O Viñetas pecha a súa programación para a edición de 2026 cun desembarco de autoras e autores internacionais procedentes de Francia, Cuba, Portugal e Gran Bretaña

Oito autorías con veteranos como Bryan Talbot e Mary M.Talbot que traerán as súas novelas gráficas históricas á exposición
Viñetas con memoria social

A Coruña.- Viñetas desde o Atlántico pecha o seu elenco definitivo de protagonistas para esta edición de 2026 con un desembarco de autoras e autores internacionais procedentes de Gran Bretaña, Francia, Cuba e Portugal. Deste xeito, a longa listaxe de creadoras e creadores presentes no festival complétase cos nomes de Bryan Talbot e Mary M. Talbot, Lisa Lugrin, Clément Xavier, Jean-Marc Troubet (Troubs), Edmond Baudoin, Danay Dana e Paulo Monteiro.

A que é xa a 29ª edición do evento completa unha lista de creadoras e creadores de primeiro nivel que se suman aos máis de 60 xa desvelados. O director do festival, Manel Cráneo, destaca a importancia deste incremento de convidados, que acada o récord de internacionais presentes na sección oficial do festival. Cráneo fai fincapé na versatilidade dos estilos gráficos que conflúen en intereses comúns por ser unha selección de autorías con traballos arredor da memoria histórica e os dereitos sociais.

Con este anuncio, o festival reafirma o seu compromiso coa calidade e pola imprescindible conxugación do talento local e internacional nunha cita que xa se consolidou como un referente no mundo da banda deseñada en España. Con máis de 70 creadores e creadoras, 24 exposicións e máis dun centenar de actividades o Viñetas desde o Atlántico, que xa inaugurou o pasado 3 de xullo a súa primeira mostra na Casa das Ciencias, manterá unha intensa programación na que a eclipse e a memoria social terán especial protagonismo.

Bryan Talbot (Wigan, Lancashire, Inglaterra, 1952) é dun grandes nomes da banda deseñada británica e internacional. Comezou no mundo do cómic underground e publicou por entregas Las aventuras de Luther Arkwright, considerada unha das primeiras novelas gráficas británicas. Colaborou na revista 2000AD, ademais de páxinas para Judge Dredd e debuxando historias escritas por Alan Moore; nos noventa comezou a traballar para o mercado norteamericano, en series como Hellblazer, Batman: Legends ofthe Dark Knight e The Sandman, con Neil Gaiman. Entre as súas novelas gráficas está El cuento de una rata mala, Alice in Sunderland ou El corazón del imperio.

Mary M. Talbot (Wigan, Lancashire, Inglaterra, 1954), é profesora de Lingua e Cultura na Universidade de Sunderland, e autora de artigos académicos sobre poder, xénero e linguaxe. En 2012 escribiu a novela gráfica La niña de sus ojos, que debuxou Bryan Talbot. Conxuntamente con Bryan escribiu ademais SallyHeathcote. Sufragista. Con Bryan Talbot ao debuxo tamén, publicou as novelas gráficas La Virgen Roja e Lluvia. En breve publicarán Lo! An amazon! sobre a vida de Mary Wollstonecraft.

Con La Virgen Roja e Sally Heathcote. Sufragista, obras protagonistas da mostra Loita sindical feminista europea no Kiosco Alfonso, os Talbot (compañeiros de vida e artísiticos) retratan figuras femininas que fixeron avanzar os dereitos da muller e da sociedade na Francia do século XIX e na Inglaterra de principios do XX.

