O festival de cómic coruñés tivo que adaptar a súa programación e mais o desenvolvemento das súas actividades aos condicionamentos da situación sanitaria, aínda sen faltar á súa cita co público nin renunciar ás súas propostas esenciais

REMATA A 24 EDICIÓN DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO CUN “BALANCE MOI POSITIVO” E XA COA VISTA POSTA NA CELEBRACIÓN DAS SÚAS VODAS DE PRATA EN 2022 

O director do salón internacional, Miguelanxo Prado, subliña a “historia excepcional” que hai detrás de Viñetas: “unha aposta social do Concello da Coruña que se mantén durante 24 anos e que consegue facerse un oco no panorama nacional grazas á complicidade de quen a sustenta, a cidadanía coruñesa, que xa considera o festival unha parte indisoluble do verán da cidade. Hai moito que celebrar” 

A pesar das limitacións derivadas da situación sanitaria e a obrigada limitación de aforo das salas de exposicións e as actividades, a organización e mais os libreiros constataron a fidelidade dos afeccionados 

Viñetas clausurou onte domingo a súa 24 edición, aínda que as exposicións seguirán abertas ata o vindeiro 5 de setembro. “Un escaparate magnífico que abarca a totalidade de opcións creativas do cómic e constitúe un exemplo da súa capacidade para tocar todos os temas” 

Viñetas desde o Atlántico clausurou onte domingo a súa XXIV edición cunha “sensación xeral de positividade”, en palabras do seu director, Miguelanxo Prado. Por segundo ano consecutivo, o festival de cómic coruñés tivo que adaptar a súa programación e mais o desenvolvemento das súas actividades aos condicionamentos esixidos pola situación sanitaria, sen por iso faltar á cita co público nin renunciar ás súas propostas esenciais. “Aínda que nesta edición nos achegamos moito á normalidade, igualmente tivemos que inaugurar Viñetas con restricións parecidas ás do ano pasado, iso si, con moitos máis convidados e incorporando as charlas e mais sesións de firmas habituais. Amañar toda a programación no medio e medio dunha situación tan chea de incerteza foi a principal dificultade desta edición”, sinala o director, que non dubida en falar dun “balance moi positivo”  co punto de mira xa na celebración do 25 aniversario en agosto de 2022.

Miguelanxo Prado destaca a “excepcional historia” do salón internacional. “Un proxecto que, apoiado polo Concello, se mantén durante 24 anos e consegue facerse un oco no panorama nacional –di- é todo un logro”. Prado remarca tamén a incuestionable “complicidade” con esta “aposta social”, tanto por parte dos que a sustentan como da cidadanía coruñesa que, a piques de cumprir un cuarto de século, xa considera Viñetas unha parte indisociable do seu verán. “Hai moito que celebrar nas vodas de prata do Festival, o ano que vén”.

Tanto a organización coma os libreiros participantes da feira editorial coinciden en destacar a resposta do público. Constataron unha afluencia bastante superior ao salón Viñetas 2020, moi restrinxido debido á pandemia. “Houbo edicións mellores con salas repletas de xente”, recoñece o director, “pero a pesar das limitacións que forzosamente reduciron este ano a cantidade de persoas que puideron acceder ás salas e mais as actividades, os números son infinitamente mellores que o ano pasado. E aínda temos ata setembro para confirmalo”. As restricións polo Covid provocaron tamén unha escasa presenza de visitantes estranxeiros. Nos festivais previos á pandemia era frecuente atopar grupos de afeccionados alemáns, portugueses ou franceses; mesmo non poucos deles programaban as súas vacacións en coincidencia co Viñetas, para ter a oportunidade de visitar e asemade participar no salón.

Para Miguelanxo Prado “temos que meter dunha vez na cabeza que, a curto prazo, non imos volver a ver en ningún ámbito as grandes cifras de público de antes do Covid”. Avoga Prado, daquela, por seguirmos adiante “adaptándonos a esta situación” e buscando “novas ferramentas”. Pon como exemplo, no caso de Viñetas, o bo funcionamento das retransmisións en liña das charlas cotiás cos autores invitados, argalladas coa intención de paliar o limitado número de persoas que de ordinario poden acceder en directo ao Kiosco e que, neste 2021, resultaron cruciais, dada a redución de aforo derivada da pandemia. Non só teñen un altísimo seguimento mentres se desenvolve o festival, senón que, por riba –lembra o director do salón-, rexistran taxas anuais de visualización moi importantes. Neste sentido, Miguelanxo Prado quere expresar publicamente o especial agradecemento de toda a organización de Viñetas ao público deste ano, “pola súa paciencia e o seu comportamento exemplar a pesar das colas e dos tempos de espera impostos pola aplicación das restricións sanitarias” que se viron forzados a soportar.

As actividades de Viñetas desde o Atlántico finalizaron onte domingo, pero as exposicións de orixinais seguirán abertas ata o 5 de setembro. “Un escaparate magnífico que abarca a totalidade das opcións creativas do cómic e demostra a súa capacidade para tocar todos os temas”, explica o director do Salón. “Reflicte moi ben a saúde creativa deste medio no conxunto de España”.