Need a new search?

If you didn't find what you were looking for, try a new search!

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2022, UNA INVITACIÓN PARA RECORRER LO ACONTECIDO EN EL NOVENO ARTE EN ESTE CUARTO DE SIGLO DE LA MANO DE REFERENTES DEL COMIC

2022-08-02T13:19:43+02:00

1998-2022, o Salón Internacional do Cómic da Coruña cumpre os seus primeiros 25 anos

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2022 CONVIDA A PERCORRER TODO AQUILO QUE ACONTECEU NESTE CUARTO DE SÉCULO NA NOVENA ARTE DA MAN DOS REFERENTES DA BANDA DESEÑADA

David Rubín e Emma Ríos expoñerán no Quiosco Alfonso os seus últimos traballos

Os orixinais de “El Buscón” de Alain Ayroles e Juanjo Guarnido, e mesmo o último “Blacksad” de Guarnido e Juan Díaz Canales, exhibiranse en María Pita.

A inesquecible Esther, de Purita Campos, incorpórase á familia de personaxes comiqueiros que toman a cidade durante o Salón do Cómic

Estaba moi claro. O programa do 25 aniversario do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico impulsado polo Concello de A Coruña desde 1998 non podía facer outra cousa que repasar o que aconteceu na Novena Arte nestas dúas décadas e media que leva ás costas. “Desde o principio tivemos clara a liña de traballo” –explica o director do Salón, o debuxante Miguelanxo Prado, Premio Nacional de Cómic 2013- “que tanto os convidados como as exposicións de Viñetas 2022 (do 8 ao 14 de agosto) amosasen unha mestura da nostalxia daqueles primeiros anos; que plasmasen a satisfacción do camiño percorrido por Viñetas e, por que non dicilo, tamén o orgullo que nos cabe polos resultados obtidos. Pensamos en empezar a viaxe naqueles que nin sequera naceran cando chegou Viñetas desde o Atlántico –engade Prado- ou nos nenos lectores dos tebeos que había daquela. Por iso convidamos a Alicia Jaraba, quen, por ser a filla dun autor de cómic, viviu todo ese proceso moi de preto e dende ben cativa: indo co pai de festival en festival ata chegar a ser quen é hoxe en día, a autora de banda deseñada que nos engaiolou a todos co seu Soy la Malinche. Doutra banda, quixemos mirar para eses mozos afeccionados que viñan por Viñetas nas súas primeiras edicións, como foi David Rubín (Gran hotel Abismo) ou Emma Ríos (La cosa del pantano: cuentos de la ciénaga, e que se converteron nos artistas recoñecidos internacionalmente que son hoxe, cunha traxectoria que resulta incuestionable”.

Outro dos eidos sobre os que se traballou ten que ver cos artistas que xa despuntaban daquela e agora son un referente mundial indiscutible: Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales. As súas obras son das poucas que contan cun gran público e cun mercado universal: están editadas en todas as linguas imaxinábeis e mesmo en todos os países nos que se poda pensar. Un dos pratos fortes destas vodas de prata que imos celebrar vai ser tanto a mostra dos orixinais de El Buscón en las Indias –o Guarnido que, con guión de Alain Ayroles coma os dese Todo Cae, no que o tándem Guarnido e Canales levan a Blacksad de volta a Nova York.

O programa inclúe ademais algúns referentes dos múltiples mundos paralelos á propia banda deseñada: o cine ou a animación.. Estará na Coruña Jesús Alonso Iglesias, o responsable da imaxe do último grande éxito de animación cinematográfica, Spiderman. O seu traballo poderá verse exposto en Viñetas 2022. Viñetas 2022 quere render asemade unha homenaxe aos creadores e creadoras que son o pasado, o presente ou están a protagonizar o cambio do cómic en España,  eses que van ser responsables do seu futuro: Fernando de Felipe (El hombre que ríe, Museum); Borja González (Grito nocturno); Mayte Alvarado (La Isla) ou Fidel de Tovar e Dani Bermúdez, referentes indiscutíbeis do manga español (Liquid memories, El tiempo de los tres).

Viñetas sempre mira cara ao mercado francobelga, referente na novena arte. “É por iso –explica Miguelanxo Prado– quixemos contar con Pierre Alary, un dos seus expoñentes máis relevantes que “abraiou a todo o mundo coa súa versión libre de El Zorro titulada Don Vega e mesmo pola súa adaptación do personaxe Conan o Bárbaro en La reina de la costa negra con Moryan ao guión”. Carlos Portela e Sergi San Julián volven a Viñetas coa novela gráfica A Conta Atrás, á fin completa, con unha segunda parte ata o de agora inédita. Os orixináis achegan a traxedia do Prestige e cobren ese espazo que dedicamos sempre ás obras que usan a linguaxe do cómic para a denuncia e a crítica social.

Esther entra na familia

Alén dos orixinais e as charlas cos autores, hai un elemento de Viñetas que o identifica como ningún outro: a familia de figuras –nacionais ou alleas- que se agochan polas rúas cada verán. Batman, Spiderman, Superman, os Simpson, a Pitufina, o Príncipe Valente, Astérix e Obélix, Mortadelo e Filemón, Blacksad ou Corto Maltés, están desexando facer a súa aparición cada agosto, aínda que só sexa para seren as estrelas máis fotografadas do Salón. Tras de 25 anos, os selfies daqueles que os descobren aquí e acolá pola cidade adiante han ser xa milleiros. Este 25 aniversario vén con sorpresa engadida: a familia crece cunha nova figura; e unha moi desexada. Esther, o referente feminino da España dos 60 e os 70 que creou Purita Campos. Unha moza, por riba, que tivo o mérito de amosar a moitas mozas españolas dos 60 e os 70 que cousa era o feminismo, as relacións e a incorporación ao mundo laboral.

O primeiro cuarto de século do Salón trae outra novidade. Blacksad, Hellboy e Xabarín compartirán a cara cos afeccionados que teñan o capricho de converterse por uns intres en súper heroes de papel.

A ciencia dos océanos

Viñetas desde o Atlántico recupera este 2022 un vello amigo: o Aquarium Finisterrae coma espacio expositivo para acoller “Viñetas: a ciencia dos océanos”, unha mostra comisariada por Toni Guiral que nos achegará ao mundo científico a través do cómic, e dedicada á honrar a memoria de Francisco Franco del Amo, Paco Franco, quen fora director técnico dese museo, científico e amigo leal do festival, falecido en setembro pasado.

Un ano máis, Viñetas acollerá o Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña. A sala de exposicións Salvador de Madariaga será a que presente os orixinais da obra galardoada en 2021, “Nós seis”, de Julia Lago. Alí tamén estará “María Casares. En tres actos”, de Inés Vázquez, Rubén Rial e Dani Xove aos lapis e Manuel L. Poy ao guión, editado polo concello coruñés e ilustrada na coberta por Camille Benyamina.

A Torre de Hércules multiplicarase por vinte e cinco este 2022. O símbolo da cidade non podía ser alleo ao aniversario do Salón. Un ano máis poderán visitarse alí os carteis que foron a imaxe de Viñetas no último cuarto de século. Prevese asemade a edición dun selo de correos conmemorativo do 25 aniversario que reproducirá o cartel da edición, obra, coma o primeiro da serie, de Miguelanxo Prado.

O director do festival do cómic destaca a singularidade do Salón Internacional polo feito de ser quen de reunir, edición tras edición, tal número de orixinais dos autores convidados. “Os creadores son –somos- moi protectores cos orixinais e é difícil conseguir un salón coma este, onde o que prima sexa a mostra dos debuxos orixinais; e iso só é posible grazas á sona que nos gañamos no sector, coidando do autor e mais da súa obra, o que sería imposible sen o traballo que fai dende hai 25 anos o equipo municipal responsable das salas de exposicións”. O obxectivo, desde o principio, foi facer de Viñetas un salón de autor, onde o encontro sosegado entre os afeccionados e os creadores fose posible. “Conseguímolo, remata. Viñetas é un referente.

Polo festival pasaron estes años autores de altura: premios Nacionais de Cómic, Premios Eisner (os Ócar da novena arte), referentes americanos dos súper heroes da Marvel ou DC Comics; autores das novelas gráficas máis singulares, dos tebeos infantís máis recoñecidos; lendarios creadores de manga xaponés. E, mesmo así, Viñetas nunca esqueceu o mundo editorial. De aí esoutro clásico do festival, a Rúa da BD, un espazo que acolle cada edición ao redor de trinta librarías especializadas de toda España. Ao seu carón, as editoriais terán igualmente este 2022 unha carpa na que presentar as súas novidades.

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2022, UNA INVITACIÓN PARA RECORRER LO ACONTECIDO EN EL NOVENO ARTE EN ESTE CUARTO DE SIGLO DE LA MANO DE REFERENTES DEL COMIC2022-08-02T13:19:43+02:00

CONVIDADOS

2022-08-11T17:18:27+02:00

CONVIDADOS

ALICIA JARABA

Exposición:
SALA DE EXPOSICIONES PALEXCO

Charla:
Martes 9 – 18.15h

Alicia Jaraba Abellán (Vigo, 1988) 

Licenciada en Filoloxía Hispánica e Francesa, comezou a traballar como debuxante de cómics en 2017,  publicando en Francia dous libros da serie Les détectives du surnaturel con guión de N. M. Zimmermann, e posteriormente a novela gráfica en dous tomos L’onde Dolto, con guión de Séverine Vidal.

No noso país deuse a coñecer da man da antoloxía O puño e a letra, onde corenta autores adaptaban poemas de Yolanda Castaño no que se considera o primeiro libro de comic poetry, diálogo entre poesía e cómic, da historieta galega.

Este ano debuta como autora completa con Soy la Malinche, unha novela gráfica, onde mestura as súas dúas grandes afeccións: o cómic e os idiomas.
Ambientada no século XVI, Soy la Malinche relata a historia de Malinalli, filla dun xefe de clan centroamericano. Pouco despois da morte do seu pai é vendida a un clan maia para traballar no campo e satisfacer a libido do seu novo amo. Un día, enormes barcos aparecen no horizonte… son os españois, comandados por Hernán Cortés. Grazas ao seu coñecemento de varias linguas e relixión, aos seus dezaoito anos esta moza acabará por se converter na Malinche, a intérprete dos conquistadores e amante de Cortés. Será tamén ela quen terá a coraxe de dicir unha palabra prohibida ás mulleres do seu tempo: non! Alén da lenda, aquí está a historia da Malinche, viva, nova, inexperta, moitas veces superada polos acontecementos, mais, sobre todo, humana.

2018 – O puño e a letra (Edicións Xerais)
2022 –  Soy La Malinche (Nuevo Nueve)

BORJA GONZÁLEZ

Exposición:
SALA DE EXPOSICIONES PALEXCO

Charla:
Martes 9 – 19.30h

Borja González (Badajoz, 1982)

Ilustrador e historietista de formación autodidacta, fixo os seus primeiros primeiros pasos en fanzines como El Hombre Alto, Roland, Las aventuras de John Gummo e Teresa.

