e Dave McKean.

Esta vixésima edición do Salón Internacional do Cómic coruñés amplía a súa oferta habitual con propostas como a exposición A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas, unha mostra retrospectiva-comparativa das autoras e autores galegos que participaron no Festival nestes vinte anos (Fran Jaraba, Fernando Iglesias, Xaquín Marín, DasPastoras, Fran Bueno, Alex Cal, Emma Ríos, Víctor Rivas, David Rubín, José Domingo, Fausto Isorna, Jano, Martín Romero e Ramón Marcos).

Tamén é unha novidade a mostra Dez anos de Premios Nacionais. Será a primeira vez que se poderán ver xuntos os dez traballos premiados co Premio Nacional de Cómic que concede cada ano, dende hai dez, o Ministerio de Cultura. Aí estarán dende as páxinas do primeiro agasallado, Max, en 2007, ata as do último premiado polo de agora, Pablo Auladell (2016). Ademais de Auladell, estarán en Viñetas boa parte dos galardoados: Juanjo Guarnido, Antonio Altarriba, Juan Díaz Canales, Santiago Valenzuela, Alfonso Zapico, e o propio Miguelanxo Prado, director do Salón.

Os escenarios destas dúas exposicións serán, respectivamente, a sede de Afundación e mais a da Fundación Barrié, espazos que se suman este ano aos de costume: Kiosco Alfonso, Pazo Municipal de María Pita, Sala Municipal de Exposicións Palexco e a Casa de Cultura Salvador de Madariaga. Na Torre de Hércules exhíbense os carteis das vinte edicións do Festival; entre eles, o deste 2017, que asina o debuxante galego DasPastoras.