TYTO ALBA
TYTO ALBA
Biografía
Tyto Alba (Badalona, 1975) comeza a súa carreira traballando como ilustrador e expoñendo como pintor en diversas galerías de Barcelona. É por mor dunha estancia en México cando empeza a facer banda deseñada curta para diversas publicacións.
Unha vez de volta a España, no ano 2009 coescribe con Mario Torrecillas o guión de Santo Cristo para que o debuxe o mexicano Pablo Hernández, mentres el debuxa á súa vez outro guión de Torrecillas: El hijo, gañador do premio Junceda. Ambos os traballos contan historias persoais ambientadas na España franquista.
O seu seguinte traballo Sudd, a partir dunha novela de Gabi Martínez, publícase no 2011 e termina de definir as constantes da súa obra, moi baseada na memoria e de amplo transfondo literario, resolta sempre a base de vaporosas acuarelas e unha secuenciación clásica, centrada nos personaxes e que foxe de floreos narrativos.
A esta obra séguelle en 2012 Sólo para gigantes, adaptación doutra obra de Gabi Martínez. Ao ano seguinte, e apoiándose nunha ambientación de western, realiza unha obra atípica protagonizada por un indio travestido e un lapón: Dos espíritus, esta vez partindo dunha historia propia. E en 2015 debuxa Tante Wussi, con guión de Katrin Bacher, onde se conta a historia dunha familia alemá atrapada entre a Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial. Unha obra que realiza grazas a gañar o Premio Ciudad de Palma 2014.
Ao mesmo tempo que preparaba o libro anterior, realiza a primeira dunha serie de obras persoais centradas en personaxes históricos: La casa azul, onde Chavela Vargas conta a súa relación con Frida Kahlo, concibida por mor dunha estancia en México capital; La vida, sobre a relación entre os pintores Carles Casagemas e Pablo Picasso; Fellini en Roma, biografía do cineasta debida a unha estancia na Real Academia de España en Roma; Balthus y el conde de Rola, encargo do Museo Nacional Thyssen- Bornemisza para acompañar unha exposición do pintor francés; e agora, Whitman, onde conta a vida do poeta a través da súa participación na guerra de secesión estadounidense.