Tamén publicou en revistas e xornais, como GQ, Rockdelux ou Ara, e expuxo os seus orixinais en galerías de España e Francia.
Entre 2012 e 2013 colaborou en cómics de varios autores, como o Apocalipsis según San Juan editado por EDT, e Putokrío obra de De Ponet.

En 2012, ademais, publicou a súa primeira obra en solitario, un cómic coeditado por ERE e Dadá Ediciones baixo o título La boca del lobo, unha biografía ficticia do pintor pacense Antonio Juez e Carolina Coronado. Ao ano seguinte, adaptou o poema de Goethe El Rey de los Elfos para El verano del cohete, editorial que el dirixía xunto a Mayte Alvarado e Rui Díaz.

De entre as súas obras breves, destacan Panorama esperanzador (2015), La Reina Orquídea (2016) e Menneval(2018), aínda que a súa confirmación tivo lugar como autor das novelas gráficas. A primeira delas, The Black Holes(2018). A falta de rostros nos personaxes, o aire poético, ás veces estraño e, sobre todo, un extraordinario dominio do que non se mostra na historia, converteron a Borja González nun dos autores de referencia entre os novos creadores da historieta española.

Se The Black Holes chamou poderosamente a atención de crítica e público, a súa seguinte obra, Grito nocturno(2021), non fixo máis que confirmar o seu talento e cumprir con suceso as expectativas postas nel converténdose nun éxito desde a súa publicación.

Actualmente, ademais do seu traballo como historietista, dirixe, xunto a Mayte Alvarado, o proxecto Spiderland/Snake, dedicado á difusión de fanzines e cómics en liña onde se pode ler a súa obra The Unseen Records.

2015 – Panorama esperanzador (El verano del cohete)
2016 – La reina orquídea (El verano del cohete)
2018 – Menneval (Spiderland/Snake)
2018 – The Black Holes (Reservoir Books)
2021 – Grito Nocturno (Reservoir Books)

DANI BERMÚDEZ · FIDEL DE TOVAR

Dani

Fidel

Exposición:
SALA DE EXPOSICIONES PALEXCO

Charla:
Mércores 10 – 18.15h

Dani Bermúdez (Barcelona, 1981)
Fidel De Tovar (Barcelona, 1982) 

Formado en narración no Ateneo de escritura de Barcelona e en fotografía documental no CFD, a fascinación de Fidel de Tovar pola cultura nipoa lévalle a realizar en 2013 a fotoreportaxe Hanami sobre a floración da cerdeira en Xapón, co que gaña o premio ao mellor documental de revista Piel de Foto e que publica tamén na revista sobre tendencias xaponesas Eikyô (2014). En 2016 crea o guión de Arashiyama, la montaña de los deseos e, xunto ao debuxante Dani Bermúdez, gaña o XI concurso manga de Norma Editorial. A obra publícase en 2017 e gaña o premio a mellor manga español nos Rameneos 2018 do portal líder en actualidade anime e manga Ramen para dos e álzase co premio homónimo no festival Manga Barcelona.

Pola súa banda, Dani Bermúdez, é un amante do idioma e a cultura xaponesa, moi influenciado polo cinema e os videoxogos, que estudou Belas Artes na escola Llotja e Ilustración na escola Joso. En 2005 publica a súa primeira serie manga Onegai Señorita na revista Line Magazine. Participou en dúas obras colectivas, ambas as dúas publicadas por Letrablanka Editorial: Let’s Cook! (2012) e Olympics (2013). En 2017 publica Arashiyama, la montaña de los deseos, obra gañadora do concurso manga de Norma Editorial, e a súa primeira obra como debuxante único e xunto a Fidel De Tovar (guionista). En 2018, Bermúdez recibiu o premio ao mellor mangaka español no Héroes manga Madrid por esta mesma obra.

Desde que comezan a traballar xuntos convértense nun tándem creativo moi activo que, ademais de amosar o proceso de creación das súas obras en directo en Twitch, tamén traducen, maquetan e deseñan obras para varias editoriais.

Arashiyama, a súa primeira obra conxunta, xoga con elementos fantásticos tomando como punto de partida unha antiga lenda que conta que se se consegue chegar á cima de Arashiyama á noitiña do cuarto día de lúa chea do ano, os deuses concederán a quen o consiga, un desexo. Por iso os pequenos Shin e Sumie escápanse de casa da súa avoa para ir a “a montaña dos desexos” e pedir aos deuses que fagan volver aos seus pais da súa “longa viaxe polo ceo”. O que non se imaxinan é que en Arashiyama agardan algo máis que deuses.

No ano 2020 publícase unha nova edición ampliada con máis páxinas en cor e información adicional sobre o universo da obra.

Liquid Memories, o seu seguinte manga, esta vez en dous volumes, supuxo un cambio de rexistro con respecto a Arashiyama. Do fantástico de corte familiar, pasaban a un thriller ambientado no Londres actual, onde unha serie de violentos asasinatos sacode a tranquilidade dos habitantes da cidade. O nexo común, ao parecer, é que todos os crimes teñen algo en común: a auga.

Con esta obra gañaron en 2019 o premio ao mellor manga español no festival Manga Barcelona, converténdose nos primeiros autores en alzarse con este premio dous anos consecutivos e con dúas obras diferentes.

O seu último traballo, El tiempo de los tres, é unha historia de corte máis íntimo. A Sagrada Familia derrubouse e, con ela, algo rachou no interior da ceramista Elda, que voa de volta desde Kobe a Barcelona para reconciliarse cun pasado doloroso. E é entón, nas rúas de Barcelona, onde rememora a súa vida nos 90 xunto a Jules e Hiroshi, os seus compañeiros de piso da época, tentando pechar unha ferida que leva demasiado tempo aberta.

2017 – Arashiyama (Norma Editorial)
2019 – Liquid Memories. 2 volúmenes (Norma Editorial)
2021 – El tiempo de los tres (Norma Editorial)

DAVID RUBÍN

Exposición:
KIOSKO ALFONSO

Charla:
Xoves 11 – 19.30h

David Rubín (Ourense, 1977) 

Tras estudar deseño gráfico, lánzase ao mundo do cómic, a animación e a ilustración. Nos primeiros 2000 comeza a publicar, converténdose nun dos integrantes fundamentais do colectivo Polaqia con presenza obrigada na súa publicación Barsowia así como na revista infantil Golfiño editada por La Voz de Galicia ou na revista Dos veces breve.

Coa súa primeira obra longa, El circo del desaliento, é nomeado como autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona de 2006, gaña o primeiro premio Castelao con Onde ninguén pode chegar, e edítase en galego, castelán, italiano e francés. A súa seguinte novela gráfica,  O salón de té do oso malaio, publicada en 2006, edítase tamén en Francia, Italia e a República Checa, e leva catro nomeamentos aos premios do Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2007, logra o galardón ao autor revelación e acredítalle como finalista do I Premio Nacional do Cómic.

Posteriormente Cuaderno de tormentas, editado por Planeta en 2008, é nomeado ao mellor debuxo de novo na cita de Barcelona. Codirixe Espíritu del bosque, unha longametraxe de animación CGI, e o mesmo ano adapta ao cómic Romeo y Julieta, de William Shakespeare, e, ao ano seguinte El monte de las ánimas, de Gustavo Adolfo Bécquer, ambas as dúas para a editorial SM.

No ano 2010 mergúllase na actualización en cómic do mito de Heracles cos dous tomos de El Héroe que verán a luz entre 2011 e 2012.

Rubín ten unha actividade incesante e, a continuación, ocúpase consecutivamente dunha adaptación do poema épico Beowulf, en colaboración con Santiago García, dous spin offs de Battling Boy, de Paul Pope, centrados no personaxe de Aurora West, dos que se publicaron dous tomos: El momento de Aurora West e La caída de la casa West  por Debolsillo en 2014 e 2015, así como La ficción, xunto co guionista Curt Pires, editado por Astiberri, e Miguel en Cervantes. El retablo de las maravillas, realizado con Miguelanxo Prado e coeditado por Astiberri e Acción Cultural Española en 2015.

En 2016 realiza xunto a Marcos Prior a novela gráfica Gran Hotel Abismo á vez que comeza en Ether, xunto a Matt Kindt. Posteriormente realizará un dos arcos da serie Rumble, con guión de John Arcudi, na que o Rubín recolle o testemuño de James Harren, encargado de debuxar os tres primeiros tomos. Mentres, segue traballando en varios episodios da serie Black Hammer, serie publicada pola editorial Dark Horse, con guións de Jeff Lemire.

Ese mesmo ano é nomeado a catro premios Eisner en catro categorías diferentes: a mellor debuxante/entintador, mellor adaptación doutro medio, mellor cor e á mellor serie de continuidade.

Estes últimos anos seguiu desenvolvendo unha actividade continua no mercado norteamericano. Desde encargarse do tramo final da serie Rumble, con guión de John Arcudi, ata a novela gráfica Cosmic Detective, de inminente saída, realizada xunto a Jeff Lemire e Matt Kindt.  Ademais, colaborou, entre outros, no Detective Comics 1000 ou Black Hammer Street of Spiral, e ten realizado multitude de portadas.

Actualmente está a rematar El fuego, obra que publicará Astiberri Ediciones a finais deste mesmo ano.

2005 – El circo del desaliento (Astiberri Ediciones)
2011 – El héroe. 2 volúmenes (Astiberri Ediciones)
2013 – Beowulf (Astiberri Ediciones)
2014 – Battling Boy. 2 volúmenes (Penguin Random House)
2016 – Gran Hotel Abismo (Astiberri Ediciones)
2017 – Ether (Astiberri Ediciones)
2018 – Black Hammer 2 (Astiberri Ediciones)
2018 – Cuaderno de tormentas edición ampliada (Astiberri Ediciones)
2018 – Sherlock Frankenstein y La legión del mal (Astiberri Ediciones)
2019 – Rumble. Volúmenes 4 a 6 (Astiberri Ediciones)
2019 – O salón de té do oso malaio (Demo Editorial)

EMMA RÍOS

Exposición:
KIOSKO ALFONSO

Charla:
Xoves 11 – 19.30h

Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976) 

Licenciada en Arquitectura, na Universidade da Coruña, comezou debuxando e editando os seus propios fanzines en Ourense, influída tanto polos comic books americanos como polos mangas procedentes de Xapón. Eses primeiros traballos verían a luz no fanzine APB, A prueba de balas, dentro do colectivo Polaqia.

Tras demostrar os seus dotes para a narrativa gráfica, probou sorte no mercado norteamericano, debuxando a miniserie Hexed, e o nacional, creando a adaptación de Amadís de Gaula para a editorial SM, compatibilizando a creación de historietas co traballo nun estudo de arquitectura. Posteriormente entraría directamente a traballar en Marvel Cómics onde debuxou en series como Runaways, Dr. Strange, Firestar, The Amazing Spider-Man, Osborn, Heralds ou Captain Marvel.

