VIÑETAS REMATA A SÚA SEMANA GRANDE DA MAN DO GAÑADOR DE CATRO PREMIOS EISNER, EDUARDO RISSO, E MAIS O COÑECIDO “SUPERHEROE” CAMERON STEWART

2017-08-10T17:52:31+02:00
  • Mañá, de 12 a 14 horas (Kiosco Alfonso e tamén na sala Palexco), derradeira oportunidade de afacerse cunha sinatura dos convidados e convidadas
  • As charlas de ambos os dous autores terán lugar na Afundación, a partir das seis e media da tarde (Cameron Stewart) e das 19.45 horas (Eduardo Risso)
  • Na Rúa da BD asinarán tamén orixinais 3Pintamonas (13 h), Fonso Barreiro (18 h) e Antonio Seijas (18.30 h), mentres que Kiko da Silva presentará a súa nova obra (12 h)

 A Coruña, venres 11 de agosto de 2017. Viñetas remata mañá sábado, día 12, a semana grande da súa vixésima edición cun par de ases na manga: as charlas de dous figuras indiscutibles da novena arte. A sala de conferencias d´Afundación acollerá, a partir das 18.30 horas, unha conversa informal con Cameron Stewart, o mundialmente coñecido autor de superheroes. Por se fose pouco, ao redor das 19.45 horas tomará o relevo de Stewart o arxentino Eduardo Risso, considerado un dos mellores autores de banda deseñada que existen hoxe en día, e galardoado con nada menos que catro premios Eisner, os Óscar da historieta, pola súa 100 balas.

Certo que a última xornada do festival coruñés con axenda de actividades paralelas non queda aí. A mañá do sábado vén cargada de convocatorias. Na Rúa da BD, por exemplo, terá lugar a mediodía a presentación da nova obra de Kiko da Silva Curso de Cómic Fiz, publicada por Dibbuks. Unha hora despois, tamén na Rúa da BD, asinarán exemplares dos seus traballos os 3Pintamonas, isto é, Tirso Cons, Antonio Martínez Ron e David Cuence. Xa ás 18,30 horas, fará o propio o autor Antonio Seijas.

As firmas dos 3Pintamonas coincidirán coa segunda e derradeira sesión de sinaturas programada este 2017 polo Salón Internacional que, como é sabido, organiza cada ano a Concellaría de Culturas, Deportes e Coñecemento do Concello coruñés. Tal e como sucedeu o venres, as firmas de orixinais e catálogos faranse simultaneamente en dúas sedes do festival, o propio Kiosco Alfonso e mais a Sala Municipal de Exposicións de Palexco. Prolongaranse entre as 12 e as 14 horas. Os obradoiros das Bibliotecas Municipais despídense tamén este sábado da Rúa da BD (con tres últimas quendas, ás 18 horas, 19 horas e 20 horas).

Aínda que Risso e mais Stewart poñen o punto final á semana grande de Viñetas, o Salón Internacional do Cómic da Coruña prolongarase un mes máis. Tal e como adoita, o festival manterá abertas todas as súas exposicións unha vez rematen este domingo todas as actividades paralelas. O peche definitivo da vixésima edición será o día 11 de setembro.

Eduardo Risso

Gañador de catro Premios Eisner, foi o elixido para resucitar a Torpedo xunto ao creador da personaxe, o guionista Enrique Sánchez Abulí. Torpedo 1972: a propósito del Mar Muerto, retrotrae á convulsa Nova York dos anos 70 para devolvernos a todo un mito da novena arte, o asasino a soldo Luca Torelli.

De formación autodidacta, en 1981 Risso adaptou ao cómic a película Firefox (Clint Eastwood, 1982). A partir de 1987, creou xunto a Ricardo Barreiro Parque Chas e Caín. A mediados dos 90, Dark Horse Comic asígnalle Alien: Resurrección (1997) e mais Alien: Wraith (1998). Impresionado, o editor Axel Alonso requiriu os seus servizos para debuxar unha serie limitada titulada Jonny Double, escrita polo guionista Brian Azzarello. O entendemento entre Azzarello e Risso foi tal que pronto acometeron un novo proxecto, hoxe un clásico do selo Vértigo e do xénero negro: 100 Balas, co que Risso gañou ata catro Premios Eisner.

