Need a new search?

If you didn't find what you were looking for, try a new search!

OS DEBUXANTES DAVID SALA E ALBERT MONTEYS PECHARÁN MAÑÁ AS CHARLAS DE VIÑETAS 2019

2019-08-09T12:39:50+02:00

Tamén mañá sábado terá lugar a segunda e última sesión de sinaturas dos autores invitados. Será entre as 12 h e as 13.30 horas.

OS DEBUXANTES DAVID SALA E ALBERT MONTEYS PECHARÁN MAÑÁ AS CHARLAS DE VIÑETAS 2019

Os encontros serán no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival Internacional do Cómic coruñés. Sala departirá co público a partir das 18.15 horas e Albert Monteys, a partir das 19.30 h

  • O debuxante francés David Sala é o autor da coñecida adaptación a cómic de “El jugador de ajedrez”, a última obra do austríaco Stefan Zweig; unha adaptación que foi todo un éxito en 2017, tanto no seu país como a versión en castelán. Trátase dunha crítica ao réxime nazi cun argumento claramente xadrecístico
  • Albert Monteys é un laureado debuxante cuxa carreira profesional está moi ligada ao semanario El Jueves, do que foi director, ata que, xunto con outros debuxantes da publicación, a abandonou por mor da prohibición de RBO de facer unha portada referente á abdicación do rei Juan Carlos I
  • Na carpa da feira editorial, Rúa da BD presentarase mañá as obras ¡Houston, tenéis un problema!, do xornalista e humorista galego Juan López Rico, O tempo cronolóxico, de Xulia Vicente e a novela gráfica Tanta Paz leves, de Tomás Guerrero

A Coruña, 9 de agosto de 2019.- Os debuxantes David Sala e Albert Monteys pecharán mañá sábado o calendario de charlas cos afeccionado de Viñetas desde o Atlántico, que se clausura este domingo. Sala intervirá a partir das 18.15 horas e o autor barcelonés, de 19.30 h en adiante. Será no lugar habitual, o salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), a sede central do Festival. A obra de Sala pode verse no Kiosco Alfonso e a de Monteys, na Sala Municipal de Exposicións Palexco.

Tamén mañá sábado pola mañá terá lugar a segunda e última sesión de sinaturas dos autores convidados desta XXII edición. Serán na planta baixa do Kiosco Alfonso, entre as 12 h e as 13.30 horas.

Humor e ecoloxismo, na Rúa da BD

Outra cita de mañá sábado na carpa da Feira Editorial, a Rúa da BD, é a presentación de ¡Houston, tenéis un problema!, obra do xornalista e humorista galego Juan López Rico, unha chamada de atención sobre o deterioro medioambiental e a perentoria necesidade de reaccionar contra o cambio climático. A presentación terá lugar ás 18.45 h e contará coa presencia do prologuista do libro, o periodista ambiental Arturo Larena. O libro está editado por Silsania Books.

A oferta da Feira inclúe, ás 12 horas, a presentación de O Garaxe Hermético e, ás 13 h, a presentación oficial e sinatura da novela gráfica Tanta paz leves, de Tomás Guerrero. Despois, xa ás 18 horas, O tempo cronolóxico, de Xulia Vicente.

David Sala

O debuxante francés David Sala é o autor da adaptación a cómic de El jugador de Ajedrez, a famosa última obra do escritor austríaco Stefan Zweig; unha adaptación que foi todo un éxito editorial en 2017, tanto no seu país como da tradución ao castelán. A obra literaria, escrita en 1941, un ano antes de que Zweig e a súa muller se suicidasen en Brasil, é unha contundente crítica ao réxime nazi cun argumento claramente xadrecístico. Moi fiel á obra literaria, David Sala optou por cargar as tintas sobre o visual, recorrendo á acuarela e a unha composición sen case que palabras, pero que capta con gran audacia todo o que transmite o texto de Zweig. Ao cabo, unha posta en escena que confire á novela gráfica do debuxante galo unha entidade propia, máis aló da obra literaria que a inspirou.

Sala estudou na prestixiosa escola Émile Cohl e comezou traballando na ilustración de cubertas para libros infantís e xuvenís. Só máis tarde se viu atraído polo mundo da banda deseñada. Debutou, con guións de Jorge Zentner, en Replay. Posteriormente, e tamén con guións de Zentner, realizou baixo o título de La diosaa serie Nicolás Eymerich, Inquisidor, unha adaptación en dous volumes das novelas de Valerio Evangelisti. Estreouse como autor en solitario con One of Us, inédito en España, un conto de ciencia ficción que critica a sociedade de consumo e o capitalismo creado nos anos da crise económica. Antes de El jugador de Ajedrez Sala publicou Cauchemar dans la rue (Pesadelos na rúa), unha adaptación da novela homónima de Robin Cook tamén inédita no noso país.

Albert Monteys

Albert Monteys leva facendo cómic dende que ten uso de razón. Na súa carreira ganou, entre outros, o Premio do Saló do Cómic de Barcelona 1994 ao Mellor Fanzine por Mondo Lirondo e ao Autor Revelación en 1996 por Calavera Lunar. Foi candidato aos Premios Eisner 2017 ao Mellor Cómic Dixital por ¡Universo!.

En 2004 chega a El Jueves, revista para a que realiza as series Tato e ¡Para ti, que eres joven!, esta última con Manel Fontdevila. Foi o seu director dende 2006 ata principios de 2011. Tivo que afrontar en 2007 o secuestro e posterior condena do semanario por un delito de inxurias ao –daquela- Príncipe Herdeiro.

Deixou El Jueves en 2014, tras de que a editorial RBA non permitise a publicación dunha portada na que se facía referencia á abdicación do rei Juan Carlos I. Acompañáronlle outros debuxantes, como Manel Fontdevila, Paco Alcázar e Bernardo Vergara. Xuntos emprenderon unha nova aventura editorial autoxestionada e dixital: a revista Orgullo y satisfacción, que en principio naceu como número único, pero que, diante da excelente acollida que acadou, decidiron converter nunha publicación dixital mensual. Desaparecía a finais de 2017.