Lisa Lugrin (Thonon-les-Bains, Francia, 1983) estudou antropoloxía e cinema e diplomouse na Escola de BD de Angoulême. Conxuntamente co seu compañeiro de viaxe Clément Xavier (Maputo, Mozambique, 1981), que tamén estudou na Escola de BD de Angoulême, fundou Na Éditions. Ambos foron acollidos en residencia na Maison des Auteurs de Angoulême e participaron na obra colectiva Afghanistan (2011). En 2015, recibiron o premio Revelación no Festival de Angoulême por Yékini, le roi des arènes. Como guionistas, asinaron de forma conxunta a adaptación á BD de Une histoire populaire de la France e os álbums Washing-Town e WacoHorror: Elizabeth Freeman, l’infiltrée. Ademais de realizaren algúns traballos en solitario, en 2016 publicaron conxuntamente en Francia Geronimo, mémoires d’un résistant apache, e en 2025, Le lion de Guantánamo. Na súa obra Jiujitsufragistas, que estará presente na planta baixa do Kiosco Alfonso contan a historia de Edith Garrud, considerada a primeira formadora en autodefensa feminista; ante a violencia que sufrían as manifestantes sufraxistas no Londres de 1910, adestrou en jiu-jitsu as gardacostas de Emmeline Pankhurst

Jean-Marc Troubet, Troubs (Pessac, Francia, 1969), estudou Belas Artes. Vinculado á BD xornalística ou de realismo social, a partir dos seus cadernos de viaxe. É especialmente salientable a súa colaboración co tamén debuxante Edmond Baudoin (Niza, Francia, 1943) autor que estudou na Escola de Artes Decorativas de Niza. Colaborou en históricas revistas de BD como Pilote, (À Suivre) e L’Écho des Savanes. Gañou o premio Alph-Art do Festival de Angoulême en 1992 e 1997. Ten traballado con guionistas, como a escritora Fred Vargas (Los cuatro ríos, galardoado co premio ao mellor guión en Angoulême, e El vendedor de estropajos).

En Humanos. A Roya é um Rio que protagoniza a mostra da Casa Museo Picasso, centráronse en retratar a situación existente no val do Roya (situado entre Francia e Italia) para os inmigrantes chegados a Europa a través do Mediterráneo.

Paulo Monteiro (Vila Nova de Gaia, Portugal, 1967) é un autor polifacético, que ten feito BD, ilustración, pintura e poesía. O seu libro O amor infinito que te tenho e outras histórias obtivo o premio Melhor Álbum Nacional no Festival Internacional de Banda Desenhada da Amadora. Desde 2005 é director da Bedeteca de Beja e do Festival Internacional de Banda Desenhada de Beja; coordinou as revistas Splaft! e Venham +5. Ten participado enpublicacións antolóxicas de cómic, como Humanus e Virar a Página, e en revistas como Efeméride, Baltic Comics Magazine ou Stripburger.

Danay Díaz López, Danay Dana (A Habana, Cuba, 1983) estudou animación e artes plásticas na Academia Nacional de Belas Artes, na súa cidade natal. Afincada en Zaragoza, como autora de BD, ten colaborado coa revista Thermozero. O seu primeiro libro de BD é La maldición de los Heredia, co que obtivo o Premio ao Mellor Guión e o Premio á Mellor Obra Aragonesa no Salón do Cómic de Zaragoza.

Todos eles estarán na Coruña ao longo da semana central do festival, do 10 ao 16 de agosto, na que os visitantes do Viñetas poderán desfrutar, das exposicións e tamén de propostas variadas nas diferentes seccións do festival, pensadas para todos os públicos e intereses: Viñetas Show, Viñetas Mini, Rúa BD, Viñetas Pro, Viñetas Biblio e Viñetas Inclusivas.

Viñetas desde o Atlántico presenta a súa edición máis social e reivindicativa cunha programación pensada para todos os públicos

O festival bate récord de colaboracións e propostas con un total de 24 entidades que participan nesta edición e máis de 100 actividades

Inés Rey: “O Viñetas axuda a posicionar A Coruña como unha cidade creativa, dinámica e con ambición”

A Coruña.- A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou esta mañá a programación da 29ª edición do festival Viñetas desde o Atlántico. Segundo relatou Rey, esta será a edición “máis social e reivindicativa da historia do evento”. Ademais da alcaldesa, tamén participaron o director do festival, Manel Cráneo, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Acudiu tamén Miguel Robledo, autor do cartel deste ano.