Desta etapa na Casa das Ideas destacan especialmente tres traballos: o primeiro, á fronte do segundo volume de Strange, serie dedicada ao Feiticeiro Supremo da Terra, e guionizada por Mark Waid, da que realizaría os catro primeiros números, a reinterpretación da orixe deste mesmo personaxe que fixo xunto ao guionista Greg Pak en Doctor Strange. Primera temporada, e, sobre todo, os seis primeiros números do volume sexto de Captain Marvel, titulado no noso país como Capitana Marvel. Anhelando volar, guionizados por Kelly Sue DeConnick, coa que establecería unha grande amizade que a levaría, en última instancia, a abandonar a famosa editorial para poder crear os seus propios proxectos.

É nesta nova aventura na editorial Image onde Emma Ríos amosa todo o potencial do que xa dera boa conta nos seus traballos en Marvel. Primeiro sería en Bella Muerte, con guións da citada Kelly Sue DeConnick, na que a artista deixaría patentes os seus extraordinarios dotes para a narrativa. Bella Muerte é unha serie que combina de forma maxistral o realismo máxico coa brutalidade do western crepuscular. Esta primeira entrega foi nomeada a varios premios Eisner en 2014: Sue DeConnick como mellor guionista, Emma Ríos por mellor lapis/entintado e mellor portada, e Jordie Bellaire na categoría de mellor cor.  En 2015 gañou o Premio á Mellor Obra Internacional no festival de Expocómic e a medalla de bronce no Japan International manga Award.

Autora dunha grande inquietude, a súa seguinte obra, I. D., vería a luz na antoloxía Island Magazine, da que foi co-editora, tamén baixo o paraugas do selo Image, e sería nomeada á Mellor antoloxía nos premios Eisner de 2017. I. D. é unha distopía que analiza o conflito entre percepción e identidade a través da loita de tres persoas que consideran un “transplante de corpo” como a solución ás súas vidas.

En 2016 apareceu a segunda entrega de Bella Muerte, titulada El oso. Unha historia intensa e poética onde a filla dunha muller agonizante fai un pacto cunha das parcas. Aprazar a morte da muller para dar ao seu fillo a oportunidade de volver a casa e despedirse dela. Mais o mozo está nunha trincheira en plena fronte de batalla en Europa. As parcas da Morte e a Fortuna converxen para enfrontarse coa parca da Guerra, que pretende cobrar unha terrible factura. Unha nova entrega que afonda no universo creado por DeConnick e Ríos ampliando a súa mitoloxía.

En 2017 colaborou xunto a oito autoras na colección primavera de Prada que homenaxeaba a autoras de cómic.

O seu seguinte traballo sería no campo do guión, xunto á debuxante Hwei Lim para a que escribiu Mirror. El reflejo de la montaña, que é a primeira entrega dunha serie sobre os alquimistas da Sincronía e os animais conscientes da colonia de Irzah. Un relato que, por riba de calquera outra cousa, explora o concepto de humanidade. Parcialmente inspirada en Oda a Kirihito, de Osamu Tezuka, e A illa do Dr. Moreau, de H. G. Wells, Mirror é unha historia sobre a identidade, a aceptación e a liberdade de elixir.

A terceira entrega de Bella Muerte, titulada La rata, chegaría en 2019 repartida en cinco entregas, publicándose recompilada ao ano seguinte en España.
Desde entón, a súa actividade centrouse máis na realización de historias curtas, entre as que cabe destacar as súas colaboracións no primeiro número da nova colección Batman Black and White, titulada Sísifo;  La cosa del pantano: Cuentos de la ciénaga con guión de Vita Ayala; Marvel Divas ou no

Villanos de Gotham Especial Aniversario, cunha historia de G. Willow Wilson sobre Poison Ivy que introducía a súa nova serie.

Ademais do seu labor como historietista, nos últimos anos destacou tamén na súa faceta como ilustradora, colaborando, entre outros, con Wizards of the Coast para Magic The Gathering, ou Edicións Gigamesh, como autora das portadas das novas edicións de Bosque Mitago y Lavondyss de Robert Holdstock; obtendo polo seu traballo en Bella Muerte. La rata, o prestixioso premio Eisner  en 2020 á mellor autora de portadas.

2009 – Hexed, la marca de Lucifer (El Patito Editorial)
2010 – Extraño (Panini España)
2013 – Capitana Marvel, Anhelando volar (Panini España)
2013 – Prophet. Número 1 (Aleta Ediciones)
2013 – Doctor Extraño. Primera Temporada (Panini España)
2014 – Bella muerte. 3 volúmenes (Astiberri Ediciones)
2016 – I. D.  (Astiberri Ediciones)
2017 – Mirror (Astiberri Ediciones)
2018 – Runaways, Enseñanza en casa (Panini España)
2018 – Marvel Saga. Volúmenes 59, 61, 73 y 83 (Panini España)
2021 – La cosa del pantano: Cuentos de la ciénaga (ECC)

FERNANDO DE FELIPE

Exposición:
KIOSKO ALFONSO

Charla:
Xoves 11 – 18.15h

Fernando de Felipe (Zaragoza, 1965)

Doutor en Belas Artes pola Universidade de Barcelona, é profesor titular da Facultade de Comunicación Blanquerna, onde dirixe desde 2006 o Máster Oficial en Cinema e TV da Universitat Ramon Llull. Como ensaísta, é autor de títulos como Joel y Ethan Coen: El cine siamés (1999), Barton Fink (1999), Adaptación (2008), Ficciones Colaterales(2011), Memento Mori (2012), Cronoendoscopias (2014) ou Cómo construir un buen guión audiovisual (2016), e tamén participou nos volumes colectivos Imágenes para la sospecha (2001), Realidad virtual (2004), El Paraíso de Prometeo (2006), Mad Men (2015), The Horror! (2015), The Wire University (2016), Regreso a Twin Peaks (2017) ou Black Mirror: Porvenir y tecnología (2018).

Desde finais dos anos oitenta e ata finais dos noventa, estivo enteiramente dedicado ao mundo do cómic, publicando a nivel internacional obras como Nacido salvaje (1989) e ADN (1990), ambas as dúas con guión de Óscar Aibar, S.O.U.L. (1991), con guión de Jaime Vane e, desde entón, traballando en solitario, El hombre que ríe (1992), Marketing & Utopía Made in USA (1993), MUSEUM (1994, premio do Salón do Cómic de Barcelona) ou as dúas primeiras partes da triloxía Black Deker: Deep South Story e Yellow Moon (1995-1997). Durante ese período, De Felipe converteuse nun dos autores de referencia no panorama nacional.

Foi tamén realizador e guionista de cinema e televisión (Oedipus, Darkness, Palabras encadenadas, Motel Spaghetti,Toon Toon), director editorial das coleccións Widescreen (Glénat) e (EX)Tensións (Trípodos/URL), e crítico televisivo do diario La Vanguardia.

Tras un hiato de case vinte e cinco anos, en 2021, ECC Edicións, a través da Biblioteca Fernando de Felipe, iniciou a recuperación da totalidade da súa obra achegando, ademais, multitude de material inédito.

1995 – Black Deker. 2 volúmenes (Ediciones Glénat)
1998 – Marketing  & Utopía Made in USA (Ediciones Glénat)
1998 – Museum (Ediciones Glénat)
2021 – Nacido salvaje (ECC)
2022 – ADN (ECC)
2022 – S.O.U.L. (ECC)
2022 – El hombre que ríe (ECC)

JESÚS ALONSO IGLESIAS

Exposición:
KIOSKO ALFONSO

Charla:
Mércores 10 – 19.30h

Jesús Alonso Iglesias (Madrid, 1972)

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Madrid na especialidade de Deseño, traballou no campo do deseño, a ilustración e a animación nos estudos Milímetros e Fanciful Arts.

Debutou no cómic en 2010 con Silhouette, con guión de Víctor Santos, un superheroe pulp que protexe París da ocupación nazi durante a segunda Guerra Mundial á marxe da resistencia. Uns considérano un heroe nacional, e outros un terrorista que desestabiliza o delicado equilibrio de poder. Dous anos máis tarde, Alonso Iglesias e Santos volverían a este personaxe en Silhoutte. Arcángeles oscuros, aventura editada, tamén como a primeira, por Dolmen Editorial.

No ano 2013 aparecería o seu primeiro libro como ilustrador: Jesús Alonso Iglesias (Trespuntocero), no que se recompilaban toda clase de bosquexos, explicacións sobre o proceso de ilustración e unha entrevista.

Tras estas primeiras incursións no xénero de aventuras bélico, a súa carreira dá un salto cualitativo con El fantasma de Gaudí (2015), obra con guión de El Torres, que os fixo gañadores do Premio á Mellor Obra no Salón do Cómic de Barcelona 2016 e ser nomeados aos premios Eisner e Harvey en 2018. Nela, Alonso Iglesias demostra o seu enorme talento dando o salto á cor e demostrando que é un autor capaz de manexarse con soltura tanto no cómic de aventuras histórico,  como no thriller contemporáneo.

En 2016 presenta PDM. Paquet de Merda, o seu primeiro traballo para o mercado francobelga, unha autobiografía ficcionada do propio guionista da obra, Pierre Paquet, editor da editorial francesa homónima, coprotagonizada polo seu can Fiston,  e editado en España por Dibbuks.

Ao ano seguinte, dá un novo xiro á súa carreira con Los Dalton, obra baseada nos inimigos de Lucky Luke. Con guión de Olivier Visonneau e un enfoque realista, Los Dalton conta como os famosos irmáns, perseguidos por todos os corpos de policía do país, deciden fuxir a Arxentina. Pero non sen antes dar un último gran golpe: roubar dous bancos ao mesmo tempo. Os habitantes de Cotteyville, Kansas, recoñecen a dous dos irmáns e, armados ata os dentes, tentarán frustrar o atraco no que se converterá nun baño de sangue.

En paralelo ao seu traballo no mundo historieta, Alonso Iglesias volve á animación onde achegará o seu talento a unha das producións de Marvel máis valoradas dos últimos anos e gañadora do Óscar á mellor película de animación en 2019: Spider-Man, Un nuevo universo.  Nela, e nunha primeira fase, participará no deseño de personaxes xunto a outros artistas, coordinados todos por Alberto Mielgo para, posteriormente, levar a cabo o desenvolvemento final dos mesmos xunto a Shiyoon Kim.