Tras Lobezno: Logan (2008), escrita por Brian K. Vaughan, volveu coincidir con Azzarello en Spaceman (2011), 100 Balas: Hermano Lono –spin-off da mítica serie-, e mais Moonshine. Tamén participou en proxectos do calado de Antes de Watchmen e Caballero Oscuro III: La raza superior; e debuxou a novela gráfica Noche Oscura: Una historia verídica de Batman (ECC), que relata un episodio autobiográfico do guionista Paul Dini.

Cameron Stewart

Representa os debuxantes de superheroes máis recoñecidos do planeta. Participou na recreación e modernización do personaxe Batgirl para DC e destaca, na súa faceta como autor independente, por títulos coma El Club de la Lucha 2 ou Sin Título. Levan a súa pegada Scooby Doo, Superman Adventures e Os Invisibles.

De formación autodidacta e influencias moi variadas, durante un tempo Stewart compartiu estudo co seu compatriota Darwyn Cooke, realizando story-boards para a serie de animación Men in black. A súa irrupción na industria do cómic americano forxouse durante a asistencia á San Diego Comic Con, igual que lle pasou, no seu día, ao propio Risso. O paso de Stewart pola serie regular Catwoman resultou especialmente relevante, por conferirlle unha maior visibilidade, primeiro como entintador, e posteriormente, como portadista e debuxante.

A partir de 2003, intensificou a súa colaboración con Grant Morrison, debuxando proxectos como Seaguy ou 7 Soldados de la Vitoria (ECC). Tamén traballou con Ray Fawkes en Apocalipstix, e xunto a Jason Aaron en El otro bando, nomeada aos Premios Eisner 2007 na categoría de mellor miniserie. Prolífico e inquedo, reservou tempo para proxectos persoais como Sin Título (Astiberri), que lle fixo levar o Premio Shuster 2009 ao mellor creador de web-cómics e mais o Premio Eisner 2010 ao mellor cómic dixital. É un thriller que combina xénero negro e misterio, que finalmente foi publicado en versión impresa.

Stewart formou ademais equipo creativo con Karl Kerschl en diferentes novelas gráficas baseadas na franquicia de videoxogos Assassin’s Creed: The Fall, The Chain e Brahman (Panini Cómics). En 2014, afrontou o relanzamento de Batgirl (ECC) xunto a Brenden Fletcher e Babs Tarr, dando forma a un novo deseño e a un cambio de enfoque que converteron a serie nunha das grandes revelacións de DC Comics. Repetiron colaboración nun proxecto persoal de ciencia ficción publicado por Image Comics: Motor Crush.

Entre os proxectos recentes de Stewart tamén ocupa un lugar moi destacado El club de la lucha (Reservoir Books), secuela en forma de cómic da novela de culto tamén escrita por Chuck Palahniuk.

 

VIÑETAS REMATA A SÚA SEMANA GRANDE DA MAN DO GAÑADOR DE CATRO PREMIOS EISNER, EDUARDO RISSO, E MAIS O COÑECIDO “SUPERHEROE” CAMERON STEWART2017-08-10T17:52:31+02:00

SETE PREMIOS NACIONAIS DE CÓMIC, DE PAROLA POR A CORUÑA

2017-08-08T19:43:42+02:00
  • Mañá, día 11, de 18 h a 20 h, terá lugar a tradicional sesión de sinaturas por parte dos autores e as autoras invitadas, pero, a diferenza doutras edicións, por primeira vez haberá firmas simultaneamente no Kiosco Alfonso e mais na sala Palexco
  • Afundación acolle este venres ás 18.30 horas a charla que ofrecerá o último galardoado polo Ministerio de Cultura español, Pablo Auladell. Ao seu remate, tomarán a palabra tamén esoutros seis convidados de honra do XX Salón: Juanjo Guarnido, Antonio Altarriba, Juan Díaz Canales, Santiago Valenzuela, Alfonso Zapico e o asemade director do festival, Miguelanxo Prado

A Coruña, xoves 10 de agosto de 2017. Viñetas ofrece mañá venres, día 11, dúas citas ineludibles. Dunha banda, a primeira sesión de sinaturas por parte dos convidados e as convidadas a esta vixésima edición do Salón que organizou, como adoito, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello coruñés. Doutra, a posibilidade de parolar e intercambiar ideas e puntos de vista con sete nomes propios da novena arte, os galardoados cos Premios Nacionais de Cómic que outorga anualmente o Ministerio de Cultura español Juanjo Guarnido, Antonio Altarriba, Juan Díaz-Canales, Santiago Valenzuela, Alfonso Zapico, Pablo Auladell e, por suposto, o propio director do Salón Internacional, o único galego nese cadro de honra, Miguelanxo Prado.