“O Viñetas é moito máis que unha semana en agosto. É un proxecto cultural que se estende durante todo o ano e que axuda a posicionar A Coruña como unha cidade creativa, dinámica e con ambición”, indicou Inés Rey. A alcaldesa tamén reinvidicou a capacidade deste tipo de eventos para crear conciencia: “Desde este Goberno temos claro que a cultura non é só ocio: é unha ferramenta para comprender o mundo e tamén para transformalo. Por iso, este ano o festival pon o foco na memoria social e democrática, usando a banda deseñada para contar historias que nos interpelan como sociedade e que nos obrigan a non esquecer”.

Pola súa banda, o director do festival, Manel Cráneo, quixo facer especial fincapé na relevancia que tiveron no deseño da programación as causas sociais. “Nun momento coma o actual”, subliñou, “o Viñetas aposta pola banda deseñada como medio de transformación da sociedade na que vivimos e por iso a memoria social atravesará varias das exposicións, dende as experiencias das loitas sociais e a Guerra Civil española ata a mostra de autores e autoras palestinos na Fundación Luis Seoane, que se incorpora como sede do festival”. Neste sentido, Cráneo destacou que o Viñetas 2026 bate o récord de entidades colaboradoras cun total de 24, que inclúen, dende institucións como os Museos Científicos ata asociacións como Autobán, CUAC FM ou Amigos de la Ópera de A Coruña, festivais como Elas son artistas, organizacións como Amnistía Internacional, fundacións como Al Fanar e podcasts como El Nicho, de David Perdomo.

Como colofón a estas colaboracións, no mes de maio Viñetas contou cun grupo de oito alumnos e alumnas de prácticas da escola Pablo Picasso na área de deseño artístico das exposicións de Kiosco Alfonso e Palexco. Esta selección de alumnado contará tamén cun “showroom” o domingo 16 de agosto para poder mostrar os seus traballos. Esta colaboración consolida o compromiso de Viñetas desde o Atlántico de integrar ás novas xeracións no tecido profesional e darlles unha oportunidade para entrar en contacto co mercado.

Na rolda de prensa presentouse a que será unha edición “histórica” do festival en moitos sentidos. En primeiro lugar, por coincidir coa eclipse total que se producirá o día 12 de agosto, pero tamén polas súas cifras e pola relevancia dos seus protagonistas. Máis de 70 autores e autoras pasarán pola Coruña entre os días 10 e 16 de agosto para participar en 24 exposicións e unha ampla programación de máis de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, charlas, clases maxistrais, podcasts, espectáculos en directo, visitas guiadas e actividades pensadas para toda a cidadanía -dende pequenos ata adultos- e para público especializado.

Viñetas desde o Atlántico mantén en 2026 as súas principais seccións que acompañan aos visitantes na súa experiencia no festival: Viñetas Expo; Viñetas Mini, con obradoiros diarios para público infantil, unha proxección cinematográfica e unha proposta teatral; Viñetas Show, cun concerto ilustrado, dúas proxeccións, unha obra teatral e dúas xornadas dedicadas a podcasts especializados de Galicia, Madrid e Cataluña; Viñetas Pro, con dúas clases maxistrais e unha sesión de revisión de proxectos para autores/as; un encontro e dúas expos para Viñetas inclusivas e a extensa programación de Rúa BD que contará con 38 casetas entre as que figuran as de 18 editoriais procedentes de todo o estado presentando novidades e dinamizando este espazo vital do festival. Pero ademais, en 2026 incorpórase a nova sección que quere poñer en valor o traballo da Bibliotecas Municipais da Coruña arredor da banda deseñada, Viñetas Biblio.

Os Simpsons e Marcopola enchen Palexco

Na presentación desvelaron os detalles da que será unha intensa programación de exposicións que se iniciará no mes de xullo coas inauguracións de tres das mostras máis relevantes desta edición. Para abrir a edición, e da man da colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, a eclipse adiántase nas viñetas máis artísticas na expo Eclipse de viñetas, na que dez autoras e autores locais (Xulia Pisón, Diego Burdío, Paula Esteban, Uxía Larrosa, Xulia Vicente, Jorge Peral, Marcos Calo, Luis Yang e Paula Mayor, con Jordi Bayarri como autor convidado) reinterpretarán dende a súa mirada a historia científica e artística das eclipses.