2010 – Silhouette (Dolmen Editorial)
2012 – Silhoutte. Arcángeles oscuros (Dolmen Editorial)
2013 – Jesús Alonso Iglesias (Trespuntocero) (Ninth Ediciones)
2015 – El fantasma de Gaudí (Dibbuks)
2016 – PDM (Dibbuks)
2017 – Los Dalton (Dibbuks)

JUAN DÍAZ CANALES

Exposición:
SALA DE EXPOSICIONES PALACIO MUNICIPAL

Charla:
Sábado 13 – 19.30h

Juan Díaz Canales (Madrid, 1972) 

Afeccionado desde a infancia aos cómics e aos debuxos animados, formouse nun estudo de animación e foi membro fundador da compañía Tridente Animation. Con todo, a consagración chégalle no campo da historieta. A súa celebridade está vencellada estreitamente á figura do debuxante granadino Juanjo Guarnido, a quen coñeceu no campo da animación e con quen creou a serie Blacksad, un éxito instantáneo de crítica e público desde a súa aparición en 2000 e da que, ata a data, publicáronse seis volumes: Un lugar entre las sombras, Artic Nation, Alma roja; El infierno, El silencio; Amarillo e Todo cae, primeira parte dun díptico no que o famoso detective volve a Nova York, escenario da súa primeira aventura.

Este serie mereceu os máis apaixonados eloxios e os galardóns máis distinguidos, incluíndo o premio á mellor serie no festival de Angoulême, o premio Eisner á mellor edición de material internacional, o premio á mellor obra no Salón de Barcelona e o Premio Nacional do cómic, entre outros.
Ademais da súa colaboración con Guarnido, Díaz Canales traballou xunto a outros debuxantes españois: con Gabor realizou Los patricios (2009) e con José Luis Munuera creou Fraternity (2011).

Posteriormente e, como autor en solitario, asinou a novela gráfica Como viaja el auga (2016), un relato social en clave noir que homenaxeaba, en certa medida, á cidade de Madrid ademais de reflexionar sobre o paso do tempo.

O seu traballo máis popular nos últimos tempos foi a nova encarnación de Corto Maltés, que desenvolve en compañía do debuxante Rubén Pellejero e da que se publicaron ata a data os álbums: Bajo el sol de medianoche,Equatoria e El día de Tarowean. Trátase dun traballo delicado e respectuoso que lle rende homenaxe á obra de Hugo Pratt sen renunciar por iso a imprimirlle un selo persoal.

A súa última obra, Gentlemind, escrita en colaboración con Teresa Valero, e debuxada por Antonio Lapone é un díptico que percorre a historia dunha publicación ficticia do mesmo nome, da súa directora, e dos personaxes claves na súa vida, entre os anos corenta e mediados dos setenta do pasado século

2000 – Blacksad. 6 volumes (Norma Editorial)
2002 – Blacksad Extra. 3 volumes (Norma Editorial)
2011 – Fraternity. Integral (Astiberri Ediciones)
2014 – Blacksad. Integral. 1 (Norma Editorial)
2015 – Corto Maltés. 3 volumes (Norma Editorial)
2016 – Como viaja el agua (Astiberri Ediciones)
2022 – Gentlemind. Integral (Norma Editorial)

JUANJO GUARNIDO

Exposición:
SALA DE EXPOSICIONES PALACIO MUNICIPAL

Charla:
Sábado 13 – 19.30h

Juanjo Guarnido (Granada, 1967) 

Formado como debuxante na Facultade de Belas Artes de Granada, cúrtese como historietista colaborando en diversos fanzines e traballando esporadicamente para Cómics Fórum (onde realiza portadas e ilustracións de personaxes Marvel).

A principios dos 90 trasládase a Madrid, onde  gaña a vida realizando storyboards para diversas produtoras televisivas. Máis adiante establécese en París, onde comeza a traballar para a división europea de Disney nas súas producións cinematográficas, incluídas as cintas Goofy e hijo, El jorobado de Notre Dame, Hércules, Tarzán, Atlantise El planeta del Tesoro.

En 2000 dá un salto cualitativo na súa carreira co lanzamento do primeiro álbum de Blacksad, escrito polo guionista Juan Díaz Canales (a quen coñecera durante a súa estadía en Madrid). Esta serie —que consta ata o de agora de seis títulos— foi un éxito instantáneo que lles abriu aos seus autores as portas do mercado francés, vendendo centos de milleiros de copias e recollendo multitude de galardóns, como o premio ao autor revelación no Salón de Barcelona, o premio á mellor serie no festival de Angoulême, o premio Eisner ao mellor álbum internacional e o Premio Nacional do Cómic, entre outros.
Ademais desta obra magna, a máis premiada do cómic español das últimas décadas, Guarnido debuxou os tres álbums de que consta a serie Brujeando (2008-2012), escritos pola guionista Teresa Valero.

Presentou o seu seguinte traballo en 2019, xunto ao guionista francés Alain Ayroles. Trátase de El Buscón en Las Indias, unha homenaxe á inmortal creación de Quevedo, que retoma as desventuras do famoso pícaro alí onde a novela as deixou en suspenso.

O seu último traballo é o sexto álbum da serie Blacksad. Realizado, como os anteriores, xunto a Juan Díaz Canales, Todo cae é a primeira parte dun díptico, no que John Blacksad volve a Nova York, escenario da súa primeira aventura.

2000 – Blacksad. 6 volumes (Norma Editorial)
2002 – Blacksad. Extra. 3 volumes (Norma Editorial)
2014 – Blacksad. Integral. 1 (Norma Editorial)
2019 – El Buscón en Las Indias (Norma Editorial)
2021 – Brujeando. Integral (Astronave)

*foto de Rita Scaglia

MAYTE ALVARADO

Exposición:
SALA DE EXPOSICIONES PALEXCO

Charla:
Martes 9 – 19.30h

Mayte Alvarado (Badajoz, 1978)

Autora de cómics e ilustradora, publicou o conto ilustrado Miss Marjorie (2013), o cómic colectivo Fantasmas (2014) e os cómics E-19 (2015), Descalzos.

Los doce apóstoles de México (2018), El lago (2018) e, en colaboración con Borja González, o díptico Jardín/Una caja vacía (2019).
Ilustrou libros como La casa de Bernarda Alba (2017) e Escrito al margen: anecdotario indiscreto de la vida literaria(2019) e, ademais, colaborou en medios como GQ ou Ara.

En 2018, coa obra Descalzos. Los doce apóstoles de México, encarga do Centro Estremeño de Estudos e Colaboración con Iberoamérica,  onde relata a viaxe que en 1524, partindo do porto de Sanlúcar de Barrameda, fixeron un grupo de frades franciscanos coa misión, encomendada pola Coroa española e a Igrexa católica de evanxelizar o Novo Mundo, deixa máis que patente a súa enorme madurez gráfica, a súa destreza no manexo dos silencios, cultivada desde as súas primeiras obras como en E-19,  e o seu talento no uso da cor.

Cun personalísimo e expresivo debuxo, La isla (2021) é o seu cómic máis extenso e complexo ata a data, aínda que, en certa medida, poderiamos considerar El lago (2018) como unha antesala da mesma. Nela relata a historia dos habitantes dunha illa que viven baixo a ameaza dunha antiga lenda: un conto de mariñeiros segundo o cal unha grande onda chegará un día para arrasar todo ao seu paso e mergullar os seus fogares na profundidade do océano. Pola súa paisaxe espida, deambulan, con extraordinario sentido do movemento e gran delicadeza, os personaxes que dan vida a esta historia: unha moza que se expón aos límites do seu pequeno mundo, un home que vive aferrado á dor tras unha grave perda e un can que parece a fantasía vivente da lenda da illa

La isla é unha historia poética e inquietante, que xoga coas lendas da tradición dos pobos costeiros, na que Mayte Alvarado, a través do seu rechamante debuxo, explora, con grande acerto, as posibilidades gráficas do medio.

En 2022 gañou o premio á mellor autora emerxente pola ACDCómic e o premio Anteface do Salón do Cómic de Valencia á mellor obra nacional publicada en 2021 por La isla.

2015 – E-19 (El verano del cohete)
2018 – El lago (Spiderland/Snake)
2018 – Descalzos. Los doce apóstoles de México (Centro Estremeño de Estudos e Colaboración con Iberoamérica )
2021 – La isla (Reservoir Books)

PIERRE ALARY

Exposición:
KIOSCO ALFONSO

Charla:
Sábado 13 – 18.15h

Pierre Alary (París, 1970) 

Estudou animación na École des Gobelins e traballou durante dez anos nos estudos de animación de Disney en Montreuil, primeiro como asistente e despois como animador. Durante esta etapa participou en películas como Goofy e hijo,  El jorobado de Notre Dáme, Hércules,  Tarzán ou El emperador y sus locuras.

Iniciouse no mundo do cómic coas edicións Vents d’Ouest en 1993. Baixo o pseudónimo Stanley, colaborou con Didier Crisse en Griffin Dark, l´Alliance. En 2001, creou a serie Les Échaudeurs des Ténèbres para a editorial Soleil.

Desde 2004 ocupouse dos tomos de Belladona -con Ange como guionista-, e que sería a súa primeira obra publicada no noso país. Con todo, a súa confirmación como un autor destacado chegaría da man de Simbad e Silas Corey -co guionista Fabien Nury-. A primeira publicariase de xeito integral, mentres que de Silas Corey publicaríanse dous volumes: La red Aquila e Silas Corey. Todas estas obras publícanse en España por Dibbuks.
Xunto ao guionista de Lincoln, Olivier Jouvray, adaptaría, posteriormente, Moby Dick, o clásico de H. Melville amosando a súa enorme versatilidade.

Máis recentemente, e en solitario, realiza Don Vega, versión libre e primixenia de “El Zorro”, o coñecido personaxe creado por Johnston McCulley. O éxito de crítica e público colleitado por esta obra, en principio unitaria, fixo que o seu autor contemple a posibilidade de realizar novos volumes.

A súa última obra aparecida en España abre a colección de adaptacións realizadas por artistas franceses do soado personaxe Conan o Bárbaro, creado por Robert E. Howard. Con guión do coñecido guionista Morvan, Alary realizaría a adaptación dun dos relatos máis populares do personaxe: A raíña da costa negra.

2007 – Belladona (Dibbuks)
2011 – Simbad. Integral (Dibbuks)
2013 – Silas Corey. 2 volúmenes (Dibbuks)
2014 – Moby Dick (Dibbuks)
2019 – Mi traidor (Dibbuks)
2021 – Don Vega (Nuevo Nueve)
2022 – Conan el Cimmerio. 1 volumen (Planeta Comic)

SERGI SAN JULIÁN

Exposición:
SALA DE EXPOSICIONES PALEXCO

Charla:
Venres 12 – 19.30h

Sergi San Julián (Barcelona, 1973)

De formación autodidacta, Sergi San Julián deuse a coñecer ao gran público con Gorka (Camaleón Edicións), serie de fantasía heroica que iniciou en solitario e continuou coa colaboración de Albert Monteys. Máis tarde, retomou ao personaxe nunha miniserie escrita por Carlos Portela, con Fernando Iglesias (Kohell) realizando os storyboards.

Ao longo dos anos participou en sagas creadas por outros autores: en Fanhunter: Celsquest (Edicións Fanhunter), con guión de Roke González e cor de Oriol San Julián, e en Los Reyes Elfos: Historias de Faerie II (Dolmen), onde debuxou unha historia escrita por Víctor Santos.

