MIGUEL PORTO

MIGUEL PORTO

Biografía

Miguel Porto Hermida (Vigo, 1980), afeccionado á banda deseñada desde moi novo, e alumno do tamén vigués Victor Rivas, en 1995, con apenas catorce anos gaña o premio infantil do I Salón de Cómic de Vigo, e con dezasete edita o fanzine Alopecia Mental, do que chega a publicar dous números nos que presentaba as súas primeiras historias.

En 2002 entra a colaborar na segunda etapa da revista Golfiño para a que crea a serie de tiras Lúa e despois Niko Natas, que realizará durante máis dunha vintena de números. Nese mesmo ano publica desde o primeiro número no fanzine BDBanda.

En 2003 formará parte do primeiro grupo de autores do prozine Barsowia, publicando nos seis primeiros números. Nos anos seguintes as súas obras aparecerán en multitude de fanzines como ARGH!, Carne Líquida, Fanzine Enfermo o Lunático e revistas como Dos veces breve, OINK!, Mongolia, Humo ou El Manglar.

En 2008, chega por fin a súa primeira obra longa. Será dentro da colección Clásicos en cómic da editorial  SM, encargándose de adaptar Tirante o branco, a famosa novela de cabalería sobre a liberación de  Constantinopla da invasión turca.

En 2011 publica na obra colectiva Yes, We Camp! Bocetos de una (R)evolución que conta as experiencias de varios autores durante o 15M.

En 2012, Kiko dá Silva abre a escola de cómic O Garaxe Hermético, da que Miguel Porto entra a formar parte como un dos seus primeiros profesores encargándose, desde entón, de impartir clases sobre técnicas dixitais e proxectos.

En 2014 crea e dirixe, xunto coa asociación Sende, o festival Bosquexo de debuxo ao natural, un campamento de debuxo para adultos no Parque Natural do Xurés, na aldea de Senderiz, que leva xa 8 edicións ás súas costas.

En 2016 crea a serie Allen, Son of Hellcock, unha revisitación dos cómics de espada e bruxería en clave de comedia, xogando cos tópicos do xénero, baixo guións de Will Tracy e Gabe Koplowitz (director de  The  Onion e guionista do programa de John Oliver, e guionista de VICELandrespectivamente), publicada por  Z2 Cómics nun tomo de 136 páxs en 2017.

En 2018 participa na obra colectiva O puño e a letra, na que un nutrido grupo de autores galegos adaptan cada un un poema de Yolanda Castaño. A obra resulta un éxito editorial e destaca por ser a primeira obra de Cómic Poesía editado en lingua galega. Ademais, neste mesmo ano, comeza a colaborar na revista A viñeta de Schröedinger para a que crea a serie Astropcito Academia astrociéntífica.

En 2020, e con guión de Fernando Llor, métese de cheo no cómic biográfico con Subnormal, libro que relata a historia de Iñaki Zubizarreta, ex xogador da ACB, que sufriu  bullying durante a súa infancia precisamente polas calidades que, anos despois, levaríanlle a converterse en xogador de baloncesto profesional.

Ademais de dar clase en O Garaxe Hermético, e da súa actividade como debuxante de cómics, Miguel Porto desenvolveu en paralelo unha longa e exitosa carreira como ilustrador, traballando, entre outras, para editoriais como Xerais, Galaxia, Anaya, SM, Edebé, Santillana, Edelvives ou publicacións como  El País ou Diagonal.

Bibliografía esencial

2008 | Tirante el blanco  (Ediciones SM)

2013 | Nueve preguntas (Dibukks)

2017 | Allen. Son of Hellcock  (Z2 Comics)

2018 | O puño e a letra  (Edicións Xerais)

2018 | A viñeta de Schrödinger. 4 números (A mesa pola normalización lingüística)

2020 | Subnormal (Evolution Comics)

Máis info en…