Viñetas trae á explanada de Palexco o tour dos Gundam cun robot de 3 metros de altura

A xira dos Gundam Base Rolling Pop-up inaugúrase na Coruña cunha zona de ocio vencellada ao universo destes robots da serie anime e manga

A Coruña.— Viñetas desde o Atlántico será o festival no que se abra a xira española de The Gundam Base Rolling Pop-up Tour. Trátase dun espazo protagonizado por un camión tematizado coa imaxe de Gundam que, unha vez despregado, se transforma nunha área expositiva e comercial de máis de 100 metros cadrados que recrea a experiencia de Gundam Base e que estará na cidade durante a semana do festival, do 10 ao 16 de agosto.

As persoas que visiten o espazo poderán participar en actividades gratuítas, iniciarse na montaxe de Gunpla e fotografarse xunto a un espectacular robot, o RX-78-2 Gundam, de tres metros de altura, o que sen dúbida será unha das grandes iconas deste espazo. A marca xaponesa Bandai acode como expositor dentro do programa de Rúa BD e terá neste camión tamén á venda diferentes produtos da franquía Gundam.

O mundo dos Gundam e os modelos de montaxe Gunpla converteuse nas últimas décadas nun fenómeno cultural con sobrada implantación en Xapón, que traspasou fronteiras e chegou a crear comunidades de seguidores en Estados Unidos, México e varios países europeos. No seu país de orixe, estes robots protagonizan desde hai anos eventos temáticos multitudinarios. En España, ademais, están dispoñibles varios cómics da serie, como Gundam the Origin, de Yoshikazu Yasuhiko, editado por Planeta Cómic.

Esta incorporación ao Viñetas ocupará a área situada diante de Palexco, e é un novo elemento da que se consolida como zona de especial atractivo para público familiar, ao situarse xunto ás exposicións Jacobo F. S.: De Archimboldo a Marcopola e Un paseo por Springfield. Os Simpsons na colección de Raúl García.

A presenza na Coruña da xira dos Gundam sitúa o festival Viñetas desde o Atlántico nunha ruta na que estarán outros grandes eventos vencellados á banda deseñada como o Comic-Con de Málaga ou o Manga Barcelona.

Esta última incorporación á oferta de ocio do salón do cómic coruñés ponlle o ramo a unha programación que conta con máis de 70 autores e autoras que participan en 24 exposicións e unha ampla programación de máis de 100 propostas, entre as que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, pódcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía —desde pequenos ata adultos— e para público especializado.

Tanto a programación oficial como a da Rúa BD poden consultarse completas na web vinetasdesdeoatlantico.com

Que é Gundam?

A serie de anime que comezou coa emisión de MOBILE SUIT GUNDAM no ano 1979 coñécese como serie GUNDAM. É unha obra de ciencia ficción na que aparece un robot chamado GUNDAM.

A serie GUNDAM abrangue diversos universos e configuracións. Aínda que cada un ten o seu propio contexto e ambientación, algúns están estreitamente vencellados entre sísi, compartindo batallas dentro das súas respectivas liñas temporais. A serie gañou grande popularidade nas últimas décadas dentro do universo da ciencia ficción. Conta tamén con unha serie de libros de banda deseñada.

Que é Gunpla?

Son os model kits de robots e naves de combate que aparecen na serie GUNDAM.

O Viñetas pecha a súa programación para a edición de 2026 cun desembarco de autoras e autores internacionais procedentes de Francia, Cuba, Portugal e Gran Bretaña

Oito autorías con veteranos como Bryan Talbot e Mary M.Talbot que traerán as súas novelas gráficas históricas á exposición
Viñetas con memoria social

A Coruña.- Viñetas desde o Atlántico pecha o seu elenco definitivo de protagonistas para esta edición de 2026 con un desembarco de autoras e autores internacionais procedentes de Gran Bretaña, Francia, Cuba e Portugal. Deste xeito, a longa listaxe de creadoras e creadores presentes no festival complétase cos nomes de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, Lisa Lugrin, Clément Xavier, Jean-Marc Troubet (Troubs), Edmond Baudoin, Danay Dana e Paulo Monteiro.

A que é xa a 29ª edición do evento completa unha lista de creadoras e creadores de primeiro nivel que se suman aos máis de 60 xa desvelados. O director do festival, Manel Cráneo, destaca a importancia deste incremento de convidados, que acada o récord de internacionais presentes na sección oficial do festival. Cráneo fai fincapé na versatilidade dos estilos gráficos que conflúen en intereses comúns por ser unha selección de autorías con traballos arredor da memoria histórica e os dereitos sociais.

Con este anuncio, o festival reafirma o seu compromiso coa calidade e pola imprescindible conxugación do talento local e internacional nunha cita que xa se consolidou como un referente no mundo da banda deseñada en España. Con máis de 70 creadores e creadoras, 24 exposicións e máis dun centenar de actividades o Viñetas desde o Atlántico, que xa inaugurou o pasado 3 de xullo a súa primeira mostra na Casa das Ciencias, manterá unha intensa programación na que a eclipse e a memoria social terán especial protagonismo.