Para o mercado francobelga debuxou Interface (Dargaud), con guión de Dominique Latil e cor de Oriol San Julián. E colaborou co guionista Xavier Morell na miniserie Lunita (Amigo Cómics), publicada en EE.UU e editada en España por Unrated Comic.

Traballa de forma habitual coa axencia Comicon, para a que realizou a serie Technomage (Carlsen) con Josep Maria Polls, David Parcerisa e Oriol San Julián. Ademais, colaborou nas cabeceiras Micky Maus e Power Rangers, e creou, xunto a Alexis Capera, The Staff, serie de historietas sobre as vicisitudes da profesión.

A súa obra como humorista gráfico tivo difusión en diversos xornais, revistas de humor e publicacións alternativas: Kale Gorria, Ardi Beltza, Avant, Setmanari de Comunicació Directa, l’Accent ou El Jueves.

Na súa bibliografía ocupa un lugar destacado A conta atrás, novela gráfica escrita por Carlos Portela que por fin se publicou de forma íntegra a cargo de ECC en castelán e galego no vixésimo aniversario do desastre do Prestige.

1999 – Gorka Apócrifo (Planeta Cómic)
2009 – Gorka. El viento de Odei (Dolmen Editorial)
2020 – Lunita. Números 1 a 3 (Unrated Comic)
2021 – La cuenta atrás (ECC)

CONVIDADOS2022-08-11T17:18:27+02:00

Viñetas2022

2022-08-11T17:19:17+02:00

Cartel: Miguelanxo Prado

8 – 14 agosto
A CORUÑA
25ª EDICIÓN

[ESP] – [GAL]

ALICIA JARABA
BORJA GONZÁLEZ
DANI BERMÚDEZ
DAVID RUBÍN
EMMA RÍOS
FERNANDO DE FELIPE
FIDEL DE TOVAR
JESÚS ALONSO IGLESIAS
JUAN DÍAZ CANALES
JUANJO GUARNIDO
MAYTE ALVARADO
PIERRE ALARY
SERGI SAN JULIÁN

CONVIDADOS
EXPOSICIÓNS
CHARLAS
SINATURAS
RÚA DA BD
HISTÓRICO
NOVAS
CATÁLOGO VIÑETAS 2022

“Viñetas desde o Atlántico” celébrase anualmente no mes de agosto na Coruña desde o ano 1998 e está dentro das actividades da Concellería de Cultura do Concello da Coruña.

O amplísimo conxunto de exposicións, artistas invitados, e charlas e conferencias pretenden dar unha visión o máis ampla posible do mundo do cómic a nivel internacional.

Estas actividades eminentemente culturais compleméntanse coa feira de libreiros e editores. Tamén nela se realizan presentacións de novidades editoriais e actividades lúdicas.

Durante a semana do festival, A Coruña vístese de cómic e toda a vida da cidade se contaxia do espírito da historieta.

O noso emblema é a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo en funcionamento e Patrimonio da Humanidade.

A entrada ás exposicións (excepto Torre de Hércules) e conferencias, e o acceso á feira e as súas actividades, son totalmente gratuitos.

Viñetas20222022-08-11T17:19:17+02:00

VIÑETAS ENFRONTA MAÑÁ VENRES A SÚA RECTA FINAL CUNHA DAS CONVOCATORIAS MÁIS ESPERADAS DO PROGRAMA DE ACTIVIDADES: A PRIMEIRA SESIÓN DE FIRMAS COS AUTORES INVITADOS

2021-08-12T14:34:37+02:00

A charla do día (19.30 horas) estará protagonizada polos gañadores do Premio Castelao de Banda Deseñada 2020, Begoña García-Alén e Andrés Magán Zamorano

VIÑETAS ENFRONTA MAÑÁ VENRES A SÚA RECTA FINAL CUNHA DAS CONVOCATORIAS MÁIS ESPERADAS DO PROGRAMA DE ACTIVIDADES: A PRIMEIRA SESIÓN DE FIRMAS COS AUTORES INVITADOS

Segundo estea a tarde, as mesas nas que asinarán exemplares das súas obras os debuxantes que viaxaron ata Coruña nesta 24 edición, colocaranse ou ben no corredor de saída da feira editorial ou ben na propia carpa de actividades do recinto, nos Xardíns de Méndez Núñez. A primeira sesión de sinaturas desenvolverase mañá venres entre as 18 e as 20 horas, sempre coas limitacións impostas pola situación sanitaria. Só poderá acceder un número concreto de persoas e por estrita orde de chegada, igual que ocorre no resto das actividades do programa. 

Os orixinais das obras coas que García-Alén e Magán obtiveron o Premio Castelao que concede a Deputación Provincial da Coruña, “ Adeus amigos” e “As aventuras de Passer P. Malta”, están ao dispor do público na sala Salvador de Madariaga, unha das catro sedes expositivas do Salón  

O debuxante galego Das Pastoras, que no puido desprazarse á Coruña para participar nas charlas nin asistir á sesión de sinaturas, é o autor de “Hércules 1417”, presente no Pazo de María Pita 

A 24 edición de Viñetas desde o Atlántico enfronta a súa recta final. Malia que as restricións derivadas da pandemia obrigaron á organización a prescindir dalgunhas actividades, o festival mantén as súas achegas esenciais; as sesións de sinaturas, por exemplo. A primeira terá lugar mañá venres entre a 18 a as 20 horas. Todos os debuxantes que viaxaron estes días a Coruña estarán ao dispor do público para asinarlle exemplares das súas obras. A cita será, en principio, no corredor de saída da feira editorial, nos Xardíns. Só se a climatoloxía impedise facelas no exterior a sesión se trasladaría á propia carpa de actividades. Unicamente poderá acceder un número concreto de afeccionados, por estrita orde de chegada. Os autores e autoras atenderán unha persoa de cada vez. O resto dos privilexiados haberá de agardar a súa quenda fóra, sempre provistos de máscara e mantendo a distancia obrigada de seguridade.

A charla do día

A charla de mañá venres estará protagonizara polos gañadores do Premio Castelao de Banda Deseñada 2020, Begoña García-Alén González e Andrés Magán Zamorano. O encontro con ambos os debuxantes será a partir das 19.30 horas no salón de actos do Kiosco Alfonso.

Unha vez máis, soamente accederán ao recinto, por rigorosa orde de chegada, un máximo de dezaoito persoas. Os interesados terán que apañar os pases no Kiosco media hora antes da charla. Non se expedirán máis entradas. Aqueles que non asistan persoalmente poden seguila e mesmo parolar en directo con García-Alén e Magán por youtube a través do portal do festival vinetasdesdeoatlantico.com. Igual que pasou co resto das charlas, o coloquio do venres quedará aloxado na web, para ser revisitado en calquera momento.

Begoña García-Alén González e Andrés Magán Zamorano son os autores galardoados na penúltima edición do Premio Castelao que concede a deputación provincial da Coruña nas modalidades xeral e mais infantil e xuvenil. Os orixinais das obras premiadas, Adeus amigos e As aventuras de Passer P. Malta, están na sala municipal Salvador de Madariaga. Ambos os autores comparten unha traxectoria similar. Naceron no mesmo ano, formáronse na facultade de Belas Artes de Pontevedra e comezaron a publicar banda deseñada no ano 2014. Sobre a obra de Begoña García-Alén, o xurado dos Castelao destacou “a súa aposta gráfica experimental”. García-Alén publicou outros títulos coma Perlas do Inferno, O Espectador, Nova Mística de Vigo e Unha porta moi pequena nun cuarto. Andrés Magán é ilustrador e deseñador e coma autor de banda deseñada ten, entre outros, Griza Zono, Conto do Neno Bo/Conto do neno malo, A Friend e mais Is your Journey Really Necessary? A obra coa que se alzou co Castelao é, segundo o xurado, “un conto divertido, surrealista e máxico”.

O Hércules de Das Pastoras

Aínda que o debuxante galego Das Pastoras non puidese desprazarse ata Coruña para participar nas charlas e na sesión de sinaturas, os seus seguidores e os afeccionados en xeral teñen a ocasión de admirar no Pazo municipal de María Pita a grandiosidade da súa última obra, “Hércules 1417”. Loada pola crítica e mais o público, vén de chegar este mesmo ano ás librarías. Cualificada xa coma una obra mestra, o libro de Das Pastoras conta as fazañas deste heroe da mitoloxía grega, tan achegado á cidade da Coruña, a partir da obra que Enrique de Villena escribiu en 1417 e modernizou o escritor Pedro Víllora. Mesmo se o volume de Das Pastoras non alude á xesta do fillo de Zeus fronte ao xigante Xerión alá por Brigantium, Hércules retorna á cidade que, segundo a lenda, creara para conmemorar a súa vitoria; unha fazaña que, dende hai séculos, se encarga de nos lembrar a torre faro que leva o seu nome.

VIÑETAS ENFRONTA MAÑÁ VENRES A SÚA RECTA FINAL CUNHA DAS CONVOCATORIAS MÁIS ESPERADAS DO PROGRAMA DE ACTIVIDADES: A PRIMEIRA SESIÓN DE FIRMAS COS AUTORES INVITADOS2021-08-12T14:34:37+02:00

OS ILUSTRADORES QUE ASINAN A NOVELA GRÁFICA “DUNE”, RAÚL ALLÉN E PATRICIA MARTÍN E MAIS A DEBUXANTE NÚRIA TAMARIT CHARLARÁN MAÑÁ XOVES COS AFECCIONADOS DE VIÑETAS

2021-08-11T11:48:47+02:00

A charla de ambos os dous debuxantes valisoletanos será a partir das 18.30 horas e o encontro con Tamarit comezará ás 19.30. Terán lugar no escenario habitual, o salón de actos do Kiosco Alfonso, a sede central do festival coruñés

OS ILUSTRADORES QUE ASINAN A NOVELA GRÁFICA “DUNE”, RAÚL ALLÉN E PATRICIA MARTÍN E MAIS A DEBUXANTE NÚRIA TAMARIT CHARLARÁN MAÑÁ XOVES COS AFECCIONADOS DE VIÑETAS

Raúl Allén e Patricia Martín, tándem creativo desde hai anos, foron os elixidos para levar a cabo a primeira adaptación ao cómic da novela Dune, de Frank Herbert, un clásico da literatura de ciencia ficción que marcou para sempre a narrativa das aventuras espaciais

A debuxante, ilustradora e rotulista Núria Tamarit ten, a pesar da súa mocidade, unha importante traxectoria profesional que comezou coa súa participación en numerosos fanzines. A autora de Avery’ s Blues, expón nesta 24 edición de Viñetas orixinais da obra que lle valeu o primeiro Premio Valencia de Novela Gráfica en 2018. Trátase de “Dos monedas”, unha historia que retrata a realidade africana e a cooperación humanitaria

As medidas covid limitan o aforo, por rigorosa orde de chegada, a só 18 persoas. De calquera xeito, todos os interesados poden seguir as charlas en liña a través da web do festival

O tándem que forman desde hai varios anos os ilustradores Raúl Allén e Patricia Martín será mañá xoves o protagonista das charlas de Viñetas desde o Atlántico. Tamén compartirá espazo cos afeccionados a autora de Avery’ s Blues, a debuxante valenciana Núria Tamarit. Os encontros terán lugar no escenario habitual, o salón de actos do Kiosco Alfonso. Os dous autores valisoletanos departirán co público a partir das 18.30 horas e desde as 19.30 será a quenda de Tamarit. A organización do festival lembra que o acceso aos encontros está suxeito ás restricións pola pandemia. Poderán acceder á sala, por rigorosa orde de chegada, só 18 persoas. Para iso terán que recoller os pases media hora antes das charlas no propio Kiosco Alfonso. Unha vez entregados eses 18, a organización non expedirá ningún máis. Os interesados en seguir as conferencias dos autores que non poidan acceder ao recinto teñen a oportunidade de facelo en liña a través da páxina web vinetasdesdeoatlantico.com, que a retransmiten en directo.

