• A exposición colgará na sede da Fundación Barrié que este ano súmase aos espazos expositivos do Salón Internacional coruñés
    • A cidadanía poderá contemplar por primeira vez xuntos os traballos agasallados nos dez anos de existencia do galardón, desde o primeiro, asinado por Max, en 2007, ata o último, obra de Pablo Auladell (2016)
    • Na axenda da vixésima edición do Festival de Cómic da Coruña hai, asemade, unha mostra sobre o proceso de adaptación de novelas de éxito ao cómic como Intemperie, de Jesús Carrasco, ou a Trilogía del Batzan, de Dolores Redondo, na sala Salvador de Madariaga 
    • Tamén, nas paredes de Salvador de Madariaga, exhibirase Fóra do Mapa, de Emilio Fonseca Martín, obra galardoada co último premio Castelao, que outorga a Deputación da Coruña.

A Coruña, 19 de xullo de 2017.  Viñetas desde o Atlántico 2017 (do 7 ao 13 de agosto) cumpre vinte anos. Dúas décadas de celebración ininterrumpida desta cita estival coa banda deseñada e que converte á cidade da Coruña, cada mes de agosto, no epicentro do mundo da historieta. Para celebrar este vinte aniversario, a oferta do Salón Internacional coruñés, promovido pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, vén cargada de actividades e novidades. Entre elas, a conmemoración tamén do décimo aniversario dos Premios Nacionales de Cómic, que concede anualmente o Ministerio de Cultura. Unha exposición mostrará, por primeira vez xuntos, os traballos premiados nestas dez edicións e un nutrido grupo de agasallados co premio formará parte do plantel de creadores que estarán e participarán nesta vixésima edición de Viñetas.

A mostra, titulada Dez anos de Premios Nacionais, exhibirase nunha das sedes que se suman este ano (tamén novidade) aos espazos expositivos do Salón Internacional, a Fundación Barrié. Na súa sala de exposicións colgarán orixinais de El Paraiso Perdido(2016) de Pablo AuladellLas Meninas (2015) de Javier Olivares e Santiago GarcíaBlacksad, Amarillo (2014) de Juanjo Guarnido e Juan Díaz CanalesArdalén, (2013) de Miguelanxo PradoDublinés (2012) de Alfonso ZapicoPlaza Elíptica (2011) de Santiago ValenzuelaEl arte de volar, (2010) de Antonio Altarriba e KimLas Serpientes Ciegas (2009) de Bartolomé Seguí e Felipe Hernández CavaArrugas (2008) de Paco Roca e Hechos, dichos, ocurrencias y andanzas de Bardín el superrrealista (2007) de Max.

Non só o traballo de todos eles estará en Viñetas 2017, tamén se deixarán ver pola Coruña durante a celebración do Salón un bo número de premios nacionais como ZapicoAltarriba,Díaz CanalesGuarnidoValenzuela, ademais, está claro, do único galego que obtivo de momento o galardón, Miguelanxo Prado, director e alma máter de Viñetas desde o Atlántico desde o seu comenzo.

Novela e cómic

Singular será tamén a mostra que se poderá ver na sala municipal Salvador de Madariaga (Durán Loriga): Da novela ao cómic. Coincidindo coa exposición que mostrará o traballo dun dos autores convidados, Javi Rey, adicarase un apartado á adaptación de novelas de éxito ao cómic. Falamos da transformación en viñetas de Intemperie, de Jesús Carrasco, realizada polo propio Javi Rey (un proxecto polo que recibiu o premio autor revelación do Salón Internacional del Cómic de Barcelona 2017), e da exitosísima Trilogía del Batzan, deDolores Redondo, convertida en historieta por Ernest Sala. Ambas adaptacións teñen o selo da editorial Planeta, que quixo sumarse así á celebración do vixésimo aniversario de Viñetas desde o Atlántico.

Premio Castelao

Nas paredes de Salvador de Madariaga exhibirase simultaneamente Fóra do Mapa, de Emilio Fonseca Martín, obra galardoada co Premio Castelao de Banda Deseñada no 2016, que outorga a Deputación de A Coruña. Como vén sendo habitual, durante o desenvolvemento de Viñetas desde o Atlántico, hase fallar o premio. O director de Viñetas Miguelanxo Prado, e algúns dos artistas convidados ao Salón, integrarán o xurado que elexirá, un ano máis, a obra gañadora.