Actualmente, Monteys está enleado en multitude de proxectos, entre eles, a serie dixital ¡Universo!,nomeada en 2017 aos Premios Eisner na categoría de mellor cómic dixital e cuxa versión en papel gañou o Premio Zona Cómic e o Premio Cómic Barcelona á mellor obra dun autor nacional publicada en 2018.

OS DEBUXANTES DAVID SALA E ALBERT MONTEYS PECHARÁN MAÑÁ AS CHARLAS DE VIÑETAS 20192019-08-09T12:39:50+02:00

OS DEBUXANTES ANTONIO NAVARRO E JORGE COELHO ABREN MAÑÁ MARTES O CALENDARIO DE CHARLAS DO FESTIVAL CORUÑÉS DE CÓMIC VIÑETAS 2019

2019-08-05T13:21:50+02:00

Ambos os dous autores teñen en común unha ampla traxectoria no mercado norteamericano

OS DEBUXANTES ANTONIO NAVARRO E JORGE COELHO ABREN MAÑÁ MARTES O CALENDARIO DE CHARLAS DO FESTIVAL CORUÑÉS DE CÓMIC VIÑETAS 2019

Os encontros dos artistas convidados cos afeccionados serán no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival Internacional do Cómic coruñés. Navarro falará do seu traballo a partir das 18.15 horas mentres Coelho o fará a partir das 19.30 horas

  • O debuxante madrileño Antonio Navarro, da xeración que irrompeu nos oitenta na escena española da historieta, é un creador do máis polifacético, que toca desde a banda deseñada ata o cinema de animación. Traballou para editoriais tan dispares coma Marvel ou a xaponesa Kodansha
  • Desde a súa primeira incursión no mercado estadounidense, o debuxante portugués Jorge Coelho traballou para as principais editorial de cómic daquel país, aínda que en ningún momento deixou de colaborar con publicacións lusas. Comparte con outros 17 artistas “O Estudo de Lisboa”, onde desenvolve a súa creatividade tanto para o mercado portugués como para os de Italia e EE UU
  • Tamén mañá martes comezan as actividades paralelas na carpa da Feira Editorial, a Rúa da BD, entre outras o obradoiro de debuxo para a rapazada, que este ano imparte o creador galego Jano

A Coruña, 5 de agosto de 2019.- Os debuxantes Antonio Navarro e Jorge Coelho abrirán mañá martes o calendario de charlas cos afeccionados do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que nesta XXII edición pretende achegar ao público a riqueza multifacética que presenta hoxe en día a Banda Deseñada. Navarro falará do seu traballo a partir das 18.15 horas. A súa intervención finalizará ás 19.45 h e, quince minutos despois, ás 19.30, será o autor portugués quen sentará a departir cos asistentes. O encontro cos debuxantes terá como escenario o salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival. Aínda que de xeracións distintas, ambos os dous debuxantes teñen en común unha importante traxectoria nos mercados europeos e, sobre todo, no estadounidense. A obra de Navarro e mais a de Coelho ocupan a Sala Municipal de Exposicións Palexco.

Rúa da BD

Tamén mañá martes principian as actividades paralelas na carpa da Feira Editorial, a Rúa da BD, entre outras o que xa é un clásico do Festival, o obradoiro de debuxo para a rapazada. Nesta ocasión impartido polo creador galego Jano. Baixo o título Aprende a debuxar cómic da man de Planeta Cómic, o taller terá lugar cada día, menos o sábado, entre as 11 h e as 13.30 horas. Para participar é necesario inscribirse antes das 11.30 h. Xa pola tarde a oferta inclúe as presentacións de Troglo e Ditaa, nova proposta de Fonso Barreiro (FON) –a partir das 19 horas- e do número 10 da revista La Resistencia, ás 20 horas.

Cómpre lembrarmos que forman parte do programa de Viñetas outras mostras como ¡Mil raios!/Tesouros dun un tintinófilo (Pazo de María Pita), unha oportunidade para contemplar de preto máis de cen edicións en outras tantas linguas da personaxe máis famosa do cómic belga. Igualmente a mostra Pintas o dibujas, unha proposta de Acción Cultural Española que leva o cómic ás rúas (está emprazada na Dársena, fronte ás costas do Teatro Rosalía), un repaso á historia da arte coa banda deseñada como fío condutor. Por outra banda, na sala Salvador de Madariaga está a obra gañadora do Premio Castelao 2018, Canción para afundir flores no mar, de Oliver Añón Lema.

Antonio Navarro

O debuxante madrileño Antonio Navarro pertence á xeración de autores que irromperon a principios dos oitenta na escena española da historieta. É un creador tremendamente polifacético, que toca moitos paus artísticos. Ademais de banda deseñada, fai cinema, animación, deseño e publicidade. Debutou nas revistas Rambla e Rampla, ata recalar en Norma Editorial, onde publicou a súa primeira gran serie, Simone. Con ela obtivo o seu primeiro recoñecemento, o Premio do Diario de Avisos ao mellor debuxante realista, así como o nomeamento a autor revelación no Salón do Cómic de Barcelona. Tamén lle abriu as portas do mercado francés (Les Mondes de Luz).

Dende aquela, Navarro colabora con editoriais tan dispares como a estadounidense Marvel, para a que realiza Kiss of Darkness, ou a non menos coñecida firma xaponesa Kodansha, para a que debuxa Syd Virtual Story. Na súa bibliografía figuran La leyenda de Ahua e El mar dulce, esta última con guión de Miguel Ángel Nieto, ambos os dous álbums de corte histórico, e asemade a serie de terror La galería de los horrores.

No sector da animación participou en series de televisión da produtora Hanna-Barbera (Lucky Lucke, Smurfs, Little rascals ou Paw paws), e para o cinema traballou na produtora Amblimation, de Steven Spielberg e nos estudos Disney (Hercules, Tarzan, Fantasia 2000 (no segmento Rhapsody in Blues) e The Emperor’ s New Groove). De 2001 a 2003 dirixiu a longametraxe Os Reis Meigos, para a produtora Animagic. No sector publicitario realizou storyboards e bocetismo para campañas de infinidade de marcas (CocaCola, Renfe, Pescanova ou Repsol).

