Este luns, ás 18.00h, tivo lugar a inauguración oficial da 26ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña no Kiosco Alfonso; a alcaldesa Inés Rey puxo en valor os obxectivos marcados para este 2023, “un festival que procura dar voz e presenza ás mulleres do cómic, así como render homenaxe a figuras desaparecidas recentemente”
Mañá martes, 8 de agosto, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila, Elisa McCausland e Laura Pérez Vernetti ofrecerán un paseo guiado pola súa exposición ‘¡Mujercitas del mundo entero, uníos!’, no Kiosco Alfonso (ás 12.00 e ás 18.00h) e participarán nunha mesa redonda no Teatro Colón (ás 19.00h)
Tamén mañá martes, na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, asinarán as súas obras Inacio e Iván Suárez (Demo Editorial), Anémona de Río e José Malvárez Carleos (Anaya) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial)
A Coruña, 7 de agosto de 2023.- Este luns arrancou a 26ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico 2023. Desde hoxe a cidade herculina convértese na capital universal da banda deseñada, con máis dun cento de propostas artísticas, que inclúen exposicións, sinaturas con autorías de referencia do sector, música, un ciclo de cinema de animación, obradoiros infantís e profesionais, visitas guiadas e mesas redondas, entre moitas máis iniciativas.
A alcaldesa, Inés Rey, tomou parte esta tarde no acto oficial de inauguración do ‘Viñetas desde o Atlántico 2023’, celebrado no exterior da Sala Municipal de Exposicións do Kiosco Alfonso. Rey subliñou que “o Viñetas é un proxecto de cidade, de carácter colectivo, e unha marca asociada á identidade da Coruña”. Na súa intervención, a rexedora puxo en valor a proposta e obxectivos marcados para esta edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, “que procura dar voz e presenza ás mulleres do cómic, así como render homenaxe a figuras desaparecidas recentemente, como Ibáñez e Calpurnio. Traballouse, ademais, para abrir xanelas ao mundo da animación, conscientes do grande traballo que se está a realizar desde A Coruña, e tamén para aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas”.
Neste sentido, durante o acto celebrado esta tarde, cobrou protagonismo a figura da historietista barcelonesa Laura Pérez Vernetti, unha das pioneiras do cómic, que, ademais de participar na exposición colectiva do Kiosco Alfonso, tamén é a autora da mostra Vive la vida e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca, aberta desde hoxe e até o vindeiro 10 de setembro na Casa Museo Picasso.
A inauguración oficial de Viñetas desde o Atlántico 2023 terá lugar este luns, 7 de agosto, no exterior do Kiosco Alfonso, ás 18.00h, coa presencia da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o concelleiro de cultura, Gonzalo Castro; as autoras Laura Pérez Vernetti, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland; o ilustrador Manel Cráneo, autor do cartel de Viñetas 2023; os comisarios Alberto Medina, Guillermo Cobo e Raquel Jimeno; e outras personalidades do universo da BD coruñesa, representantes da Rúa da BD e de asociacións colaboradoras da cita como Coruña Gráfica e Autobán.
AXENDA DO MARTES 8 DE AGOSTO, NA SEGUNDA XORNADA DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO
Na súa segunda xornada, Viñetas desde o Atlántico 2023 rende homenaxe as autoras pioneiras do cómic underground adulto en España. Este martes, 8 de agosto, Isa Feu, Marta Guerrero, Marika Vila, Elisa McCausland e Laura Pérez Vernetti -algunhas das máis relevantes firmas femininas da historia da banda deseñada española desde os 70 ata a actualidade- visitan A Coruña para ofrecer un paseo guiado pola súa exposición ¡Mujercitas del mundo entero, uníos!, no Kiosco Alfonso (cun dobre pase, ás 12.00 e ás 18.00h, acompañadas polos comisarios Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo) e participar nunha mesa redonda no Teatro Colón (ás 19.00h). Ambas actividades son de acceso libre ata completar a capacidade dos recintos.
O programa de Viñetas 2023 previsto para este martes, 8 de agosto, propón, ademais, sete exposición e dous talleres nas Bibliotecas Municipais da Coruña: na Biblioteca Durán Loriga, o obradoiro infantil As túas primeiras viñetas; e na Biblioteca de Estudos Locais, o obradoiro profesional express de novela gráfica, ambos organizadas da man de Coruña Gráfica. Por outra banda, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, desenvolveranse dúas actividades infantís: a Comicteca, de 11.30 a 13.30h; e o obradoiro Viñetas Lab, ás 18.00 e 19.00h. As autoras Isa Feu e Laura Pérez Vernetti asinarán exemplares no Kiosco Alfonso ás 12.00h, mentres que a quenda das sinaturas de Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland terá lugar ás 18.00h, tamén no Kiosco Alfonso.
Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, asinarán as súas obras Inacio e Iván Suárez (Demo Editorial), Anémona de Río e José Malvárez Carleos (Anaya) e Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial).
CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA DÍA A DÍA DO FESTIVAL