Iniciamos esta sección da web de Viñetas desde o Atlántico 2016, na que resumiremos os eventos máis destacados de cada xornada do Festival Internacional da Historieta da Coruña.

No día de onte celebrouse no Kiosco Alfonso, a sede central de Viñetas 2016, a cerimonia de inauguración do festival.

IMG-20160808-WA0026No acto estiveron presentes o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o concelleiro de Cultura, Deportes e Coñecemento do Concello da cidade, José Manuel Sande, o director de Viñetas desde o Atlántico, Miguelanxo Prado, e o rector da Universidade da Coruña, Xulio Abalde. Ademais, tamén estiveron presentes outras autoridades do concello da cidade e representantes da cultura da Coruña. E, por suposto, algúns dos autores invitados a esta edición de Viñetas desde o Atlántico, que xa aterraran na cidade ao longo das horas previas.

Miguelanxo Prado fixo especial fincapé na pluralidade de Viñetas desde o Atlántico. Lonxe das vanguardias e dos clasismos, o festival aposta por unha vez por achegar o mundo do cómic a todos os públicos. Prado realizou un repaso polos grandes logros dos autores invitados, chamando a atención ademais sobre a ubicación das súas exposicións e da feira, A Rúa dá BD, que permiten ao visitante obter unha panorámica de todo o proceso de creación dunha obra.

IMG-20160808-WA0020O alcalde Xulio Ferreiro conectou o catácter marítimo da cidade coa presenza de personaxes tan destacados como Corto Maltés, ao que se lle dedica unha das exposicións de Viñetas 2016. Durante a súa intervención, o alcalde fixo un repaso polas propostas que se poden ver este ano nos distintos espazos e defendeu o apoio das institucións públicas á creación local.

Nada máis terminar os discursos, abríronse as portas do Kiosco Alfonso. O público que agardaba ás portas do edificio puido gozar ao fin das exposicións desta edición do Festival Internacional da Historieta da Coruña.

Para terminar, recordámosvos os eventos máis destacados que están programados para hoxe, martes 9 de agosto de 2016. Para máis información sobre as actividades paralelas, non dubidedes en visitar a sección Rúa dá BD. E, por suposto, as exposicións están abertas ao público, de xeito gratuita. ¡Non dubidedes en visitalas!

18:30 Conferencia Nadar (Kiosco Alfonso)

19:45 Conferencia Cristina Bo (Kiosco Alfonso)