O seu último traballo tardou unha década en ver a luz: Homónimos, editado por Norma Editorial en 2018. Trátase dun relato de relatos onde distintos personaxes que comparten un mesmo nome, o propio do autor, van relatando as súas vidas, amosando as infinitas posibilidades narrativas e estilísticas do Cómic.

Jorge Coelho

Os primeiros traballos do debuxante portugués Jorge Coelho foron no fanzine Vértigo cando aínda estudaba Artes Gráficas e Comunicación na Escola de Artes António Arroio. Logo realizou todo tipo de encargos relacionados co debuxo nas súas distintas facetas, desde participar na serie Angelitos de Animanostra ata facer ilustración publicitaria para Cafés Tofa ou Wall Street Institute. Tamén storyboards para axencias de publicidade como TBWA, Euro RSCG, Brandia, McCann, Partners e BBDO.

O salto a Estados Unidos chega da man de Forgetless, con guión de Nick Spencer, para a editorial Image. A publicación, en 2013, de Polarity, con guión de Max Bemis, acadou que os seus traballos para o mercado norteamericano se multiplicaran. Dende esa non parou de publicar para Marvel, DC, Image ou Boom! Studios. Para Boom! Studios realizou en 2018 Robocop: Citizen Arrest, unha miniserie de cinco números con guión de Brian Wood. O trazo do debuxante luso aparece en páxinas de Venom, Risco Suicida, Sleepy Hollow, Loki Axente de Asgard, Battleworld Siege, Spider- Gwen e Vengadores Indignados e The Haunted Mansion.

Aínda que o seu traballo para o mercado estadounidense é unha constante desde hai unha década, segue colaborando con publicacións lusas como Loverboy na Feira dás Vanessas. Actualmente comparte espazo con 17 artistas no “Estudo de Lisboa”, tamén coñecido como TLS, un centro de creatividade onde, ademais de publicar unha antoloxía de relatos xunto aos seus compañeiros, Coelho segue desenvolvendo diversos proxectos de cómic e ilustración para Portugal, Italia e os Estados Unidos.

OS DEBUXANTES ANTONIO NAVARRO E JORGE COELHO ABREN MAÑÁ MARTES O CALENDARIO DE CHARLAS DO FESTIVAL CORUÑÉS DE CÓMIC VIÑETAS 20192019-08-05T13:21:50+02:00

PRESENTACIÓN VIÑETAS 2019

2019-05-30T13:28:53+02:00

Presentación Viñetas 2019

O XXII Salón Internacional do Cómic de A Coruña abrirá as súas portas entre os días 5 e 11 de agosto

VIÑETAS 2019 ACHÉGANOS O CALEIDOSCOPIO ACTUAL DO CÓMIC PARA COMPROBAR COMO UNHAS MESMAS FERRAMENTAS E UNHA LINGUAXE COMÚN SERVEN PARA CREAR OBRAS ÚNICAS E UNIVERSOS AFASTADOS

  • A poeta Yolanda Castaño exporá no XXII Salón a súa obra “O puño e a letra” onde 40 debuxantes e ilustradores galegos converten en imaxes ou viñetas outros tantos poemas de autora nun novidoso diálogo entre xéneros ao que xa se coñece como Comic Poetry.
  • A creadora británica Isabel Greenberg achegará a súa primeira saga e as súas fábulas feministas, con exposición dos orixinais das súas novelas gráficas máis importantes, “The encyclopedia  of Early Earth” e “The one hundred nights of Hero”.
  • Os “tintinólogos” están de sorte: o sabichón mozo belga convídalles a vivir mil aventuras sen ter que dar un paso fóra da Sala de Exposicións do Pazo de María Pita.
  • O cartel deste ano leva a rúbrica dunha das participantes de Viñetas 2018, Belén Ortega, a debuxante de “Pájaro Indiano” e do éxito literario “Millenium” para o mercado francés.

A Coruña, 30 de maio de 2019.

Na XXII edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, “os convidados achégannos a un taboleiro conformado por pezas moi diversas, absolutamente autónomas; universos creativos realmente afastados que só teñen en común as ferramentas e a fórmula do relato, esas secuencias de continuidade de imaxes e palabras, xa sexan en texto ou en voz”, resume o seu director, o debuxante Miguelanxo Prado. Esa riqueza multifacética no xénero é precisamente o que mellor resume a actualidade do mundo da banda deseñada do que Viñetas 2019fai una boa escolma. “Nada ten que ver a adaptación que fai David Sala da novela El jugador de Ajedrez, de Stefan Zweig, coas fantasías macabras de Tony Sandoval, ou coa obra de Isabel Greenberg, unha proposta social de corte feminista que sen dúbida camufla moitas tinguiduras autobiográficas. Da mesma maneira se afastan anos luz, cada un dos anteriores, do Homónimos de Antonio Navarro, ficción e xogo autobiográfico moi lonxe da súa traxectoria anterior no ámbito da animación”, explica Prado. Rexistros, xénero e fórmulas absolutamente variadas e ao tempo todas banda deseñada ou novela gráfica por dereito propio.

Viñetas desde o Atlántico tomará un ano mais o centro da Coruña, nesta ocasión entre os días 5 e 11 de agosto. O cartel anunciador do XXII Salón Internacionalé obra dunha das autoras máis prestixiosas do panorama nacional, a granadina Belén Ortega, quen no Viñetas 2018 expuxo orixinais dos seus traballosPájaro Indianoe Millenium, entre outros. A Torre de Hércules é, coma sempre, a indiscutible protagonista da imaxe de Viñetas 2019 (a única condición que lle poñen os organizadores do certame aos ilustradores encargados de facer o cartel), nunha proposta colorista co estilo indiscutible de Ortega, que nesta ocasión tamén bota man do exército de menhires para a súa composición.

