O Salón Internacional de Cómic auspiciado polo Concello hai dúas décadas, abrirá as súas portas o vindeiro 7 de agosto cunha homenaxe polo miúdo aos sobranceiros que foron pasando polo Kiosco Alfonso e mais esoutras salas que acollen sempre o festival. Incluída a vella Autoridade Portuaria, a primeira sede que tivo Viñetas ata que foi demolida en 2002. “A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas” será tamén unha exposición novidosa, conceptualmente falando.

Por primeira vez, o público que asista este verán ao Salón coruñés do Cómic terá de diante unha mostra retrospectiva-comparativa da evolución deses galegos que recalaron na cidade nestes anos.

Son nomes imprescindibles da escena actual da banda deseñada galega. En concreto:

  • Fran Jaraba (División azul, Edicions De Ponent)
  • Fernando Iglesias (Impresiones de la isla, Editorial Retranca)
  • Xaquín Marín (As dúas viaxes de Xaquín Marín, El Patito Editorial)
  • DasPastoras (La casta de los Metabarones. CASTAKA, Norma Editorial)
  • Fran Bueno (Graveyard Shift, Editorial Glénat – Francia)
  • Alex Cal (G.I.Joe, IDW – EE.UU.)
  • Emma Ríos (Bella Muerte, Astiberri Ediciones)
  • Víctor Rivas (The Loch Ness Monster (Behind the Legend), Little Bee Books – EE.UU)
  • David Rubín (Ether. La muerte de la última Llama Dorada, Astiberri Ediciones)
  • José Domingo (Aventuras de un oficinista japonés, Astiberri Ediciones)
  • Fausto Isorna (O misterioso guía da Fundación Camilo José Cela, El Patito Editorial)
  • Jano (Nacho Camacho, Demo Editorial)
  • Martín Romero (Episodios lunares, Reino de Cordelia)
  • Ramón Marcos (Vida de Madre, El Patito Editorial)

A exposición “Dez anos de Premios Nacionais” estará ubicada en Afundación, da Obra Social Abanca, unha das novas sedes desta edición 2017 de Viñetas desde o Atlántico. Tedes máis detalles na sección Exposicións.