PEPE LARRAZ

PEPE LARRAZ

Biografía

Pepe  Larraz (José Luis  Martínez  Larraz. Madrid, 1981) estudou Bacharelato artístico na Escola nº 1 de Madrid e, posteriormente, Historia da arte na UCM. Como tantos artistas, comeza a súa traxectoria en  fanzines; no seu caso, Arruequen, en 2003, para publicar despois historias na extinta revista Dos veces breve. A súa orixe como debuxante de cómics profesional prodúcese pouco despois coa obra Cristi y sus movidas, con guións de Juan Moya, na revista xuvenil Loka.

Tras alternar traballos de publicidade con publicacións en varias revistas como Diez Dedos, Lunatico ou  Lovexpress, a principios de 2009 trasládase a Barcelona onde comeza a traballar como profesor de ilustración na coñecida escola Joso.

Pouco tempo despois, comeza a traballar para Marvel realizando un número de Capitán América que nunca foi publicado e varias historias curtas para diversos especiais ata o que se pode considerar a súa verdadeira estrea, substituíndo a Eric Canete, na  miniserie Spider Island: Spider  Girl, da que debuxará os dous últimos números con guión de Paul Tobin.

O seu seguinte título importante é na colección deThor guionizada por Matt Fraction da que foi, máis ou menos, debuxante regular. O gran traballo realizado substituíndo a Pasqual Ferry daríalle pouco despois a oportunidade de realizar a novela gráfica Thor: Season  One con guión de Matthew Sturges, traballo que alternaría coa realización de números soltos de diversas coleccións tamén en Marvel.

Tras Thor, fai a súa primeira incursión no universo mutante encargándose da serie Lobezno e a Patrulla-X, que guioniza, Jason Aaron. Á que seguirá a  miniserie Deadpool vs.X-Force, con guión de Duane  Swierczynski. Con todo, o seu traballo máis longo ata a data sería a maxiserie Kanan, publicada entre 2015 e 2016, con guión de Greg Weisman na que profunda na vida dun dos personaxes da serie de animación Star Wars Rebels.

Despois de recalar no universo Star Wars, volve aos personaxes  Marvel con Uncanny Avengers  guionizados por Gerry Duggan, onde Larraz debuxará dúas quendas de cinco números, e consolidarase como un dos mellores debuxantes de superheroes da súa xeración, pasando a ocuparse de proxectos ou lanzamentos importantes onde que poidan encaixar co tempo necesario, unhas seis semanas por número. Unha tendencia que alcanzará o seu punto álxido coa exitosa maxiserie Dinastía de X/Poderes de X,  guionizada por Jonathan Hickman, e verdadeiro relanzamento do universo mutante e que contará co debuxo de Larraz en Dinastía de X.

Entre Dinastía de X e a súa seguinte achega ao novo universo mutante, X de Espadas, Pepe Larraz aínda tería tempo de participar no especial Los Vengadores: Imperio.

O seu último traballo ata a data é o Planet Size X-Men, un especial guionizado por Gerry Duggan co que se lanza o novo evento mutante, La Gala Fuego Infernal.

Bibliografía esencial

2016 | Thor. Marvel Deluxe. Volumen 7  (Panini Comic)

2016 | Star Wars. Kanan. El último Padawan. 2 volúmenes, (Planeta Comic)

2019 | Thor. Origen. 100% Marvel HC.  (Panini Comic)

2019 | Dinastía de X. 6 números. (Panini Comics)

2020 | Dinastía de X 1. Artist EdItion (Panini Comics)

Máis info en…