Tamén no mes de xullo chegará o momento de abrir as portas dun dos recintos que máis público recibe sempre no Viñetas; Palexco será a sede das mostras de Jacobo Fernández e da colección de Raúl García. Na primeira delas percorreremos o universo persoal do creador da illa remeira máis coñecida da banda deseñada en España, mentres que na exposición Un paseo por Springfield. Os Simpsons na colección de Raúl García, teremos o privilexio de achegármonos a unha mostra de merchandising e libros dos cómics da famosa serie, con algúns debuxos orixinais e dedicatorias do propio Matt Groening. Raúl García traballou en varios capítulos da serie norteamericana e foi o primeiro animador español en traballar para Disney.

O Kiosco Alfonso como escenario do cómic de memoria social

Xusto a carón, no epicentro do festival, o espazo expositivo do Kiosco Alfonso encherase counha ampla representación de obras de autores e autoras estatais unidos por un nexo: a memoria democrática e social na España do século XX. Así, os/as visitantes poderán desfrutar das obras O eco dos días rotos, de Alberto Taracido; Que el fin del mundo nos encuentre bailando e La piel como única bandera, de Sebas Martín; o xa histórico Paracuellos, de Carlos Giménez; Aquí donde estoy, de Tyto Alba e María Castro, e Caridad del Río, de Pep Brocal.

O programa expositivo completarase coas mostras de Miguel Robledo -autor do cartel desta edición- en María Pita; os premios Castelao na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, Elas son fantásticas, autoras galegas de banda deseñada deste xénero, no mesmo espazo; a exposición de ExpoFanzines de Autobán, na Biblioteca de Estudos Locais; Ston, de Xulia Pisón, na Casa Museo María Pita; unha exposición bibliográfica nas Bibliotecas Municipais, Trazos de memoria, e a incorporación da Fundación Luis Seoane como nova sede do festival coa expo Cómic palestino. Voces propias. Grito colectivo. Cómpre destacar a incorporación da Casa Museo Casares Quiroga como sede de mostras vencelladas á memoria histórica que, nesta ocasión albergará ‘La guerra civil’ de Paul Preston, mostra que recolle o exitoso traballo de adaptación á banda deseñada das obras do historiador británico realizada polo autor José Pablo García.

Ademais diso, o Viñetas paralelas de 2026 contará con tres sedes: o Circo de Artesáns, cunha expo de colectivos de banda deseñada portugueses, o Bar 13, con Óscar Lojo e Tranvía, con unha exposición de Fento Studio.

Máis de 100 actividades para todos os públicos

Especialmente rica é neste Viñetas 2026 a extensa programación de actividades pensadas para todas as idades e intereses e que se distribúen entre as distintas seccións do festival. Más de 100 propostas entre as que se contan obradoiros, cine, teatro, charlas, visitas guiadas, gravación de podcasts, espectáculos radiofónicos, un concerto ilustrado, encontros con autores e autoras, sinaturas e maratóns de debuxo.

Entre esta apertada axenda destacan, a revisión de proxectos coa colaboración de editoriais, con convocatoria xa aberta a través dun formulario para calquera debuxante interesado/a, e os podcasts que se gravarán durante a semana do festival coa colaboración de Campamento Kripton, El diario de Kovacs, Freakland e El Nicho.

Quedan aínda por coñecer algúns nomes de autores e autoras internacionais protagonistas do Viñetas 2026 que se desvelarán ao longo do mes de xullo. Neste sentido, o director do evento, Manel Cráneo, amosou a súa confianza en poder dar aínda algunhas “sorpresas moi potentes” para pechar o cartel artístico desta 29ª edición.

Toda a programación pode ser consultada en www.vinetasdesdeoatlantico.com.