Como xa indicaron os responsables de Viñetas desde o Atlántico 2015 na presentación do festival, os talleres desde os que achegar o mundo da historieta ao público infantil e xuvenil son tamén outro dos “clásicos” que menos descoida a organización de Viñetas desde o Atlántico. Non en balde, coñecer os procesos creativos, a intrahistoria de como facer que un relato feito de viñetas e bocadillos funcione, é unha das fórmulas máis seguras de fidelizar seguidores. Por iso, unha edición máis, baixo a coordinación de Manel Cráneo, Viñetas programou sete talleres que se desenvolverán, durante dúas semanas, no Ágora e o Forum Metropolitano.

Douscentos nenos e mozos, de entre 4 e 12 anos, gozarán do coñecemento e o humor da man de autores locais e galegos como o son Alberto Guitián, que dirixirá o obradoiro Facendo cómics que te partes! , José Domingo, que pilotará o taller Cómics para flipar a cores ou Juan Juste, encargado do titulado Historias de Kamishibai (teatro xaponés en papel). Completan o cadro Pelorroto (Alberto Díaz), que ensinará a crear un personaxe propio coa Curuxa Detective, Laura Blanco, que dirixirá o obradoiro titulado Superviñetas e Irene Sanjuan, con O Xastre desastre.

Jacobo Fernández encargarase doutro dos talleres e protagonizará unha exposición grazas á súa obra A illa remeira. Tedes toda a información sobre esta actividade neste enlace.