O XXII Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, impulsado pola Concellería de Culturas do Concello da Coruña, contará entre os seus convidados coa creadora británica Isabel Greenberg, quen sorprendeu ao mundo editorial tanto coa súa primeira novela gráfica, a saga The Encyclopedia of Early Earth, coma coa súa fábula feminista The one hundred nights of Hero.

O festival coruñés tamén mostrará a obra do autor mexicano afincado en Europa Tony Sandoval, a quen lle chegou o éxito coa súa personaxe Blacky, un gato con inquedanzas románticas e mesmo morriñento. Porén, sería tras saír do prelo El cadáver y el sofá (2007) cando Sandoval acadaría sona; unha obra á que seguiron Epidemia de melancolía (2011) e La serpiente de agua(2014), inspirada en Edgar Allan Poe.

Desde Francia vén a Viñetas David Sala, un creador que estudou na prestixiosa escola Emile Cohl e que confesa influencias tan diverxentes coma Alberto Breccia ou Stanley Kubric. Ao longo da súa carreira traballou cos máis importantes guionistas, coma Jorge Zentner (Replay e a serie Nicolás Eymerich, inquisidor). Sala triunfou no ámbito europeo da banda deseñada coa súa adaptación de El jugador de Ajedrez, a novela de Stefan Zweig

O público que asista ao Salón coruñés poderá gozar ademais da obra do portugués Jorge Coelho, o debuxante da extravagante serie policíaca John Flood, con guión de Justin Jordan. Tamén é o creador de Polarity, Sleepy Hollowe Forgetless. Debuxante de Marvel, é un dos responsables, xunto con Brian Wood, da serie Robocop: Citizens Arrest (Boom! Studios).

O madrileño Antonio Navarro e mais o catalán Albert Monteys completan o elenco de convidados nacionais a Viñetas 2019. Monteys foi unha firma indispensable da revista El Jueves. Autor da serie Tato, ou de Para ti, que eres jovencon Manel Fontdevila, traballou posteriormente noutros proxectos, como a serie dixital ¡Universo! coa que gañou o Premio Zona Cómic e o Premio Cómic Barcelona á mellor obra de autor nacional publicada no 2018. Pola súa parte, Antonio Navarro publicou as súas primeiras obras profesionais na revista Rambla. En 1987 comeza a publicar Simonenas páxinas de Cairo, galardoada un ano despois co Premio Diario de Avisos ao mellor debuxante realista. Nos 90 irrompeu no mercado francés con Les mondes de Luz. As súas obras máis maduras chegaron ao pouco: El tiempo arrebatado e Homónimos. Xa coma animador, Navarro traballou para as principais compañías, dende Hanna-Barbera a Disney, e dirixiu a longametraxe Los tres reyes magos, con Díaz Canales supervisando o layout.

A poeta compostelá Yolanda Castaño trae a Viñetas os seus poemas ilustrados pola man de boa parte dos máis célebres debuxantes galegos: Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristian F. Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Manel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba Abellán, Víctor Rivas, Kike J. Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú (Dea Gómez & Diego Omil), Yupiyeyo / María Álvarez Hortas, David Pintor, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López Domínguez, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Dani Xove, Tokio e Fernando Iglesias Kohell.

Outro dos nomes propios desta edición do Salón Internacional do Cómic é o debuxante e guionista ferrolá Abel Alves, autor da novela gráfica Sangre y soleditada en Uruguai e gañadora do Fondo Concursable para a Cultura de Uruguai 2014. No 2016 sae do prelo a novela gráfica Aram o Armenio, dedicada ao xenocidio armenio de 1915. O pasado ano publica Segunda Venidae, coa colaboración do Concello da Coruña, lanza ao mercado A tumba de Breogán, unha ficción histórica con personaxes como Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán ou Murguía. Na actualidade prepara varios proxectos para o mercado español e extranxeiro.

“Tintinólogos” de sorte

A personaxe belga por excelencia, Tintín, xunto con toda a súa tropa, serán os protagonistas da mostra que Viñetas desde o Atlánticoinstalará na Sala de Exposicións do Pazo Municipal de María Pita. Ao cabo, a asociación de “tintinólogos” máis importante de España fica en Galicia e son eles, coleccionistas irredentos do mozo belga máis sabichón, os organizadores dunha das propostas deste Viñetas 2019sen dúbida máis atractivas para o gran público.

Personaxes e, por primeira vez unha das mostras, tomarán as rúas da cidade

Por primeira vez, as rúas do centro da Coruña non só van estar tomadas polo exército de figuras comiqueirashabituais de Viñetas,senón que acollerán á propia arte do cómic. Dan man de Acción Cultural Española (AC/E) chega á cidade ¿Pintas o Dibujas?, unha exposición que convidará aos transeúntes a camiñar entre viñetas. Comisariada por Jorge Díez, a mostra fai unha aproximación á arte da banda deseñada da man de diversos autores españois (Ana  Galváñ, Antonio Altarriba e Keko, Fermín Solís, Laura Pérez Vernetti, María Hesse, Mauro Entrialgo, Max, Pablo Auladell, Santiago García e Javier Olivares) que, cunha linguaxe propia, abordan nos seus traballos a arte clásica e contemporánea a través, entre outros, de artistas como El Bosco, Velázquez, Buñuel, Frida Kahlo, Duchamp ou Picasso.

A Salvador de Madariaga exporá o último premio Castelao da Deputación coruñesa

Tal e como xa é costume, a Sala Salvador de Madariaga acollerá a exposición dos orixinais da obra galardoada no 2018 co XIII Premio Castelao de Banda Deseñada, editado pola Deputación da Coruña: Canción para afundir flores no mar, de Oliver Añón Lema.

Pola súa parte, a Torre de Hércules servirá de excepcional lenzo no que colgar a colección de carteis das 21 edicións previas do Salón Internacional do Cómic da Coruña.

Ademais das exposicións e os encontros cos autores convidados, a oferta do Festival inclúe obradoiros e presentacións editoriais na carpa instalada nos Xardíns de Méndez Núñez, así como a tradicional Feira da Historieta. Aínda que Viñetas2019 permanecerá aberto só entre o 5 e mais o 11 de agosto, as exposicións de orixinais continuarán abertas ao público ata o 8 de setembro.