Raúl Allén e Patricia Martín non só comparten cidade de nacemento, Valladolid, senón tamén numerosos nomeamentos aos premios Harvey. Desde 2014 colaboran en múltiples proxectos, fundamentalmente para o mercado americano. Os dous  ilustradores traballan para Universo Valiant, o terceiro máis importante de superheroes xunto con Marvel e DC. Igual asinan xuntos o traballo que lles trae á vixésima cuarta edición de Viñetas desde o Atlántico: a primeira adaptación ao cómic da mítica novela Dune, de Frank Herbert, un dos grandes clásicos da literatura de ciencia ficción que cambiou para sempre a narrativa das aventuras espaciais. A versión española Dune. A novela gráfica chegou ás librarías do noso país a principios deste ano da man de Norma Editorial e coa firma de ambos os dous ilustradores españois. Foi un dos acontecementos literarios deste especial período pandémico.

A debuxante Núria Tamarit ten xa unha importante traxectoria profesional que comezou a fraguar en publicacións de tipo colectivo como Socoponcho, Nimio e Voltio. A publicación de Avery’ s Blues, con guión de Angux, supuxo un salto de xigante na súa carreira. Deulle a Tamarit no ano 2017 numerosos recoñecementos e nomeamentos, por exemplo o premio á Mellor Autora Revelación na I edición dos premios Carlos Giménez dos Heroes Cómic Con Madrid. Tamén en 2018 obtivo o primeiro Premio Valencia de Novela Gráfica coa obra Dos Monedas, un achegamento á realidade africana a través dunha adolescente que viaxa a Senegal coa súa nai, cooperante nunha organización humanitaria. A exposición que nos achega o traballo desta debuxante, ilustradora e rotulista está no Kiosco Alfonso.

Amnistía Internacional presenta o seu quinto “Nai dos desterrados” adicado aos coidados

Protocolos sanitarios discriminatorios, atención a persoas trans, a protección ás persoas maiores nas residencias, á precarización dos coidados –labores desempeñadas por mulleres, migrantes ás que non se lles recoñece os seus dereitos-… Son algunhas das temáticas que nove artistas elixiron para colaborar de forma altruísta no quinto fanzine Nai dos Desterrados, que Amnistía Internacional presentará mañá xoves, ás 19.00 horas, en Viñetas desde o Atlántico. No acto participarán os autores Israel Valmar e Manel Cráneo, así como activistas de Amnistía Internacional.

Por quinto ano consecutivo, a ONG publica unha banda deseñada coa que quere achegar os dereitos humanos a través dunha linguaxe innovadora e dunha maneira lúdica. Nesta edición, a temática principal é a importancia dos coidados e a súa relación coas campañas desenvolvidas por AI. “Queremos concienciar e tratar de que saia da pandemia unha sociedade máis xusta”, afirma Marga González, voceira de AI A Coruña, e recorda que se a OMS “recomendar destinar o 25% do gasto sanitario á Atención Primaria, en España o investimento en 2019 e 2018 foi do 13,9%”.

Este fanzine, que se repartirá como cada ano de forma gratuíta nas librarías Alita Cómics (A Coruña), A Gata Tola (Santiago de Compoostela) e Paz (Pontevedra), non sería posible sen a participación desinteresada dos e das artistas: Manel Cráneo (portada), María Brenn (El Abrazo I e II), Román Cuadrado (Capacitismo), Adri Seara (Os que estorban), Isra Valmar (Luz), Paula Cheshire (El mensaje), Mariña Rey (Unha pinga no mar), Greta Debelius (Diatriba trans) e Paz Rodríguez (Alleo).

OS ILUSTRADORES QUE ASINAN A NOVELA GRÁFICA “DUNE”, RAÚL ALLÉN E PATRICIA MARTÍN E MAIS A DEBUXANTE NÚRIA TAMARIT CHARLARÁN MAÑÁ XOVES COS AFECCIONADOS DE VIÑETAS2021-08-11T11:48:47+02:00

OS DEBUXANTES TYTO ALBA, AUTOR DE “WHITMAN” E JAIME MARTÍN, DE “SIEMPRE TENDREMOS 20 AÑOS”, PROTAGONIZARÁN MAÑÁ MÉRCORES AS CHARLAS DE VIÑETAS

2021-08-11T09:33:05+02:00

As medidas fronte ao covid limitan o aforo a só 18 persoas. De calquera xeito, todos os interesados poderán seguir as charlas en liña a través da web quedando ademáis grabadas para que podan ser vistas polos afeccionados en calquera momento.

OS DEBUXANTES TYTO ALBA, AUTOR DE “WHITMAN” E JAIME MARTÍN, DE “SIEMPRE TENDREMOS 20 AÑOS”, PROTAGONIZARÁN MAÑÁ MÉRCORES AS  CHARLAS DE VIÑETAS

Tyto Alba expón no Festival de Cómic coruñés orixinais da súa última obra que ten como protagonista ao poeta americano Walt Whitman e o seu papel na guerra de secesión. Nas súas obras anteriores, o debuxante catalán xa plasmara en cómic aspectos da vida de coñecidos personaxes do século XX como Frida Kalho, Pablo Picasso ou Federico Fellini

O tamén debuxante catalán Javier Martín achega á 24 edición de Viñetas os orixinais da última entrega da súa triloxía sobre a recente historia de España: Guerra Civil, Ditadura e Transición, protagonizada pola súa familia e mais el. A obra, publicada en pandemia, obtivo o Premio a Mellor Obra de autor español no Festival de Barcelona deste ano

A charla con Tyto Alba comezará ás 18.15 horas e Javier Martín departirá cos afeccionados a partir das a 19.30. O escenario será o habitual, o salón de actos do Kiosco Alfonso

Os debuxantes Tyto Alba e Jaime Martín departirán mañá mércores cos afeccionados de Viñetas. Ambos os invitados protagonizarán as segundas charlas vespertinas que forman parte da esencia do Festival Internacional coruñés. Serán, coma sempre, no salón de actos do Kiosco Alfonso. Alba estará co público a partir das 18.15 horas e Martín das 19.30. Imponse lembrarlles aos interesados que o acceso aos encontros está suxeito ás restricións covid vixentes. Poderán acceder, por rigorosa orde de chegada, 18 persoas, o número que admite o recinto mantendo as distancias de seguridade obrigatorias. O público debe recoller os pases no Kiosco media hora antes das charlas. Unha vez  acadada a cota de 18 xa non se expedirá ningún máis. Quen non acade o pase ten a alternativa de seguilas en liña, a través da páxina web do Festival (vinetasdesdeoatlantico.com) ou velas en diferido pois quedarán grabadas para desfrute dos afeccionados.

Tyto Alba chega a Viñetas desde o Atlántico coa súa última obra, publicada en tempos de Covid-19, e que versa sobre o famoso poeta americano Walt Whitman. Relata a vida do escritor estadounidense a través do seu papel na guerra de secesión dos Estados Unidos. Ademais de Whitman, cuxos orixinais están na sala de exposicións do Kiosco Alfonso, nas súas obras anteriores o debuxante catalán xa nos achegara en cómic a vida de emblemáticos personaxes do século XX coma Frida Kahlo, Chavela Vargas, Picasso, Fellini ou Balthus.

Nestes tempos convulsos de pandemia mundial, Jaime Martín, pechou o seu tríptico sobre a recente historia de España, protagonizado por el e a súa familia. Siempre tendremos 20 anos é a obra que culmina o seu repaso pola Guerra Civil, a Ditadura e a Transición e cuxos orixinais poden contemplarse na sala de exposicións municipal Palexco. Esta obra deulle a Martín o Premio á Mellor Obra de Autor Español na edición (virtual) do festival de Barcelona deste ano, que por terceira vez premia unha aposta do debuxante. O libro achéganos á vida do propio autor e a súa xeración na España dos anos oitenta. A primeira entrega da saga, Las guerras silenciosas, describe o servizo militar do seu pai en Ifni e a segunda, Jamás tendré 20 anos, a historia dos seus avós, que escaparon da morte durante a Guerra Civil e sufriron o franquismo.

Os horarios de visita desta semana nas catro salas que albergan as exposicións da vixésimo cuarta edición de Viñetas desde o Atlántico (Kiosco Alfonso, Palexco, Pazo de María Pita e Salvador de Madariaga), van de 12 a 14 horas e pola tarde, desde as 18 ás 22 horas.

OS DEBUXANTES TYTO ALBA, AUTOR DE “WHITMAN” E JAIME MARTÍN, DE “SIEMPRE TENDREMOS 20 AÑOS”, PROTAGONIZARÁN MAÑÁ MÉRCORES AS CHARLAS DE VIÑETAS2021-08-11T09:33:05+02:00

OS AUTORES DE “SUBNORMAL”, MIGUEL PORTO E FERNANDO LLOR, E O DEBUXANTE DE “LAS MENINAS”, JAVIER OLIVARES, ABREN MAÑÁ MARTES O CALENDARIO DE CHARLAS DE VIÑETAS 2021

2021-08-09T12:33:59+02:00

Do mesmo xeito que na edición 2020, as medidas fronte ao covid obrigan á organización a limitar a 18 o número de persoas que poden acceder ao recinto dos encontros. De calquera xeito, todos os interesados poderán seguilos en directo a través da web e mais as redes sociais do festival

OS AUTORES DE “SUBNORMAL”, MIGUEL PORTO E FERNANDO LLOR, E O DEBUXANTE DE “LAS MENINAS”, JAVIER OLIVARES, ABREN MAÑÁ MARTES O CALENDARIO DE CHARLAS DE VIÑETAS 2021

A obra que asinan os galegos Llor (guión) e Porto (debuxo) aborda o acoso escolar. Está baseada na historia real do xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, quen a pesar de posuír un físico portentoso sufriu bullying no colexio. Os orixinais desta obra de denuncia social están na sala municipal de exposicións Palexco

Outro protagonista dos primeiros encontros cos autores convidados da XXIV edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, Javier Olivares, deleitará aos afeccionados cos pormenores do seu último traballo “La Cólera” e tamén da exitosa “Las Meninas”, Premio Nacional de Cómic 2015; as dúas con guión de Santiago García

A charla de Porto e Llor comezará ás 18.15 horas e a de Javier Olivares será a partir das 19.30. Os encontros desenvolveranse, como é habitual, no salón de actos do Kiosco Alfonso, sede central do festival coruñés, coas condicións de aforo que permiten as medidas sanitarias

Os autores do cómic Subnormal, os galegos Miguel Porto (debuxo) e Ferando Llor (guión), e o debuxante de Las Meninas e La Cólera, Javier Olivares, serán os encargados de abrir mañá martes,10 de agosto, o calendario de charlas coloquio da XXIV edición de Viñetas desde o Atlántico, que desde onte tingue de cómic a cidade da Coruña. Porto e Llor departirán cos afeccionados a partir das 18.15 horas e Olivares, desde as 19.30. Serán coma sempre no salón de actos do Kiosco Alfonso, sede central do festival. O acceso aos encontros está suxeito ás restricións derivadas da pandemia. Poderán acceder, por rigorosa orde de chegada, 18 persoas, o número que admite o recinto mantendo as distancias de seguridade obrigatorias. Os interesados deben recoller os pases no Kiosco media hora antes das charlas. Unha vez acadada a cota de 18 xa non se expedirá ningún máis. Os que non poidan acceder contan coa alternativa de seguilas en liña, poderán facelo a través de youtube con un sinxelo acceso a través da páxina web do festival (vinetasdesdeoatlantico.com) .