Bryan Talbot (Wigan, Lancashire, Inglaterra, 1952) é dun grandes nomes da banda deseñada británica e internacional. Comezou no mundo do cómic underground e publicou por entregas Las aventuras de Luther Arkwright, considerada unha das primeiras novelas gráficas británicas. Colaborou na revista 2000AD, ademais de páxinas para Judge Dredd e debuxando historias escritas por Alan Moore; nos noventa comezou a traballar para o mercado norteamericano, en series como Hellblazer, Batman: Legends ofthe Dark Knight e The Sandman, con Neil Gaiman. Entre as súas novelas gráficas está El cuento de una rata mala, Alice in Sunderland ou El corazón del imperio.

Mary M. Talbot (Wigan, Lancashire, Inglaterra, 1954), é profesora de Lingua e Cultura na Universidade de Sunderland, e autora de artigos académicos sobre poder, xénero e linguaxe. En 2012 escribiu a novela gráfica La niña de sus ojos, que debuxou Bryan Talbot. Conxuntamente con Bryan escribiu ademais SallyHeathcote. Sufragista. Con Bryan Talbot ao debuxo tamén, publicou as novelas gráficas La Virgen Roja e Lluvia. En breve publicarán Lo! An amazon! sobre a vida de Mary Wollstonecraft.

Con La Virgen Roja e Sally Heathcote. Sufragista, obras protagonistas da mostra Loita sindical feminista europea no Kiosco Alfonso, os Talbot (compañeiros de vida e artísiticos) retratan figuras femininas que fixeron avanzar os dereitos da muller e da sociedade na Francia do século XIX e na Inglaterra de principios do XX.

Lisa Lugrin (Thonon-les-Bains, Francia, 1983) estudou antropoloxía e cinema e diplomouse na Escola de BD de Angoulême. Conxuntamente co seu compañeiro de viaxe Clément Xavier (Maputo, Mozambique, 1981), que tamén estudou na Escola de BD de Angoulême, fundou Na Éditions. Ambos foron acollidos en residencia na Maison des Auteurs de Angoulême e participaron na obra colectiva Afghanistan (2011). En 2015, recibiron o premio Revelación no Festival de Angoulême por Yékini, le roi des arènes. Como guionistas, asinaron de forma conxunta a adaptación á BD de Une histoire populaire de la France e os álbums Washing-Town e WacoHorror: Elizabeth Freeman, l’infiltrée. Ademais de realizaren algúns traballos en solitario, en 2016 publicaron conxuntamente en Francia Geronimo, mémoires d’un résistant apache, e en 2025, Le lion de Guantánamo. Na súa obra Jiujitsufragistas, que estará presente na planta baixa do Kiosco Alfonso contan a historia de Edith Garrud, considerada a primeira formadora en autodefensa feminista; ante a violencia que sufrían as manifestantes sufraxistas no Londres de 1910, adestrou en jiu-jitsu as gardacostas de Emmeline Pankhurst

Jean-Marc Troubet, Troubs (Pessac, Francia, 1969), estudou Belas Artes. Vinculado á BD xornalística ou de realismo social, a partir dos seus cadernos de viaxe. É especialmente salientable a súa colaboración co tamén debuxante Edmond Baudoin (Niza, Francia, 1943) autor que estudou na Escola de Artes Decorativas de Niza. Colaborou en históricas revistas de BD como Pilote, (À Suivre) e L’Écho des Savanes. Gañou o premio Alph-Art do Festival de Angoulême en 1992 e 1997. Ten traballado con guionistas, como a escritora Fred Vargas (Los cuatro ríos, galardoado co premio ao mellor guión en Angoulême, e El vendedor de estropajos).

En Humanos. A Roya é um Rio que protagoniza a mostra da Casa Museo Picasso, centráronse en retratar a situación existente no val do Roya (situado entre Francia e Italia) para os inmigrantes chegados a Europa a través do Mediterráneo.

Paulo Monteiro (Vila Nova de Gaia, Portugal, 1967) é un autor polifacético, que ten feito BD, ilustración, pintura e poesía. O seu libro O amor infinito que te tenho e outras histórias obtivo o premio Melhor Álbum Nacional no Festival Internacional de Banda Desenhada da Amadora. Desde 2005 é director da Bedeteca de Beja e do Festival Internacional de Banda Desenhada de Beja; coordinou as revistas Splaft! e Venham +5. Ten participado enpublicacións antolóxicas de cómic, como Humanus e Virar a Página, e en revistas como Efeméride, Baltic Comics Magazine ou Stripburger.

Danay Díaz López, Danay Dana (A Habana, Cuba, 1983) estudou animación e artes plásticas na Academia Nacional de Belas Artes, na súa cidade natal. Afincada en Zaragoza, como autora de BD, ten colaborado coa revista Thermozero. O seu primeiro libro de BD é La maldición de los Heredia, co que obtivo o Premio ao Mellor Guión e o Premio á Mellor Obra Aragonesa no Salón do Cómic de Zaragoza.

Todos eles estarán na Coruña ao longo da semana central do festival, do 10 ao 16 de agosto, na que os visitantes do Viñetas poderán desfrutar, das exposicións e tamén de propostas variadas nas diferentes seccións do festival, pensadas para todos os públicos e intereses: Viñetas Show, Viñetas Mini, Rúa BD, Viñetas Pro, Viñetas Biblio e Viñetas Inclusivas.