PRESENTACIÓN VIÑETAS 20192019-05-30T13:28:53+02:00

JAIME MARTÍN

2021-07-27T12:59:02+02:00

JAIME MARTÍN

JAIME MARTÍN

Biografía

Jaime Martín (Hospitalet de Llobregat, 1966), afeccionado á banda deseñada desde moi novo, comezou a traballar profesionalmente no cómic á metade dos anos oitenta colaborando co autor e editor Josep Maria Beà no seu selo Intermagen, en revistas como Caníbal y Bichos.

Entre 1986 e 1990, pasou a debuxar bandas deseñadas de humor para cabeceiras como Humor a tope, pero destacou sobre todo polas súas achegas para A Cúpula desde que en 1987 comezará a aparecer a súa sinatura na revista El Víbora, en cuxas páxinas desenvolveu graficamente series que profundaban nas experiencias dunha mocidade que vivía tanto experiencias cómicas como dramáticas: con guión de Alfredo Pons, Onliyú e con guión propio Sangre de barrio, que se estendeu entre 1989 e 2005 e pola que conseguirá o premio ao autor revelación no Salón internacional do cómic de Barcelona no ano 1990.

Durante os noventa desenvolveu series que entroncaban co seu interese polo costumismo social pero que xa apuntaban cara a outros horizontes, como o da memoria histórica: Los primos del parque, La memoria oscura e Infierno.

Tras publicar a obra Invisible en 2004, decidiu dar o salto ao mercado francés, asinando un contrato con  Dupuis para publicar Lo que el viento traeque verá a luz en España en 2008 publicada por Norma Editorial e que supón un punto e á parte na súa carreira. Nesta nova liña de exploración dramática, abordaría logo a obra Todo el polvo del camino, publicada no 2010, ambientada nos anos da Gran Depresión e que contará con guión de Wander Antunes.

En 2014 publica Las guerras silenciosas, obra entre o relato histórico, a crónica familiar e a autoficción. A través do relato das peripecias do seu propio pai, descubrimos as desventuras dos soldados españois destinados á rexión de Sidi- Ifni, Marrocos; un lugar miserable castigado por unha guerra que empezara en 1957 contra o Exército de Liberación Marroquí, pero que foi ocultada polo réxime franquista e que consagra como un grande autor de cómic europeo.

Las guerras silenciosas é o xerme da que, sen dúbida, é a súa triloxía máis importante ata a data. Tras ela, a finais de 2016 utilizando unha fórmula similar publica Jamás tendré 20 años. Cronoloxicamente, esta nova obra é anterior a Las guerras silenciosas e céntrase nos seus avós maternos, a pesar de que ambas comparten diversos personaxes e algúns feitos chéganse a solapar. A memoria familiar do debuxante de l’Hospitalet volve protagonizar un cómic e de novo ese relato tan persoal é fiel reflexo de toda unha época e de toda unha xeración: os que sufriron e perderon a guerra e despois tiveron que sufrir para sobrevivir ás represalias e á fame da posguerra.

Se Las guerras silenciosas tivera unha moi boa acollida por parte de crítica e público, Jamás tendré 20 años convértese nun éxito absoluto atesourando varios premios entre os que destaca o de Mellor obra de Autor Español no Salón internacional do cómic de Barcelona.

Finalmente en 2020 aparece Siempre tendremos 20 años, o terceiro libro que pecha a súa famosa triloxía e no que relata a súa infancia e mocidade durante a transición e que, desde outra óptica, entronca con Los primos del parque e Sangre de barrio. Por esta obra recibiu recentemente o premio a Mellor Obra de Autor Español no Salón internacional do cómic de Barcelona.

Bibliografía esencial

1992 | Los primos del parque (Ediciones La Cúpula)

2008 | Lo que el viento trae (Norma Editorial)

2010 | Todo el polvo del camino (Norma Editorial)

2012 | Sangre de Barrio. Integral (Norma Editorial)

2014 | Las guerras silenciosas (Norma Editorial)

2016 | Jamás tendremos 20 años (Norma Editorial)

2020 | Siempre tendremos 20 años (Norma Editorial)

Máis info en…

JAIME MARTÍN2021-07-27T12:59:02+02:00

TYTO ALBA

2021-07-27T13:00:32+02:00

TYTO ALBA

TYTO ALBA

Biografía

Tyto Alba (Badalona, 1975) comeza a súa carreira traballando como ilustrador e expoñendo como pintor en diversas galerías de Barcelona. É por mor dunha estancia en México cando empeza a facer banda deseñada curta para diversas publicacións.

Unha vez de volta a España, no ano 2009 coescribe con Mario Torrecillas o guión de Santo Cristo para que o debuxe o mexicano Pablo Hernández, mentres el debuxa á súa vez outro guión de Torrecillas: El hijo, gañador do premio Junceda. Ambos os traballos contan historias persoais ambientadas na España franquista.

O seu seguinte traballo Sudd, a partir dunha novela de Gabi Martínez, publícase no 2011 e termina de definir as constantes da súa obra, moi baseada na memoria e de amplo transfondo literario, resolta sempre a base de vaporosas acuarelas e unha secuenciación clásica, centrada nos personaxes e que foxe de floreos narrativos.

A esta obra séguelle en 2012 Sólo para gigantes, adaptación doutra obra de Gabi Martínez. Ao ano seguinte, e apoiándose nunha ambientación de western, realiza unha obra atípica protagonizada por un indio  travestido e un lapón: Dos espíritus, esta vez partindo dunha historia propia. E en 2015 debuxa  Tante Wussi, con guión de Katrin Bacher, onde se conta a historia dunha familia alemá atrapada entre a Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial. Unha obra que realiza grazas a gañar o Premio Ciudad de Palma 2014.