A tradicional sesión de firmas, porén, vén este vinte aniversario cun aliciente. Por primeira vez na historia do Festival, a cita terá lugar asemade en dúas sedes de Viñetas. Os autores e as autoras asinarán orixinais e catálogos partillados entre o Kiosco Alfonso e mais a Sala Municipal de Exposicións Palexco. Ambas as dúas sesións, polo tanto, comezarán simultaneamente ás 18 horas e pecharán ás oito da tarde. Pero ata aí as melloras. Porque, igual que é costume, tamén o sábado, entre as 12 e as 14 horas, os invitados e invitadas al Salón disporanse de novo a achegarlles unha firma aos orixinais que lles poñan de diante os afeccionados e as afeccionadas.

Xa no que ás charlas se refire, o venres 11, a sala de conferencias d´Afundación pon ao dispor da veciñanza e mais os forasteiros e as forasteiras que visiten o Festival coruñés un luxo por partida dupla. De entrada, ás 18.30 horas, conversará co público que acuda a esa nova sede de Viñetas o último autor que obtivo o Premio Nacional, Pablo Auladell. Pero é que pouco máis tarde, ao redor das 19.45 horas, poderán parolar polo miúdo con nada menos que sete dos dez premios españois de banda deseñada concedidos ata o día de hoxe.

Outra sede acabada de incorporar a Viñetas, a Fundación Barrié, amosa “Dez anos de Premios Nacionais”, onde se poden contemplar páxinas das obras polas que foron premiados estes sete convidados e mais os tres autores ausentes. Son, en concreto, El Paraiso Perdido (2016) de Pablo Auladell; Las Meninas (2015) de Javier Olivares e Santiago García; Blacksad, Amarillo (2014) de Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales; Ardalén, (2013) de Miguelanxo Prado; Dublinés (2012) de Alfonso Zapico; Plaza Elíptica (2011) de Santiago Valenzuela; El arte de volar, (2010) de Antonio Altarriba e Kim; Las Serpientes Ciegas (2009) de Bartolomé Seguí e Felipe Hernández Cava; Arrugas (2008) de Paco Roca e Hechos, dichos, ocurrencias y andanzas de Bardín el superrrealista (2007) de Max.

Actividades na Rúa da BD

A Rúa da BD ten previsto tamén este venres un bo número de actividades, así como as súas propias sesións de sinaturas. As confirmadas son as de Miguel Brieva (18 h); os 3Pintamonas, isto é, Tirso Cons, Antonio Martínez Ron e David Cuence (18.30 h), e mais a de Fonso Barreiro (19 horas).

Antes, pola mañá, tanto ás 11 como ás 12 horas, Alita Cómics presenta na carpa da Rúa da BB Amnistía Internacional. Unha hora despois, ás 13 horas, Demo Editorial dará a coñecer o Tattoo de Santiago Paredes.

Dende as seis da tarde e ata as oito do serán, as Bibliotecas Municipais desenvolverán obradoiros na Rúa da BD. Levaranos a cabo en tres quendas, que comezarán ás 18 horas, ás 19 horas e a derradeira, ás 20 horas.

SETE PREMIOS NACIONAIS DE CÓMIC, DE PAROLA POR A CORUÑA2017-08-08T19:43:42+02:00

A BANDA DESEÑADA GALEGA TERÁ GRAN PROTAGONISMO NO VINTE ANIVERSARIO DO FESTIVAL INTERNACIONAL VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO

2017-08-03T12:09:00+02:00

As propostas do Salón Internacional inclúen unha mostra do traballo e a evolución de catorce creadores e creadoras que formaron parte do plantel do Salón Internacional ao longo destas dúas décadas