Subnormal, cuxos orixinais están na sala municipal Palexco, representa nesta edición o cómic de denuncia social. A obra asinada por ambos os dous autores galegos está baseada na historia real do xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, quen a pesar de posuír un poderoso físico sufriu bullying durante a súa etapa no colexio. O cómic narra unha crúa historia de acoso escolar, que contou coa supervisión do propio protagonista.

No Kiosco Alfonso exhíbese a obra do tándem creativo e tremendamente exitoso que forman o debuxante Javier Olivares e o guionista Santiago García. Olivares falará mañá cos afeccionados sobre as obras que levan a súa pegada: Las Meninas, que nos mergulle no universo Velázquez e La Cólera, unha recreación de parte da historia de Aquiles. Estas propostas están consideradas pola crítica e o público como dúas das mellores obras de cómic publicadas no noso país nos últimos anos. Trátase dunha cualificación que avalan os numerosos galardóns que obtiveron. Las Meninas foi Premio Nacional de Cómic no 2015, ademais de obter ese mesmo ano o Premio á mellor obra española do Salón Internacional do Cómic de Barcelona. En 2018, a súa versión en inglés Ladies in Waiting, estivo nomeada a Mellor edición estadounidense de material internacional nos Premios Eisner, os Nobel do sector. La Cólera, publicada en 2020, o ano do confinamento que paralizou o mundo, obtivo tamén recoñecementos como o Premio Zona Cómic- CEGAL á mellor obra nacional de 2020, o Premio Lorna ao mellor cómic nacional de 2020, Mellor Obra Nacional nos Premios do Cómic Aragonés 2020 e Mellor Obra Nacional nos Premios da Crítica de Dolmen 2020.

Todas as muestras

Os orixinais de Viñetas ocupan as catro principais salas de exposicións municipais, o Kiosco Alfonso, Palexo, Pazo de María Pita e Salvador de Madariaga. Todas estarán abertas ao público esta semana entre as 12 e as 14 horas e, xa en sesión de tarde, entre as 18 e as 22 horas. Nas paredes do Kiosco están as obras de Núria Tamarit, Tyto Alba, Teresa Valero, e de Javier Olivares e Santiago García. En Palexco, ademais dos orixinais de Subnormal, os visitantes poden recrearse coa versión en novela gráfica de Dune, que asinan Raúl Allen e Patricia Martín, e tamén coa cota habitual de superheroes que nesta ocasión son os personaxes debuxados por Pepe Larraz para o universo Marvel.

A sala de exposicións do Pazo de María Pita amosa os impresionantes orixinais do Hércules de Das Pastoras, que mesmo se non é a versión da xesta que venceu a Gerión na Coruña, trae ao mítico superheroe á cidade onde está a Torre que lle rende homenaxe. Na sala Salvador de Madariaga exhíbense as obras de Begoña García- Alén González e Andrés Magán Zamorano, Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña 2020. Como en anos anteriores, a Torre de Hércules é outra das salas de exposición, seguramente a máis singular. Dado que a única condición que se lle impón aos autores á hora de deseñar o cartel é que na súa proposta figure o faro, que mellor espazo que a Torre para recompilalos. Completan a oferta deste Viñetas desde o Atlántico 2021 as 38 casetas da feira editorial, que permanecerán ata o vindeiro domingo nos Xardíns de Méndez Núñez, diante do Kiosco Alfonso.

OS AUTORES DE “SUBNORMAL”, MIGUEL PORTO E FERNANDO LLOR, E O DEBUXANTE DE “LAS MENINAS”, JAVIER OLIVARES, ABREN MAÑÁ MARTES O CALENDARIO DE CHARLAS DE VIÑETAS 20212021-08-09T12:33:59+02:00

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2021 ABRE O LUNS CUNHA ESCOLMA DE AUTORES NOVEIS E TAMÉN CONSAGRADOS QUE NOS ASOMAN Á REALIDADE DO CÓMIC MÁIS ACTUAL

2021-08-09T12:31:06+02:00

O Salón Internacional do Cómic da Coruña, que alcanza neste agosto post covid a súa vixésimo cuarta edición, encherá a cidade de historias contadas en viñetas a toda cor

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2021 ABRE O LUNS CUNHA ESCOLMA DE AUTORES NOVEIS E TAMÉN CONSAGRADOS QUE NOS ASOMAN Á REALIDADE DO CÓMIC MÁIS ACTUAL

Outro ano máis e xa van vinte catro. Viñetas desde o Atlántico inaugurarase este luns, 9 de agosto, ás sete da tarde. Teresa Valero, convidada do Salón, é a autora do cartel desta edición 2021. 

Das Pastoras é o artífice de que Hércules volva á cidade. Os orixinais do seu último traballo, “Hércules 1417” –con guión de Pedro Villora- dedicado ás fazañas dese mito tan vinculado a Coruña, estarán na Sala de Exposicións do Pazo Municipal. Outros invitados son Raúl Allen e Patricia Martín, que achegarán á cidadanía a súa exquisita adaptación de “Dune”. Xa os adictos aos súper heroes do universo Marvel teñen ao seu dispor a exposición de Pepe Larraz, mentres aqueles interesados na temática e os problemas sociais contarán co “Subnormal”, a obra coa que Fernando Llor e Miguel Porto mergullan na durísima realidade do bullying. 

Tamén veñen a Viñetas 2021 Núria Tamarit e a súa “Dos monedas” e Jaime Martín coa súa triloxía sobre a recente historia de España, en tanto Javier Olivares e Santiago García traen ao Kiosco Alfonso orixinais dos seus “Las  Meninas” e “La Cólera”. Tyto Alba, a través de quen os afeccionados contemplarán as vidas de Casagemas, Picasso, Fellini, Balthus ou  Whitman, é outro dos autores presentes.

O luns pola tarde abrirán as portas da 24 edición de Viñetas desde o Atlántico. Unha inauguración que chega entre un Salón Internacional do Cómic desenvolvido no medio dunha pandemia mundial (2020) e a edición que vai conmemorar o seu primeiro cuarto de século ás costas. Segundo o director de Viñetas, Miguelanxo Prado, “este é o salón da supervivencia positiva, o que discorrerá nunha fase próxima á normalización absoluta e o que nos permitirá asomar á celebración do noso 25 aniversario”. Por iso, á hora de deseñar o programa, decidiuse cubrir as áreas que de sempre deron forma a cada edición –súper heroes, temática social, obra de autor, charlas, feira da historieta…- e asemade convidar a certos autores e autoras, tanto noveis como consagrados, cuxos traballos expresan a realidade do mellor cómic nacional nestes tempos convulsos.

O cartel do XXIV Viñetas desde o Atlántico leva a sinatura de Teresa Valero, a autora que vén de impactar no público e mesmo no sector co seu último traballo, “Contrapaso”, nomeado aos Premios Eisner 2021. Os orixinais de “Contrapaso. Los hijos de los otros”, unha novela negra ambientada no Madrid dos anos 50, veranse no Kiosco Alfonso. Os afeccionados terán a oportunidade de contrastar opinións coa autora, que estará na Coruña. Tamén se celebrará a tradicional Feira da Historieta, o espazo de venda e intercambio que cada ano concentra nos Xardíns de Méndez Núñez ás principais librarías e editoriais especializadas.

Aínda que o Salón recupera este 2021 certa normalidade, o seu programa se vai seguir adaptando á realidade que as autoridades sanitarias determinen acotío. Así, as charlas, reunións e sesións de sinaturas cos creadores convidados terán lugar aplicando as medidas que sexan recomendadas.

O Kiosco Alfonso cede as súas paredes a un grupo de creadores cuxos orixinais van concitar o interese do público, Núria Tamarit, Tyto Alba, Teresa Valero e Javier Olivares e Santiago García. Os afeccionados mergullarán no universo de “Dos Monedas” de Tamarit; coñecerán o corpo e mais o alma cos que Das Pastoras dotou ao xigante Hércules; viaxarán ao Madrid dos anos 50 con Teresa Valero ou camiñarán da man de Picasso, Fellini, Balthus e Whitman grazas aos trazos de Tyto Alba. A visión do universo velazqueño e da historia de Aquiles que recompilan Javier Olivares e Santiago García nas súas obras “Las Meninas” (Premio Nacional de Cómic) e “La Cólera” son outras das propostas.

Palexco será parada imprescindible para os amantes dos grandes clásicos da literatura de ciencia ficción. A cita é con “Dune”, a adaptación autorizada da inmortal novela de Frank Herbert que asinan Raúl Allen e Patricia Martín.

Non hai viñetas sen súper heroes. Este ano é a quenda de Marvel e as personaxes deseñadas por Pepe Larraz, quen revitalizou o universo dos mutantes con “House of X” e ademais está a piques de publicar o seu último proxecto, “X of Swords”.

A temática social está presente en Viñetas 2021. Igual que a memoria do que fomos. Fernando Llor (guión) e Miguel Porto (debuxos) amosarán en Palexco os orixinais da súa obra “Subnormal”, que conta a historia do xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, vítima de acoso na súa infancia malia a súa envergadura física. Jaime Martín permitiranos percorrer a Guerra Civil, a posguerra e a transición sen saírmos do Palexco. Os visitantes terán ao seu dispor os orixinais que compoñen a triloxía autobiográfica que comezou a publicarse en 2014 con “Las guerras silenciosas” e “Nunca tendrán 20 años”, e que pechou co máis novo “Siempre tendremos 20 años”.