Ao mesmo tempo que preparaba o libro anterior, realiza a primeira dunha serie de obras persoais centradas en personaxes históricos: La casa azul, onde Chavela Vargas conta a súa relación con Frida Kahlo, concibida por mor dunha estancia en México capital; La vida, sobre a relación entre os pintores Carles Casagemas e Pablo Picasso; Fellini en Roma, biografía do cineasta debida a unha estancia na Real Academia de España en Roma; Balthus y el conde de Rola, encargo do Museo Nacional Thyssen- Bornemisza para acompañar unha exposición do pintor francés; e agora, Whitman, onde conta a vida do poeta a través da súa participación na guerra de secesión estadounidense.

Bibliografía esencial

2014 | La casa azul (Astiberri)

2015 | Tante Wussi (Astiberri)

2016 | La vida (Astiberri)

2017 | Fellini en Roma (Astiberri)

2019 | Balthus y el conde de Rola (Astiberri)

2021 | Whitman (Astiberri)

2021 | El olvido que seremos (Salamandra)

Máis info en…

TYTO ALBA2021-07-27T13:00:32+02:00

TERESA VALERO

2021-07-27T13:00:18+02:00

TERESA VALERO

TERESA VALERO

Biografía

Teresa  Valero (Madrid, 1969), apaixonada desde sempre polo debuxo, e tras diplomarse en Administración de Empresas, debuta no mundo da animación, primeiro en labores administrativos e posteriormente de preprodución, en estudios como Lápiz Azul, onde traballa en series de televisión como  Tintín ou Rupert, e para os estudios Milímetros, onde exerce labores de coordinadora do departamento de preprodución, en series de animación como Pink  Panther Show, Babar ou Madeline e longametraxes como Astérix en América.

En 1996 forma o estudio Tridente Animación xunto con Juan Díaz Canales, Angel Martín e Juan Carlos Moreno, onde continúa realizando traballos para diversas series, como  Nanook, Corto Maltés ou Cédric, entre outras, e longametraxes como  Astérix y los Vikingos, Three  Wise  Men ou Becassine. Ao mesmo tempo, imparte clase de storyboards e outras materias relacionadas coa animación e o storytelling en universidades de Madrid.

O desexo de contar as súas propias historias a través do cómic, empúxaa a desenvolver varias ideas, e así, no ano 2008 debuta no mundo do cómic coa serie de corte infantil e xuvenil Brujeando, con debuxos de Juanjo Guarnido. Brujeando constaría de tres volumes, sendo orixinalmente publicada pola editorial francesa Dargaud e por Norma Editorial en España. A boa acollida que tivo propiciaría que se editase un integral en formato de luxo e un volume de bosquexos baixo o nome  Sorcelleries. A ballet deas  mémés.

Tras Brujeando, en 2011, Teresa Valero inicia un novo proxecto de corte xuvenil titulado Curiosity Shop, con debuxos de Montserrat Martín. Editado orixinalmente por Editions Glénat en Francia, esta nova triloxía ambientada na España de entre 1913 e 1915, permitirá ao seu guionista penetrar, a través dos ollos do seu protagonista adolescente, na banda deseñada de corte histórico, mesturando elementos de intriga con outros de tinguiduras fantásticas deixando patente un enorme traballo de documentación.

O seu seguinte traballo é We are Family: Il était deux petirs hommes (2013) editado por Delcourt en Francia. Unha obra na que Valero deixará momentaneamente o seu labor como guionista, do que se encargará Marie Pavlenko, para ocuparse da parte gráfica. We are Family é a volta de Teresa Valero ao humor e ás historias de corte familiar, neste caso a base de gags e pequenas anécdotas dun matrimonio novo con dous fillos pequenos.

Tras esta breve incursión no humor cotián, en 2020 volve aos guións, coescribiendo xunto a Juan Díaz Canales, Gentlemind, de cuxa parte gráfica encárgase o debuxante Antonio Lapone e que relata a historia dunha revista masculina cuxa dirección cae en mans dunha muller sen experiencia como editora e que, con todo, farase cargo dela durante corenta anos, mostrando como evolucionou a prensa na segunda metade do pasado século en Estados Unidos e a loita das mulleres por acceder a postos de traballo tradicionalmente reservados para os homes.

Será, con todo, en 2021 cando vexa a luz o primeiro traballo de Teresa Valero como guionista e debuxante. Contrapaso, unha historia ambientada en 1956 sobre a liberdade de prensa, a psiquiatría e a disidencia estudantil na España franquista. Producida en Francia por Dupuis, e publicada ao mesmo tempo en España por Norma, foi recibida con gran éxito de público e crítica.

Recentemente, Teresa Valero foi nomeada xunto a Juan Díaz Canales e Antonio Lapone aos premios Eisner como mellor cómic dixital por Gentlemind.

Bibliografía esencial

2011 | Curiosity Shop. 3 volumes (Ediciones Glénat / EDT / Dibbuks )

2021 | Contrapaso. 1 volumen (Norma Editorial)

2021 | Brujeando. Integral,  (Astronave)

Máis info en…

TERESA VALERO2021-07-27T13:00:18+02:00

RAÚL ALLÉN

2021-07-27T12:59:57+02:00

RAÚL ALLÉN

RAÚL ALLÉN

Biografía

Raúl  Allén (Valladolid, 1979) licénciase en Belas Artes en Salamanca antes de marchar estudar ilustración e deseño en Boston, e comezar unha carreira que lle permitiu colaborar en revistas como Time, PlayboyRolling Stone, New York Times ou  Billboard; traballar para empresas publicitarias como Adidas ou  Sra  Rushmore; e que a súa obra sexa exposta pola Sociedade de Ilustradores de Nova York, 3×3  Magazine  of Contemporary  Illustration,  Illustration West,  Expocomic, Arte Nova da Junta de Castilla y León, entre outras.

No ano 2006 colabora con David Aja nos fondos do inmortal Iron Fist. Un traballo puntual que cinco anos despois dá pé a unha nova colaboración en Secret Avengers con guión de Warren Ellis e a un cambio na súa carreira. Mentres continúa traballando como ilustrador para editoriais como Folio Society, Penguin, Anaya, Siruela, El País o Juventud. en 2011 empeza a realizar cubertas e algunha que outra colaboración puntual para diversas editoriais de cómic norteamericanas.

