FERNANDO LLOR

FERNANDO LLOR

Biografía

Fernando Llor (Vigo, 1982), é diplomado pola Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia, e traballou como redactor de contidos para varias empresas e como profesor de escritura cinematográfica e  camarógrafo. O seu debut profesional na banda deseñada prodúcese en 2014 coa publicación de Teluria 108 xunto a Alejandro Muñoz para Ediciones Babylon e, tras gañar ese mesmo ano, xunto a René Valiñas ao debuxo, un concurso convocado por Libros.com coa historieta Nyx, los sueños de la diosa. Desde entón, comeza a desenvolver unha incesante actividade como guionista, divulgador e docente. Así,en 2016, ademais de publicar Ojos grises xunto a Roger Vidal e Alex Batlle, entra a formar parte da escola de cómic O Garaxe Hermético, encargándose de impartir clase sobre guión de banda deseñada.

En 2017 publica Sangre en el suelo, un  thriller realizado xunto a oito debuxantes nos que cada un encárgase de debuxar unha das pezas do crebacabezas de xénero negro armado por Llor e ambientado nos Estados Unidos de 1937.

2018 é o ano en que ven a luz El último día, adaptación da novela de zombis de J. P. González, a cargo de Llor e Anxo  Bernuy, e El espíritu del Escorpión, unha das súas obras máis celebradas ata a data. Nela, Llor, con Pablo Cabalo ao debuxo, parte dun episodio real da vida do criminal de guerra Radovan  Karadzic, ex presidente da República Sprska en Bosnia e responsable da matanza de Srebrenica na que morreron 8.000 musulmáns bosníacos, para armar un interesante xogo de ficción. Karadzic, tras a súa fuxida, permaneceu oculto durante máis dunha década facéndose pasar por un terapeuta enerxético chamado Dragan Dabic, e é esta identidade a que Llor e Cabalo utilizan para construír un relato sobre a guerra, o engano, a memoria e, sobre todo, a identidade, a través dos ollos de Jasmina, unha muller con problemas de infertilidade á que trata o suposto doutor. Por El espíritu del Escorpión, Llor obtén o premio José Sanchis Grau ao mellor guionista nacional na Heroes Cómic Con de Valencia de 2019.

No 2019, ademais de publicar La pieza, xunto a Rafa Vargas, unha ficción histórica sobre un intento de destrución do Guernica, e La confesión, con debuxos de Román López-Cabrera, un relato con tinguiduras eróticas sobre os segredos nun pequeno pobo na era dixital, únese como membro fundador á Asociación Profesional de Guionistas de Cómics, ARGH! que fará a súa primeira aparición pública nas X Xornadas de Autores en Viñetas na cidade sevillana de Carmona.

En 2020 tras lanzar Korubaku de novo xunto a Alejandro Muñoz, unha historia xuvenil de ciencia ficción espacial para o mercado francobelga, métese de cheo no cómic biográfico con Subnormal, unha historia de acoso escolar xunto a Miguel Porto, libro que relata a historia de Iñaki Zubizarreta, ex xogador da ACB, que sufriu bullying durante a súa infancia precisamente polas calidades que, anos despois, levaríanlle a converterse en xogador de baloncesto profesional.

Xa en 2021 publica xunto a Esteban Hernández Plot Point, unha sátira sobre o mundo audiovisual actual, onde un actor en horas baixas e o seu grupo de colegas, deciden secuestrar á showrunner máis importante do momento para que escriba e deseñe para eles o atraco perfecto.

A súa obra máis recente, Humor artificial, con debuxos de Miguel Hernández, aborda o significado da paternidade e reflexiona sobre o amor nunha distopía a medio camiño entre o costumismo e o cyberpunk.

Ademais de dar clase en O Garaxe Hermético, Fernando Llor escribe unha columna de opinión no espazo Sala de Peligro do xornal El Español e mantén o blogue sobre técnicas de guión de banda deseñada Escribiendo Cómics.

Bibliografía esencial

2014 | Teluria 108 (Ediciones Babylon)

2014 | Nyx, los sueños de la diosa  (Libros.com)

2016 | Ojos grises (Panini)

2017 | Sangre en el suelo (The Rocketman Project)

2018 | El último día (The Rocketman Project)

2018 | El espíritu del escorpión (Evolution Comics)

2019 | La confesión  (The Rocketman Project)

2019 | La pieza (Evolution Comics)

2020 | Subnormal, una historia de acoso escolar (Evolution Comics)

2021 | Plot Point (Retranca Editora / Nuevo Nueve)

2021 | Humor Artificial (Dolmen)

Más info en…