Skip to main content

Os autores convidados do 25 Salón Internacional do Cómic cumprirán un ano máis coa tradición e viaxarán a Santiago de Compostela para percorrer a capital galega, Patrimonio da Humanidade 

De Felipe sentará na mesa do salón de actos do Kiosco Alfonso a partir das 18.15 horas e David Rubín e Emma Ríos, ás 19.30 horas. Os orixinais dos tres autores están en Palexco e o propio Kiosco Alfonso 

Tres pesos pesados de distintas xeracións da banda deseñada española serán os protagonistas mañá xoves, día 11, dos encontros cotiás cos afeccionados desta 25 edición de Viñetas desde o Atlántico. Trátase de Fernando de Felipe, un dos debuxantes de culto do cómic español, figura esencial no nacemento da historieta adulta no noso país, e mais os laureados creadores galegos Emma Ríos e David Rubín. Ambos os dous, moi novos cando se desenvolveron as primeiras edicións do festival, que visitaban coma seguidores, convertéronse nestes anos en artistas recoñecidos internacionalmente, cunha traxectoria incuestionable. Como cada día, as charlas do tres autores serán na sala de conferencias do Kiosco Alfonso. A primeira, con De Felipe,  ás 18.15 horas e, a partir das 19.30 horas, Ríos e Rubín.

Mañá tamén será un día singular para os convidados desta especial edición das vodas de prata do salón internacional. Cumprindo cunha tradición interrompida unicamente pola pandemia do Covid 19, todos os creadores viaxarán á capital galega, Santiago de Compostela, para facer un percorrido polo seu centro histórico, Patrimonio da Humanidade.

Doutor en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, Fernando de Felipe é profesor titular da Facultade de Comunicación Blanquerna, onde dirixe desde 2006 o máster oficial en Cinema e TV da Universitat Ramon Llull. Aínda que leva máis de dúas décadas centrado no mundo audiovisual, tanto no eido docente como de autor, é un debuxante de culto dos anos 80 e 90, cuxo traballo desa etapa volve estar de plena actualidade pola súa reedición este 2022. A través da Biblioteca Fernando de Felipe e da man da editorial ECC, Nacido Salvaje inicia a reedición de toda a súa obra como historietista, incluíndo, ademais, material inédito.

Desde finais dos anos 80 e ata finais do 80, De Felipe estivo enteiramente dedicado ao mundo do cómic, publicando a nivel internacional obras como a citada Nacido salvaje e ADN, ambas as dúas con guión de Óscar Aibar. Tamén S.O.U.L.,con guión de Jaime Vaney e, posteriormente, xa en solitario, El hombre que ríeMarketing & Utopía Made in USAMUSEUM, premio do Salón do Cómic de Barcelona, e as dúas primeiras partes da triloxía Black DeKer. Durante ese período, De Felipe converteuse nun dos autores de referencia do panorama nacional. Foi tamén realizador e guionista de cinema e televisión e crítico televisivo do diario La Vanguardia.

A exposición dos seus orixinais está no Kiosco Alfonso.

Emma Ríos é licenciada en Arquitectura pola  Universidade da Coruña, profesión que dende un principio compatibilizou coa creación de historietas. A autora galega traballou para as dúas editoriais de cómic máis importantes de Estados Unidos, Marvel e DC. Para a primeira debuxou series como Runaways, Dr. Estraño, Firestar, The Amazing Spiderman, Osborn, Heralds e Capitana Marvel. Neste último traballo coñeceu á guionista Kelly Sue DeConnick, coa que estableceu unha gran amizade e que a levaría, en última instancia, a abandonar a famosa editorial para dedicarse a crear os seus propios proxectos. O primeiro foi Bella Muerte, con guións da citada Kelly Sue DeConnick, unha serie que combina de forma maxistral o realismo máxico coa brutalidade do western crepuscular. Foi nomeada a varios premios Eisner en 2014, gañou logo o Premio á Mellor Obra Internacional no festival de Expocómic no ano 2015 e a medalla de bronce no Japan International Manga Award.

Coa terceira entrega da serie, titulada La Rata, obtivo en 2020 o premio Eisner a mellor portadista. Ríos asina tamén, como autora completa, I.D., unha distopía que igualmente estivo nomeada aos premios Eisner de 2017, e Mirror, neste caso coma responsable do guión, en colaboración coa debuxante malaya Hwei Lim. Desde entón está máis centrada na realización de historias curtas, entre as que destacan as súas colaboracións no primeiro número da nova colección Batman Black and WhiteLa casa del pantano: cuentos de la ciénaga, con guión de Vita Ayala; Marvel Divas e Villanos de Gotham Especial Aniversario. Ademais do seu labor como historietista, nos últimos anos destacou como ilustradora e como portadista.

Os orixinais da obra de Emma Ríos están no Kiosco Alfonso.

A biografía artística de David Rubín é trepidante. Tras estudar deseño gráfico se lanzou ao mundo do cómic, a animación e a ilustración, converténdose axiña nun dos integrantes fundamentais do colectivo Polaqia, con presenza obrigada na súa publicación Barsowia, así como na revista infantil Golfiño, editada pola Voz de Galicia, e Dúas veces breve. Coa súa primeira obra longa, El circo del desaliento, foi nomeado como autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona de 2006. Tamén gañou o primeiro premio Castelao da Deputación provincial da Coruña con Onde ninguén pode chegar. A súa seguinte novela gráfica, La tetería del oso malayo, publicada en 2006, e editada en Francia, Italia e a República Checa, obtivo catro nomeamentos aos premios do Salón do Cómic da cidade condal, levándose finalmente o galardón ao autor revelación, ademais de colocalo como finalista do I Premio Nacional do Cómic. Seguiron Cuaderno de tormentas, unha vez máis nomeado ao mellor debuxo na cita de Barcelona; a codirección de Espíritu del bosque, unha longametraxe de animación; a adaptación ao cómic de Romeo y Julieta, de Shakespeare; El monte de las ánimas, de Gustavo Adolfo Bécquer e a actualización en cómic do mito de Heracles en dous tomos: El héroe.

A partir deste momento comeza a traballar intensamente para o mercado estadounidense. Ocúpase consecutivamente dunha adaptación do poema épico Beowulf en colaboración con Santiago García, dúas spin-off de Battling Boy, de Paul Pop, así como La ficción, xunto co guionista Curt Pires. Seguiranlle Ether, xunto a Matt Kindt e, posteriormente, un dos arcos da serie Rumble, con guion de John Arcudi, e varios episodios da serie Black Hammer, con guións de Jeff Lemire.

En 2016 estivo nomeado a catro premios Eisner: mellor debuxante/entintador, mellor adaptación doutro medio, mellor cor e mellor serie de continuidade. Rubín non deixou de traballar para o mercado español: realizou Miguel EN Cervantes, con Miguelanxo Prado, o director de Viñetas, e Gran Hotel Abismo, xunto con Marcos Prior. Na actualidade prepara un tomo unitario de Cosmic detective, xunto a Jeff Lemire e Matt Kindt e, para o mercado español, Fuego, a súa nova novela gráfica como autor completo, que verá a luz a finais deste ano.