Os encontros cos afeccionados serán, coma sempre, na sala de conferencias do Kiosco Alfonso, sede central do salón do cómic coruñés

DANI BERMÚDEZ E FIDEL DE TOVAR, OS REFERENTES DO MANGA EN ESPAÑA, E MAIS O DEBUXANTE DA OSCARIZADA ANIMACIÓN DE SPIDERMAN, JESÚS ALONSO IGLESIAS, PROTAGONIZAN VIÑETAS ESTE MÉRCORES

Bermúdez e De Tovar son debuxante e guionista, respectivamente, das aclamadas Arashiyama e Liquid memories, obras que, por primeira vez, se alzaron dúas veces consecutivas co premio do festival Manga Barcelona (18.15 h). O debuxante que achegou o seu talento a unha das producións de Marvel máis valoradas dos últimos anos ten quenda ás 19.30 horas.

O Salón do Cómic da Coruña Viñetas desde o Atlántico enfronta o ecuador da súa 25 edición co mesmo éxito de público diverso e interxeracional que o caracterizou durante o seu cuarto de século de existencia. Unha efemérides que a organización quixo aproveitar para repasar o que sucedeu na banda deseñada nestas dúas décadas e media transcorridas desde a creación do festival promovido polo Concello coruñés. Esta mirada inclúe exposicións de orixinais de autores que están a protagonizar o cambio actual do cómic español e tamén os daqueles que triunfaron nos seus múltiples mundos paralelos, como os protagonistas das charlas de mañá mércores: o tándem Fidel de Tovar (guionista) e Dani Bermúdez (debuxante), referentes do manga feito en España, e Jesús Alonso Iglesias, responsable da imaxe de Spiderman, o último grande éxito de animación cinematográfica estadounidense, gañadora dun Óscar.

Bermúdez e De Tovar departirán cos afeccionados a partir das 18.15 horas e Alonso Iglesias farao desde as 19.30 h. Coma sempre, os encontros cos autores serán na sala de conferencias do Kiosco Alfonso, sede central de Viñetas. Ademáis da asistencia presencial, as conversas poderanse seguir en directo a través da canle de Youtube de Viñetas, nesta ligazón  ConversasViñetas

A fascinación que comparten polo idioma e mais a cultura xaponesa o debuxante Dani Bermúdez e o guionista Fidel de Tovar cristalizou nun equipo creativo de manga occidental, “mangakas”, con éxitos editoriais multipremiados como Arashiyama, la montaña de los deseos (2017), obra gañadora do concurso manga de Norma Editorial, premio ao mellor mangaka español no Héroes Manga Madrid 2018 e, ademais, proposta gañadora do festival Manga Barcelona. O seu seguinte traballo Liquid memories obtivo tamén o premio á Mellor Manga Nacional no Manga da cidade condal, convertendo aos autores nos primeiros en alzarse con este galardón dúas veces consecutivas.

Dani Bermúdez estudou Belas Artes na escola Llotja e Ilustración na escola Joso. En 2005 publicou a súa primeira serie manga, Onegai Señorita, na revista Line Magazine. Tamén participou en dúas obras colectivas, ambas publicadas por Letrablanka Editorial: Let’s cook! (2012) e Olympics (2013). Fidel de Tovar formouse en narración no Ateneo de escritura de Barcelona e en fotografía documental no CFD. A atracción pola cultura nipoa levoulle a crear en 2013 a fotorreportaxe Hanami sobre a floración da cerdeira en Xapón, coa que gañou o premio ao mellor documental de revista Piel de Foto. Tamén foi publicado na revista sobre tendencias xaponesas Eikyô.

Arashiyama foi o primeiro traballo de ambos os dous, un coma debuxante único e o outro coma guionista. Trátase dun  relato que parte dunha antiga lenda: quen coroa o Arashiyama á noitiña do cuarto día de lúa chea do ano, obtén un desexo dos deuses. Por iso é polo que os pequenos Shin e Sumie escápense de casa da súa avoa para pedirlles que os seus pais regresen da súa “longa viaxe polo ceo”. Desde que traballan de consún, Bermúdez e De Tovar traducen, maquetan e deseñan para varias editoriais. Adoitan amosar o seu proceso de creación en directo a través de Twitch.

Os orixinais da obra deste tándem creativo exhíbense na sala de exposicións municipal Palexco.

Oscar á mellor animación 20219

Jesús Alonso Iglesias é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Madrid. Traballou no campo do deseño, a ilustración e a animación nos estudos Milímetros e Fanciful Arts. Neste último campo achegou o seu talento a unha das producións de Marvel máis valoradas dos últimos anos e gañadora do Óscar á mellor película de animación en 2019: Spider-man. Un nuevo universo.  Nunha primeira fase participou no deseño de personaxes xunto a outros artistas para, posteriormente, levar a cabo o seu desenvolvemento final xunto a Shiyoon Kim. Debutou no cómic en 2010 con Silhouette, guionizado por Víctor Santos, un súper heroe que protexe París da ocupación nazi durante a II Guerra Mundial. Dous anos máis tarde, Alonso Iglesias e Santos volven sobre este mesmo personaxe en Silhoutte. Arcángeles oscuros.

A súa carreira dá un salto cualitativo con El Fantasma de Gaudí (2015), obra na que asina o guión El Torres e que lles valeu o Premio a Mellor Obra no Salón do Cómic de Barcelona 2016 e o nomeamento aos premios Eisner e Harvey de 2018. En 2016 publicou PDM. Paquet de Merda, o seu primeiro traballo para o mercado francobelga. Trátase dunha autobiografía de ficción do propio guionista, Pierre Paquet, director da editorial francesa homónima que co-protagoniza a obra co seu can. Ao ano seguinte, Alonso Iglesias deu un nuevo xiro á súa carreira con Los Dalton, obra baseada nos arquienemigos de Lucky Luke. Con guión de Olivier Visonneau e un enfoque realista, conta como os famosos irmáns, perseguidos por todos os corpos de policía do país, deciden fuxir a Arxentina.

Os orixinais de Jesús Alonso Iglesias están no Kiosco Alfonso.

Torre e Aquarium

Ademais das salas de exposicións municipais nas que se exhiben os orixinais dos autores invitados –Kiosco Alfonso, Palexco, Pazo de María Pita e Salvador de Madariaga-, a 25 edición de Viñetas desde o Atlántico esténdese por outros espazos. A Torre de Hércules multiplicarase por vinte e cinco. No monumento símbolo da cidade están os carteis que foron a imaxe do salón internacional neste cuarto de século, incluído o deste 25 aniversario, obra de Miguelanxo Prado (como o foi aquel da primeira edición). O cartel serviu asemade de inspiración do selo correos conmemorativo desta vixésima quinta Viñetas.

O festival recupera como espazo expositivo o Aquarium Finisterrae. Alí está Viñetas: a ciencia dos océanos, unha exposición comisariada por Toni Guiral que achega aos visitantes ao mundo científico a través do cómic e que está dedicada á memoria de Paco Franco (Francisco Franco del Amo), director técnico  do centro, científico e amigo leal do festival, falecido en setembro do pasado ano.