En 2014 traballa para a editorial  Valiant en calidade de debuxante completo. Valiant ten unha política editorial moi centrada nos autores e sempre busca telos contentos, polo que lle permiten entintar o seu propio traballo aínda que iso poida supoñer unha redución no seu ritmo de produción. Raúl aproveita a circunstancia para entregar traballos cada vez máis persoais desde un punto de vista narrativo e visual. A súa colaboración con Patricia Martín nestes traballos é determinante; o labor que fan en equipo, tanto no debuxo de fondos como na cor e a narración, permítelle ser innovador e sorprendente en cada obra, conseguindo ser nomeados varias veces aos premios Harvey.

Os traballos que fan para a editorial sucédense: Rai Plus Edition, Ninjak, Harbinger Wars, La ira de  Eternal  Warrior,  Britannia,  Livewire… Ademais de portadas alternativas para outras editoriais e un par de números de Wonder Woman.

En 2019, chámanlles de Abrams Books para ocuparse dunha obra importante: a adaptación a historieta da novela Dune de Frank  Herbert. Serán tres libros de 160 páxinas a partir dun guión de Brian Herbert e Kevin J. Anderson. O ano pasado viu a luz a primeira entrega, a segunda está prevista para o ano 2022.

Bibliografía esencial

2018 — La ira de Eternal Warrior. Volúmenes 2 y 3 (Medusa Cómics)

2019 — Livewire. Números 1 a 4 (Medusa Cómics)

2019 — Wonder Woman. Nuevo Universo DC renacimiento. Número 28/14 (ECC Ediciones)

2020 — Dune. 1 volumen (Norma ediciones)

Máis info en…

RAÚL ALLÉN2021-07-27T12:59:57+02:00

PEPE LARRAZ

2021-07-27T12:56:56+02:00

PEPE LARRAZ

PEPE LARRAZ

Biografía

Pepe  Larraz (José Luis  Martínez  Larraz. Madrid, 1981) estudou Bacharelato artístico na Escola nº 1 de Madrid e, posteriormente, Historia da arte na UCM. Como tantos artistas, comeza a súa traxectoria en  fanzines; no seu caso, Arruequen, en 2003, para publicar despois historias na extinta revista Dos veces breve. A súa orixe como debuxante de cómics profesional prodúcese pouco despois coa obra Cristi y sus movidas, con guións de Juan Moya, na revista xuvenil Loka.

Tras alternar traballos de publicidade con publicacións en varias revistas como Diez Dedos, Lunatico ou  Lovexpress, a principios de 2009 trasládase a Barcelona onde comeza a traballar como profesor de ilustración na coñecida escola Joso.

Pouco tempo despois, comeza a traballar para Marvel realizando un número de Capitán América que nunca foi publicado e varias historias curtas para diversos especiais ata o que se pode considerar a súa verdadeira estrea, substituíndo a Eric Canete, na  miniserie Spider Island: Spider  Girl, da que debuxará os dous últimos números con guión de Paul Tobin.

O seu seguinte título importante é na colección deThor guionizada por Matt Fraction da que foi, máis ou menos, debuxante regular. O gran traballo realizado substituíndo a Pasqual Ferry daríalle pouco despois a oportunidade de realizar a novela gráfica Thor: Season  One con guión de Matthew Sturges, traballo que alternaría coa realización de números soltos de diversas coleccións tamén en Marvel.

Tras Thor, fai a súa primeira incursión no universo mutante encargándose da serie Lobezno e a Patrulla-X, que guioniza, Jason Aaron. Á que seguirá a  miniserie Deadpool vs.X-Force, con guión de Duane  Swierczynski. Con todo, o seu traballo máis longo ata a data sería a maxiserie Kanan, publicada entre 2015 e 2016, con guión de Greg Weisman na que profunda na vida dun dos personaxes da serie de animación Star Wars Rebels.

Despois de recalar no universo Star Wars, volve aos personaxes  Marvel con Uncanny Avengers  guionizados por Gerry Duggan, onde Larraz debuxará dúas quendas de cinco números, e consolidarase como un dos mellores debuxantes de superheroes da súa xeración, pasando a ocuparse de proxectos ou lanzamentos importantes onde que poidan encaixar co tempo necesario, unhas seis semanas por número. Unha tendencia que alcanzará o seu punto álxido coa exitosa maxiserie Dinastía de X/Poderes de X,  guionizada por Jonathan Hickman, e verdadeiro relanzamento do universo mutante e que contará co debuxo de Larraz en Dinastía de X.

Entre Dinastía de X e a súa seguinte achega ao novo universo mutante, X de Espadas, Pepe Larraz aínda tería tempo de participar no especial Los Vengadores: Imperio.

O seu último traballo ata a data é o Planet Size X-Men, un especial guionizado por Gerry Duggan co que se lanza o novo evento mutante, La Gala Fuego Infernal.

Bibliografía esencial

2016 | Thor. Marvel Deluxe. Volumen 7  (Panini Comic)

2016 | Star Wars. Kanan. El último Padawan. 2 volúmenes, (Planeta Comic)

2019 | Thor. Origen. 100% Marvel HC.  (Panini Comic)

2019 | Dinastía de X. 6 números. (Panini Comics)

2020 | Dinastía de X 1. Artist EdItion (Panini Comics)

Máis info en…

PEPE LARRAZ2021-07-27T12:56:56+02:00

PATRICIA MARTÍN

2021-07-27T12:56:46+02:00

PATRICIA MARTÍN

PATRICIA MARTÍN

Biografía

Patricia Martín (Valladolid, 1985) comeza a súa carreira profesional traballando como rotulista e editora para o mercado español, en editoriais como Oxford, El jinete Azul ou Barbara Fiore Editora, ocupándose da obra de autores como Jimmy Liao, Suzy Le ou Luke Pearson, sendo especialmente destacable o seu traballo sobre a coñecida serie Hilda, obra deste último.

