NÚRIA TAMARIT

NÚRIA TAMARIT

Biografía

Núria Tamarit (Vila-real,1993), iníciase no mundo do cómic colaborando en fanzines á vez que cursa estudos de Belas Artes en Valencia e un  Máster en Disenny i Illustració.

No 2016 publica o seu primeiro libro-cómic, Anna Dédalus detective: El misterio de la mansión quemada, con Miguel Ángel Giner Bou no guión e Xulia Vicente como colaboradora no apartado gráfico. A serie, que combina novela e cómic ao  ntercalar no relato un diario en forma de banda deseñada, conta as aventuras de Anna Dédalus, filla dos famosos detectives Queta Albero e Dídac Dédalus. Unha nena de dezaseis anos, tamén detective, capaz de resolver calquera misterio menos o da desaparición dos seus pais. Enigma que resolverá neste primeiro volume da saga. A serie contará cun segundo volume tamén con Giner Bou a cargo do guión e debuxado por Susanna Martín.

Tras o primeiro tomo de Anna Dédalus, Tamarit realiza Duerme pueblo, de novo xunto a Xulia Vicente, Unha historia sobre feiticeiras, parellas de lobos, corvos agoreiros, aparecidos, cerimonias pagás,  vástagos ilexítimos e antigas supersticións nunha comunidade rural onde cada peza é parte da conxura humana. Un relato do norte profundo que referenda o vello proverbio: pobo pequeno, inferno grande. Unha intrigante historia de crimes, case un xogo  metalingüístico, cuxa clave coñece Audrey, unha nena orfa que din amiga do diaño.

No 2016 publica Avery’ s Blues editado por Dibbuks con guión de Angux. Entre 2017 e 2019 colabora en varias publicacións como Nimio ou Colorcarne e en antoloxías como Puro Perú ou Diferente cuxas historias, en certa medida, anticipan a que será a súa seguinte obra.

No ano 2019 ve a luz Dúas moedas, a súa primeira obra longa en solitario pola que obtén o Premi València de Novela Gráfica. Publicada en galego e castelán, Dúas moedas conta a historia de Mara, unha adolescente europea que acompaña á súa nai a unha viaxe a Senegal para construír unha biblioteca e unha emisora de radio. Unha viaxe que servirá á protagonista e aos lectores para desmontar tópicos, eliminar prexuízos e botar algo de luz sobre o enorme descoñecemento que temos sobre África.

A súa seguinte obra é unha novela gráfica titulada Giganta, nesta ocasión sobre guión de Jean- Christophe  Deveney, onde narra a historia de Celeste, a xiganta do título, á que atopa unha familia de campesiños abandonada no bosque. Xiganta é unha fábula  iniciática que, en clave feminista, recolle todos os elementos clásicos dos contos tradicionais  reformulándolos baixo unha mirada actual e dando como resultado unha fermosa historia sobre o amor, a procura do coñecemento, a aceptación dun mesmo e o valor da diferenza.

A súa última obra, publicada recentemente, é El enebro, editada por Ediciones La Cúpula. Tamarit volve de novo ao ámbito dos contos clásicos, onde se move como peixe na auga, aínda que nesta ocasión faio como autora completa, para adaptar un conto dos Irmáns Grimm. El enebrorepresenta, sen escatimar crueza ao lector, toda a carga simbólica que levaban os contos clásicos, verdadeiros manuais para a vida, cuxo mensaxe  amplifica e matiza coa súa extraordinaria calidade gráfica.

Bibliografía esencial

2016 | Anna Dédalus, El misterio de la mansión quemada  (Andana Editorial)

2016 | Duerme pueblo (Ediciones La Cúpula)

2019 | Dos monedas / Dúas moedas (Ediciones La Cúpula / Retranca Editora)

2021 | Giganta (Norma Editorial)

2021 | El enebro (Ediciones La Cúpula)

Máis info en…