As charlas cos debuxantes invitados serán a partir das 18.15 horas na sala de conferencias do Kiosco Alfonso, sede central do festival coruñés 

ALICIA JARABA, MAYTE ALVARADO E BORJA GONZÁLEZ PROTAGONIZAN OS PRIMEIROS ENCONTROS COS AFECCIONADOS DA 25 EDICIÓN DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO

Os tres autores, que representan as propostas das novas xeracións da banda deseñada no noso país, asinan algunhas das obras triunfadoras de crítica e público dos dous últimos anos: “Soy la Malinche” (Jaraba), “La isla” (Alvarado) e “Grito Nocturno” (González)

Alicia Jaraba, Mayte Alvarado e Borja González serán os encargados de abrir mañá martes as charlas dos debuxantes convidados á nova edición do Salón Internacional Viñetas desde o Atlántico que, promovido polo Concello da Coruña, este 2022 celebra o seu 25 aniversario. Os tres artistas representan algunhas das propostas das novas xeracións do cómic español; creadores e creadoras que, como sinala o director do festival Miguelanxo Prado, “aínda eran mozos ou mesmo nenos lectores de cómics” cando naceu Viñetas. A partir de mañá tamén abrirán ao público todas as salas de exposicións no seu horario habitual (de 12 a 14 horas e de 18 a 22 horas), así como a feira editorial, a Rúa da BD, nos xardíns de Méndez Núñez. Ademáis da asistencia presencial, as conversas poderanse seguir en directo a través da canle de Youtube de Viñetas, nesta ligazón  ConversasViñetas.

A primeira en comparecer de diante dos afeccionados (18.15 horas, no salón de actos do Kiosco Alfonso) seráAlicia Jaraba. Filla dun autor de cómic, viviu todo ese proceso ben de preto a través da actividade profesional do seu pai, a quen seguiu dende nena de festival en festival ata converterse no que hoxe xa é, unha autora que triunfou con “Soy la Malinche”. A debuxante viguesa, licenciada en Filoloxía Hispánica e Francesa, comezou a traballar en banda deseñada en 2017 coa publicación en Francia de dous libros da serie Les détectives du surnaturel, con guión de N. M. Zimmermann, e posteriormente a novela gráfica L’onde Dolto, con guión de Séverine Vidal. No noso país deuse a coñecer coa antoloxía O puño e a letra, onde 40 autores adaptan poemas de Yolanda Castaño no que se considera o primeiro libro de Cómic poetry (diálogo entre poesía e cómic) da historieta galega.

Este 2022 debutou como autora completa coa citada Soy la Malinche, unha novela gráfica sobre un dos personaxes femininos máis controvertidos da Historia de México. Ambientada no século XVI, conta a vida de Malinalli, a filla dun xefe de clan centroamericano, que tras a morte do seu , é vendida como escrava. Grazas ao seu coñecemento de varias linguas da rexión, acaba converténdose, aos seus 18 anos, na Malinche, a intérprete dos conquistadores españois, conselleira e amante de Hernán Cortés.

“La Isla” e “Grito nocturno” 

Os afeccionados poderán laretar posteriormente (19.30 horas) con Mayte Alvarado e Borja González. Alvarado é autora de cómic e ilustradora. Ilustrou libros como A casa de Bernarda Alba e publicou obras como El lago e Descalzos: los doce apóstolos de México, un encargo do Centro Estremeño de Estudos e Colaboración con Iberoamérica, que relata a viaxe, en 1524, dun grupo de frades franciscanos coa misión de evanxelizar o Novo Mundo. Alvarado deixa aí patente a súa enorme madurez gráfica e o seu talento no uso da cor. La Isla, publicado en 2021, é o seu cómic máis extenso e complexo ata a data. O conto céntrase nos habitantes dunha illa que viven baixo a ameaza dunha antiga lenda. É unha historia poética e inquietante, que xoga coas lendas da tradición das vilas costeiras, na que Mayte Alvarado, a través do seu rechamante debuxo, explora, con grande acerto, as posibilidades gráficas do medio. A novela deulle este ano o premio a mellor autora emerxente da ACDCómic e o premio Antifaz do Salón do Cómic de Valencia á mellor obra nacional publicada en 2021.

Borja González é ilustrador e historietista autodidacta. A súa primeira obra en solitario foi La boca del lobo, unha biografía ficticia do pintor pacense Antonio Juez e Carolina Coronado. A súa confirmación como autor de novela gráfica foi en 2018 coa publicación de The Black Holes. A ausencia de rostros nos personaxes, o aire poético, ás veces estraño e, sobre todo, un extraordinario dominio do que non se mostra na historia, convertérono nun dos autores de referencia entre os novos creadores da banda deseñada española. A publicación da súa seguinte obra, Grito nocturno (2021), non fixo máis que confirmar o seu talento e cumprir con fartura as expectativas, ao converterse nun éxito de vendas desde a súa publicación. Actualmente, ademais do seu traballo como guionista de cómic, dirixe, xunto a Mayte Alvarado, o proxecto Spiderland/Snake, dedicado á difusión de fanzines e cómic en liña onde se pode ler a súa obra The Unseen Records.

As exposicións de orixinais dos tres autores encargados de abrir o calendario de charlas desta especial edición vodas de prata de Viñetas desde o Atlántico exhíbense na Sala Municipal Palexco.

Salón de autor 

A exhibición de orixinais é un dos sinais de identidade do Salón Internacional de Cómic coruñés. “Os creadores son -somos- moi protectores cos orixinais e resulta complicado conseguir un Salón como este onde o que prima é a exposición de debuxos; e iso é posible grazas á sona que nos gañamos no sector, coidando ao autor e á obra”, sinala o director do festival, Miguelanxo Prado. O obxectivo, desde un principio, foi facer de Viñetas un salón de autor, onde fose posible un encontro sosegado entre afeccionados e creadores. “Conseguímolo. Hoxe é un punto de referencia. As charlas entre debuxantes, guionistas e mais os fan son un éxito edición tras edición. Para calquera afeccionado poder escoitar a un artista explicar en directo o proceso creativo de cada personaxe, a historia ou a anécdota, é un luxo”, asegura Prado.