  • A mostra retrospectiva-comparativa colgará das paredes de Afundación, centro que este año se suma aos espazos expositivos
  • No elenco de persoas convidadas por Viñetas 2017 figura tamén outro galego, o vigués Kiko da Silva, creador da revista BD de Banda e impulsor da Escola Profesional de Cómic e Ilustración de Galicia “O Garaxe Hermético” 
  • Un deses nomes imprescindibles do Cómic en Galicia, DasPastoras, asina tamén o cartel. É o primeiro autor que repite encargo (seu é o de 2002), unha excepción para singularizar a vixésima edición

A Coruña, 3 de agosto de 2017. Galicia terá unha importante presenza na vixésima edición de Viñetas desde o Atlántico (do 7 ao 13 de agosto). Ata dezasete debuxantes galegos participarán, dunha forma ou outra, no vinte aniversario do Salón Internacional coruñés. Entre os pratos fortes da oferta do Festival, promovido pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, está a mostra retrospectiva-comparativa A Banda Deseñada galega nos 20 anos de Viñetas. Nela mostrase a obra de catorce creadores que formaron parte do plantel do Festival ao longo destas dúas décadas. Outros nomes do panorama galego terán tamén presenza en Viñetas 2017 como é Kiko da Silva, creador da revista BD de Banda e da Escola Profesional de Cómic e Ilustración de Galicia O Garaxe Hermético.

 

A Banda Deseñada galega nos 20 anos de Viñetas é tamén unha exposición novidosa, conceptualmente falando. Nela o público poderá contemplar oito obras de cada un dos autores e autoras que formaron parte do plantel do Salón Internacional ao longo destas vinte edicións; unha peza ademáis, anterior ao ano 1998, data na que Viñetas comenzou a súa andaina; outros orixinais achegarán ao visitante aos seus traballos máis recentes. Unha forma especial de visualizar a evolución e o bo momento da Banda Deseñada en Galicia no presente.

A mostra xunta, sen dúbida, un bo feixe de nomes imprescindibles do cómic galego: Fran Jaraba, Fernando Iglesias, Xaquín Marín, DasPastoras, Fran Bueno, Alex Cal, Emma Ríos, Víctor Rivas, David Rubín, José Domingo, Fausto Isorna, Jano, Martín Romero e Ramón Marcos. A exposición colgará nas paredes de Afundación, que xunto á veciña Fundación Barrié, súmanse esta edición por primeira vez aos espazos expositivos do Salón Internacional do Cómic.

Rúbrica galega no cartel conmemorativo

Tamén, por primeira vez na historia de Viñetas, o cartel de 2017 non se lle encargou, como é costume, a un convidado de 2016, senón a un autor galego con maiúsculas cuxa obra forma parte da exposición. Xulio Martínez Pérez ou o que é o mesmo DasPastoras asinou xa o póster de 2002, pero tal e como subliña o director do Salón, Miguelanxo Prado: “Queriamos que o vixésimo cartel fose diferente. Un que, na medida do posible, destacase dentro desa magnífica colección que fomos xuntando neste tempo”. Lembrar que os dous carteis de DasPastoras e os outros dezaoito exhibiranse nunha exposición dedicada exclusivamente a eles na Torre de Hércules. A ubicación non é casual. O faro romano aparece en todos eles. É unha condición (mesmo a única) que a organización de Viñetas impón ao autor, edición tras edición.

A presenza de debuxantes galegos na vixésima edición de Viñetas desde o Atlántico non remata aquí. No elenco de convidados está tamén, coma mencionamos xa,  Kiko da Silva, un nome imprescindible da historieta en Galicia. A súa obra se poderá ver no Kiosco Alfonso, xunto á doutros autores e autoras convidadas nacionais e internacionais.

Mencionar, doutra banda, que Miguelanxo Prado, director do Salón desde a primeira edición, formará parte ca sua obra Ardalén da mostra conxunta dos creadores que obtiveron o Premio Nacional de Cómic desde a súa creación fai dez anos. Prado é o único galego que ten obtido o galardón, neste caso no 2013.

Por último, e na sala Salvador de Madariaga, colgará a mostra de orixinais da obra Fóra do Mapa, do ourensán Emilio Fonseca, que obtivo o derradeiro premio Castelao da Deputación de A Coruña, outorgado no 2016.

A BANDA DESEÑADA GALEGA TERÁ GRAN PROTAGONISMO NO VINTE ANIVERSARIO DO FESTIVAL INTERNACIONAL VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO2017-08-03T12:09:00+02:00
Go to Top