JAVIER OLIVARES

JAVIER OLIVARES

Biografía

Javier Olivares (Madrid, 1964), tras colaborar en varios fanzines, entre os que destaca o prozine Albanta, comeza a súa carreira publicando en 1985 na revista Madriz e logo en Medios revueltos, en 1988, antes de se centrar sobre todo na ilustración.

A súa florecente carreira como ilustrador non lle fai esquecer a banda deseñada á que volve sempre que pode, ás veces incorporándoa ao seu traballo ilustrativo, como é o caso das cubertas que fai en 1990 para Gente pequeña, suplemento infantil de Diario16.

Graficamente inquedo, durante os anos noventa participa en todas as iniciativas de cómic independente que ten oportunidade, e ao longo da segunda metade da década comezan a aparecer pequenas  monografías da súa obra recollendo todo este material. A primeira, Cuentos de la estrella legumbre, publicada por El pregonero, en grampa en 1994, e á que seguirían en 1995 El segador de tus cosas, obra de Ediciones Camaleón, e Noticias para Magüi de Ediciones Malasombra. En 1997 volvería de novo a Ediciones Camaleón onde publicaría o pequeno caderno Estados  carenciales, dentro da colección Terra Incógnita. Olivares aproveita esas colaboracións para experimentar e evolucionar graficamente, e pasar dun debuxo amable a un progresivamente desgarrado, ata chegar a un concepto expresionista da imaxe tremendamente persoal e que perdurou ata os nosos días, aínda que siga evolucionándoo.

Durante a primeira década do 2000 continúa alternando a ilustración con traballos breves e ocasionais para diversas publicacións como La historia del blues, Sonic Cómic, Recto ou TOS. En 2001 verá por fin recompilados en formato álbum algúns dos seus traballos anteriores baixo o título de La caja negra publicado por Ediciones Glénat. En 2005, Media Vaca edita un integral dos Cuentos de la estrella legumbre que nese momento alcanzou as 77 pezas. En 2005 tamén será publicado o seu primeiro cómic para nenos: Astro, valiente explorador  na colección BD Banda. Neste ámbito, tamén cabe destacar a serie María Misterio que, xunto a Bernardo Vergara, levou a cabo para a revista Tretzvents en 2004 e, posteriormente, para a revista FIZ. A estas obras seguiría en 2007 a recompilación das crónicas de Ono y  Hop a cargo de Dibbuks.

No 2009, dentro da colección Clásicos en cómic, debuxa para SM unha adaptación á banda deseñada do Extraño caso del doctor Jekyll y míster Hyde, co guionista Santiago García. Un traballo que anticipa outro que leva anos preparando co mesmo guionista: Las meninas, biografía do cadro de Velázquez e do seu autor, cuxa publicación en 2014 reporta aos autores multitude de premios, entre eles o Premio Nacional de Cómic en 2015.

O recoñecemento que lle proporciona esa obra fai que aumenten as súas encargas como ilustrador de libros, sen que por iso deixe de facer bandas deseñadas breves mentres prepara outra obra importante con Santiago García: La cólera, publicada en 2019, onde queda analizada e actualizada a historia e o mito de Aquiles.

O seu último traballo é Warburg & Beach, a partir de textos de Jorge Carrión, e onde se fala da relación entre o historiador Aby Warburg e a libreira Sylvia Beach a principios do século XX, así como dos proxectos culturais que nacerían deles.

Bibliografía esencial

2001 | La caja negra (Ediciones Glénat)

2005 | Astro, valiente explorador (Faktoría K de Libros)

2007 | Las crónicas de Ono y Hop (Dibbuks)

2009 | El extraño caso del doctor Jekyll y mister Hyde  (Ediciones SM)

2014 | Las meninas (Astiberri)

2020 | La cólera  (Astiberri)

2021 | Warburg & Beach (Salamandra)

Máis info en…