inicio Viñetas desde o Atlántico

AGUSTÍN FERRER CASAS

Agustín Ferrer Casas (Pamplona, 1971), é afeccionado ao debuxo desde pequeno, cursa estudos de arquitectura e, desde o ano 1993 comeza a participar en concursos de cómics para afeccionados nos que rapidamente destaca obtendo máis dunha trintena de premios.

Desde 1997 a 2011 compaxina a realización de historietas como afeccionado co traballo para un estudo de Arquitectura e a docencia na Universidade de Navarra. En 2011 decide dar o paso á profesionalización publicando o seu primeiro libro como autor completo, a recompilación de historietas curtas titulada Las apasionantes lecturas del  Sr. Smith.

Tras ela vén a que se considera a súa verdadeira posta de longo no mundo do cómic nacional. Cazador de sonrisas, libro que supón, ademais, o pistoletazo de saída para Grafito Editorial. Nesta primeira obra longa, Ferrer Casas xa deixa constancia dalgúns aspectos que se farán constantes na súa obra: o debuxo de corte realista, o marcado gusto pola arquitectura e un exquisito uso da documentación. Cazador de sonrisas é un inquietante  thriller protagonizado por un estraño dentista ambientado nos Estados Unidos do  Baby boom.

A súa seguinte obra, Arde Cuba, deixa patente outra das constantes da súa obra: o gusto polo xogo entre realidade e ficción en marcos históricos reais.  Arde Cuba conta a viaxe do fotógrafo Frank  Spellman a Cuba acompañando á estrela de Hollywood Errol  Flynn, para levar a cabo a localización de exteriores para unha película. Esta viaxe aparentemente trivial transformarase nun pesadelo tropical.  Hampones mafiosos, axentes da  CIA, representantes de multinacionais sen escrúpulos, servizos de intelixencia militar… Todos competirán por salvar os restos do réxime corrupto e violento de Fulgencio  Batista fronte ao avance dos guerrilleiros de Castro. A obra será galardoada co Premio José  Sanchís á Mellor novela Gráfica Nacional en 2018 e o de Mellor Guión do Salón Internacional do Cómic de Donostia.

Tras a boa acollida de Arde Cuba, da que posteriormente realizaría unha segunda edición ampliada, o seu seguinte traballo profunda na novela gráfica de corte histórico. Cartas desde Argel relata a convulsa historia do país árabe en clave de  thriller político a través das vivencias de  Denisse  Raynaud. Expulsado de Alxeria xunto a outros 800.000 colonos franceses hai 50 anos despois de que o país conseguise a súa independencia e a Fronte de Liberación Nacional gañase as eleccións,  Raynaud  volverá  a Alxeria ben entrado o século  XXI para darnos as claves de por que este país veciño de Tunes onde se iniciou a “Primavera Árabe” non se viu profundamente afectado por ela como moitos outros países da zona. Cartas desde Argel obtivo o premio  Manchacómic 2016.

A súa obra máis recente Mies, retrato biográfico do famoso arquitecto Mies van  der  Rohe, cínguese moito máis aos feitos aínda que sen deixar de mostrar o seu gusto pola revisión a través de ficción da historia do século  XX. Así a través do voo que o arquitecto e o seu neto realizan a Berlín Occidental para asistir á colocación da primeira pedra da Galería Nacional, Van  der  Rohe lembrará algúns dos episodios máis significativos da súa vida, os seus amores e a súa obra así como a historia de Alemaña durante o auxe do nazismo cando foi profesor e, posteriormente, director de famosa   Bauhaus. O retrato que Ferrer Casas fai de Van  der  Rohe non é nada compracente. Mostra a súa xenialidade, pero tamén expón os seus defectos e miserias, así como a  sempiterna loita co seu colega Walter  Gropius. Mies obtivo o premio a Mellor Obra nacional nos Premios do Cómic Aragonés 2019 así como o premio ao Mellor álbum nacional 2019 no Festival do Cómic da Comunidade Valenciana  Splash

Bibliografía esencial

2014 – Las apasionantes lecturas del Sr. Smith, (Libros.com)

2015 – Cazador de sonrisas (Grafito Editorial)

2015 – Arde Cuba (Grafito Editorial)

2016 – Cartas desde Argel (Serendipia)

2019 – Mies (Grafito Editorial)