A Sala do Pazo Municipal dará cabida aos orixinais cos que Das Pastoras dá vida ás fazañas de Hércules, o mito tan estreitamente ligado á cidade. A Sala Salvador de Madariaga acollerá “Adeus amigos”, de Begoña García-Alén González e “As aventuras de Passer P. Malta”, de Andrés Magán Zamorano, Premios Castelao de Banda Deseñada 2020 da Deputación da Coruña.

Igual que ocorrera en anos anteriores, a Torre de Hércules será outro espazo expositivo do Salón. Ao cabo, a única condición que se impón aos autores que deseñan cada ano o cartel de Viñetas é que a súa achega inclúa o faro. Haberá, logo, a oportunidade de botar unha ollada aos 24 carteis do Salón coruñés.

Viñetas desde o Atlántico 2021 ofrecerá, asemade, presentacións editoriais, mentres o consolidado e pacífico exército de personaxes sairá de novo ás rúas.

Unha vez remate a semana grande do Salón, do 9 ao 15 de agosto, as exposicións continuarán abertas ao público ata o día 5 de setembro.

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2021 ABRE O LUNS CUNHA ESCOLMA DE AUTORES NOVEIS E TAMÉN CONSAGRADOS QUE NOS ASOMAN Á REALIDADE DO CÓMIC MÁIS ACTUAL2021-08-09T12:31:06+02:00

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2021 CONVOCA AOS AUTORES NOVEIS E CONSAGRADOS QUE NESTES TEMPOS CONVULSOS CONFORMAN CO SEU TRABALLO A REALIDADE DO COMIC MÁIS ACTUAL

2021-07-27T11:45:40+02:00

O Salón Internacional do Cómic da Coruña, que chega á súa vixésimo cuarta edición este agosto poscovid, abrirá as súas portas do 9 ao 15 de agosto.

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2021 CONVOCA AOS AUTORES NOVEIS E CONSAGRADOS QUE NESTES TEMPOS CONVULSOS CONFORMAN CO SEU TRABALLO A REALIDADE DO COMIC MÁIS ACTUAL

Hércules volta á cidade. E nada menos que da man de Das Pastoras. Os orixinais do seu último traballo, “Hércules 1417”, con guión de Pedro Villora e dedicado ás fazañas deste mito tan estreitamente ligado á nosa cidade, estarán na Sala de Exposicións do Pazo Municipal de María Pita.

Entre os convidados, Raúl Allén e Patricia Martín traerán a Coruña a súa exquisita adaptación de “Dune”. Os adictos aos súper heroes do universo Marvel gozarán da exposición de Pepe Larraz, mentres a temática social e os problemas que están a preocupar actualmente á cidadanía terán o seu marco en “Subnormal”, o traballo co que Fernando Llor e Miguel Porto afondan na dura realidade do acoso escolar.

A este Viñetas 2021 chegarán tamén autores como Núria Tamarit e a súa premiada obra “Avery’s Blues” e Jaime Martín coa súa triloxía sobre a recente historia de España, mentres que Javier Olivares e Santiago García amosarán os orixinais das súas obras “Las Meninas” e “La Cólera” no Kiosco. Outro dos invitados é Tyto Alba, a través de quen nos achegaremos ás vidas de Casagemas e Picasso, Fellini, Balthus ou Whitman.

É un pracer anunciar un novo Salón Internacional do Cómic, o vixésimo cuarto, entre o Viñetas do 2020 desenvolvido no medio dunha pandemia mundial e mais esoutro que, o ano que vén, conmemorará o cuarto de século de existencia da clásica cita coruñesa co cómic mundial. É a lectura que fai o director da feira internacional, Miguelanxo Prado. “Este Viñetas 2021 é o da supervivencia positiva, o salón que se executará nunha fase próxima á normalización absoluta e fará de ponte coa celebración do 25 aniversario de Viñetas no 2022”. É por iso que, á hora de deseñar o programa, o XXIV Salón do Cómic foi organizado arredor deses dous eixos esenciais de referencia e mesmo cubrindo todas as áreas: súper heroes, temas sociais, obra de autor, charlas, a feira de banda deseñada… e con convidados, tanto novos coma consolidados, cuxas obras configuran a realidade da banda deseñada nacional nestes tempos convulsos.

O cartel do XXIV Viñetas desde o Atlántico leva a sinatura de Teresa Valero, a autora que acaba de impactar no público e no sector co seu último traballo, “Contrapaso”, nomeado aos Premios Eisner 2021. Os orixinais de “Contrapaso. Los hijos de los otros”, unha novela gráfica negra ambientada no Madrid dos anos 50, veranse no Kiosco Alfonso. Os afeccionados poderán gozar da presenza da autora na Coruña.

A pesar de que, tras da restritiva edición do 2020, o Salón recupera a normalidade, o seu programa adaptarase á realidade que as autoridades sanitarias determinen nesas datas (do 9 ao 15 de agosto). Así, as charlas, reunións e sesións de sinatura cos creadores convidados terán lugar aplicando as medidas que recomenden. Tamén se celebrará a tradicional Feira da Historieta, o espazo que cada ano concentra nos Xardíns de Méndez Núñez ás principais librarías e editoriais especializadas.

O Kiosco Alfonso cede as súas paredes a un grupo de creadores cuxos orixinais van concitar o interese do público. Núria Tamarit, Tyto Alba, Teresa Valero e Javier Olivares e Santiago García. Os afeccionados penetrarán no universo de “Avery’s Blues” de Tamarit; coñecerán o corpo e mais o alma cos que Das Pastoras dotou ao xigante Hércules; viaxarán ao Madrid dos anos 50 con Teresa Valero ou camiñarán da man de Picasso, Fellini, Balthus e Whitman grazas aos trazos de Tyto Alba. Tamén a visión do universo velazqueño e da historia de Aquiles que teñen Javier Olivares e Santiago García nas súas obras “Las Meninas” (Premio Nacional de Cómic) e “La Cólera” .

Palexco será parada imprescindible para os amantes dos grandes clásicos da literatura de ciencia ficción. A cita é con “Dune”, a adaptación autorizada da inmortal novela de Frank Herbert que asinan Raúl Allén e Patricia Martín.

Sabémolo. Non hai viñetas sen súper heroes. Este ano é a quenda de Marvel e as personaxes deseñadas por Pepe Larraz, quen revitalizou o universo dos mutantes con “House of X” e ademais está a piques de publicar o seu último proxecto, “X of Swords”.

A realidade social e os problemas que máis preocupan á cidadanía actualmente están presentes en Viñetas 2021. Igual que a memoria do que fomos. Fernando Llor (guión) e Miguel Porto (debuxos) exhibirán en Palexco os orixinais da súa obra “Subnormal”, que conta a historia do xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, vítima de acoso na infancia a pesar da súa envergadura física. Jaime Martín permitiranos percorrer a Guerra Civil, a posguerra e a transición sen saírmos do Palexco. Os visitantes verán os orixinais que compoñen a triloxía autobiográfica que comezou a publicarse en 2014 con “Las guerras silenciosas”, “Nunca tendrán 20 años” e que pechou co máis novo “Siempre tendremos 20 años”.

A Sala do Pazo Municipal dará cabida aos orixinais dos orixinais con que Das Pastoras da vida ás fazañas de Hércules, o mito tan estreitamente ligado á nosa cidade. A Sala Salvador de Madariaga acollerá “Adeus amigos”, de Begoña García-Alén González e “As aventuras de Passer P. Malta”, de Andrés Magán Zamorano, Premios Castelao de Banda Diseñada 2020 da Deputación da Coruña.

Igual que en anos anteriores, a Torre de Hércules será outro dos espazos expositivos do Salón. Ao cabo, a única condición que se impón aos autores que deseñan cada ano o cartel de Viñetas é que a súa achega inclúa o faro. Os afeccionados terán a oportunidade de botar unha ollada aos 24 carteis do Salón.

Viñetas desde o Atlántico 2021 ofrecerá, coma sempre, presentacións editoriais, e mentres, o consolidado e pacífico exército de personaxes sairá de novo ás rúas coruñesas. Unha vez remate a semana grande do Salón, do 9 ao 15 de agosto, as exposicións continuarán abertas ao público ata o día 5 de setembro.

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2021 CONVOCA AOS AUTORES NOVEIS E CONSAGRADOS QUE NESTES TEMPOS CONVULSOS CONFORMAN CO SEU TRABALLO A REALIDADE DO COMIC MÁIS ACTUAL2021-07-27T11:45:40+02:00

TYTO ALBA

2021-07-27T13:00:32+02:00

TYTO ALBA

TYTO ALBA

Biografía

Tyto Alba (Badalona, 1975) comeza a súa carreira traballando como ilustrador e expoñendo como pintor en diversas galerías de Barcelona. É por mor dunha estancia en México cando empeza a facer banda deseñada curta para diversas publicacións.

Unha vez de volta a España, no ano 2009 coescribe con Mario Torrecillas o guión de Santo Cristo para que o debuxe o mexicano Pablo Hernández, mentres el debuxa á súa vez outro guión de Torrecillas: El hijo, gañador do premio Junceda. Ambos os traballos contan historias persoais ambientadas na España franquista.

O seu seguinte traballo Sudd, a partir dunha novela de Gabi Martínez, publícase no 2011 e termina de definir as constantes da súa obra, moi baseada na memoria e de amplo transfondo literario, resolta sempre a base de vaporosas acuarelas e unha secuenciación clásica, centrada nos personaxes e que foxe de floreos narrativos.

A esta obra séguelle en 2012 Sólo para gigantes, adaptación doutra obra de Gabi Martínez. Ao ano seguinte, e apoiándose nunha ambientación de western, realiza unha obra atípica protagonizada por un indio  travestido e un lapón: Dos espíritus, esta vez partindo dunha historia propia. E en 2015 debuxa  Tante Wussi, con guión de Katrin Bacher, onde se conta a historia dunha familia alemá atrapada entre a Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial. Unha obra que realiza grazas a gañar o Premio Ciudad de Palma 2014.

Ao mesmo tempo que preparaba o libro anterior, realiza a primeira dunha serie de obras persoais centradas en personaxes históricos: La casa azul, onde Chavela Vargas conta a súa relación con Frida Kahlo, concibida por mor dunha estancia en México capital; La vida, sobre a relación entre os pintores Carles Casagemas e Pablo Picasso; Fellini en Roma, biografía do cineasta debida a unha estancia na Real Academia de España en Roma; Balthus y el conde de Rola, encargo do Museo Nacional Thyssen- Bornemisza para acompañar unha exposición do pintor francés; e agora, Whitman, onde conta a vida do poeta a través da súa participación na guerra de secesión estadounidense.

Bibliografía esencial

2014 | La casa azul (Astiberri)

2015 | Tante Wussi (Astiberri)

2016 | La vida (Astiberri)

2017 | Fellini en Roma (Astiberri)

2019 | Balthus y el conde de Rola (Astiberri)

2021 | Whitman (Astiberri)

2021 | El olvido que seremos (Salamandra)

Máis info en…

TYTO ALBA2021-07-27T13:00:32+02:00
Go to Top