O seu traballo gráfico chama a atención por estar resolto a base de cores planas, sen liñas  demarcadoras, composto con coidado, buscando sempre fortes contrastes. Deseño puro onde a economía de elementos comunica sensacións de forma directa e impactante, e que a levou traballar posteriormente no recente campo artístico dos NFT.

En 2014, empeza a colaborar con Raúl Allén para a editorial norteamericana Valiant no número un de Rai Plus Edition. O que ao principio só é un traballo como rotulista, en traballos posteriores convértese nunha colaboración completa xa que tamén participa no storyboard das historias, a realización de fondos e o deseño da cor. Formando equipo, encárganse de títulos como Ninjak, Harbinger Wars, La ira de Eternal  WarriorBritannia, Livewire, Harbinger  Wars… A liberdade artística que concede a editorial aos seus autores permítelles converter cada traballo en algo persoal e ofrecer sempre algo distinto en cada número. A cor e o deseño gráfico convértense en parte da narración á hora de  secuenciar as escenas, con resultados sorprendentes e inesperados. Polo que foron nomeados en varias ocasións aos premios  Harvey.

O seu labor tampouco pasa desapercibida para outras editoriais, polo o que en 2018 chámanos de DC Cómics para traballar en Wonder Womancon guión de Steve Orlando.

Finalmente, en 2019, Abrams Books contrátaos para ocuparse da adaptación da novela Dune de Frank  Herbert. O ano pasado apareceu o primeiro dos tres volumes de 160 páxinas que compoñen a adaptación, estando previsto o seguinte para o ano 2022.

Bibliografía esencial

2018 — La ira de Eternal Warrior. Volúmenes 2 y 3 (Medusa Cómics)

2019 — Livewire. Números 1 a 4 (Medusa Cómics)

2019 — Wonder Woman. Nuevo Universo DC renacimiento. Número 28/14 (ECC Ediciones)

2020 — Dune. 1 volumen (Norma ediciones)

Máis info en…

PATRICIA MARTÍN2021-07-27T12:56:46+02:00

NÚRIA TAMARIT

2021-07-27T12:57:42+02:00

NÚRIA TAMARIT

NÚRIA TAMARIT

Biografía

Núria Tamarit (Vila-real,1993), iníciase no mundo do cómic colaborando en fanzines á vez que cursa estudos de Belas Artes en Valencia e un  Máster en Disenny i Illustració.

No 2016 publica o seu primeiro libro-cómic, Anna Dédalus detective: El misterio de la mansión quemada, con Miguel Ángel Giner Bou no guión e Xulia Vicente como colaboradora no apartado gráfico. A serie, que combina novela e cómic ao  ntercalar no relato un diario en forma de banda deseñada, conta as aventuras de Anna Dédalus, filla dos famosos detectives Queta Albero e Dídac Dédalus. Unha nena de dezaseis anos, tamén detective, capaz de resolver calquera misterio menos o da desaparición dos seus pais. Enigma que resolverá neste primeiro volume da saga. A serie contará cun segundo volume tamén con Giner Bou a cargo do guión e debuxado por Susanna Martín.

Tras o primeiro tomo de Anna Dédalus, Tamarit realiza Duerme pueblo, de novo xunto a Xulia Vicente, Unha historia sobre feiticeiras, parellas de lobos, corvos agoreiros, aparecidos, cerimonias pagás,  vástagos ilexítimos e antigas supersticións nunha comunidade rural onde cada peza é parte da conxura humana. Un relato do norte profundo que referenda o vello proverbio: pobo pequeno, inferno grande. Unha intrigante historia de crimes, case un xogo  metalingüístico, cuxa clave coñece Audrey, unha nena orfa que din amiga do diaño.

No 2016 publica Avery’ s Blues editado por Dibbuks con guión de Angux. Entre 2017 e 2019 colabora en varias publicacións como Nimio ou Colorcarne e en antoloxías como Puro Perú ou Diferente cuxas historias, en certa medida, anticipan a que será a súa seguinte obra.

No ano 2019 ve a luz Dúas moedas, a súa primeira obra longa en solitario pola que obtén o Premi València de Novela Gráfica. Publicada en galego e castelán, Dúas moedas conta a historia de Mara, unha adolescente europea que acompaña á súa nai a unha viaxe a Senegal para construír unha biblioteca e unha emisora de radio. Unha viaxe que servirá á protagonista e aos lectores para desmontar tópicos, eliminar prexuízos e botar algo de luz sobre o enorme descoñecemento que temos sobre África.

A súa seguinte obra é unha novela gráfica titulada Giganta, nesta ocasión sobre guión de Jean- Christophe  Deveney, onde narra a historia de Celeste, a xiganta do título, á que atopa unha familia de campesiños abandonada no bosque. Xiganta é unha fábula  iniciática que, en clave feminista, recolle todos os elementos clásicos dos contos tradicionais  reformulándolos baixo unha mirada actual e dando como resultado unha fermosa historia sobre o amor, a procura do coñecemento, a aceptación dun mesmo e o valor da diferenza.

A súa última obra, publicada recentemente, é El enebro, editada por Ediciones La Cúpula. Tamarit volve de novo ao ámbito dos contos clásicos, onde se move como peixe na auga, aínda que nesta ocasión faio como autora completa, para adaptar un conto dos Irmáns Grimm. El enebrorepresenta, sen escatimar crueza ao lector, toda a carga simbólica que levaban os contos clásicos, verdadeiros manuais para a vida, cuxo mensaxe  amplifica e matiza coa súa extraordinaria calidade gráfica.

Bibliografía esencial

2016 | Anna Dédalus, El misterio de la mansión quemada  (Andana Editorial)

2016 | Duerme pueblo (Ediciones La Cúpula)

2019 | Dos monedas / Dúas moedas (Ediciones La Cúpula / Retranca Editora)

2021 | Giganta (Norma Editorial)

2021 | El enebro (Ediciones La Cúpula)

Máis info en…

NÚRIA TAMARIT2021-07-27T12:57:42+02:00
Go to Top