O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e o director de Viñetas desde o Atlántico, Miguelanxo Prado, acompañados do concelleiro de Cultura José Manuel Sande, inaugurarán mañá luns a XIX edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico. O acto inaugural terá lugar ás sete da tarde no Kiosco Alfonso, sede central do festival.
Dende esa hora, os visitantes poderán xa gozar das exposicións distribuídas polas distintas sedes do salón: Kiosco Alfonso, Palexco, Sala Salvador de Madariaga, Sala de Exposicións do Pazo Municipal de María Pita, Agora, Torre de Hércules… ou pasearse pola cidade en compañía dos máis variados personaxes distribuídos nos espazos e monumentos máis emblemáticos da Coruña. Tamén abre ao público a Rúa da BD, as casetas de venda de cómics instaladas no Paseo das Palmeiras, fronte ao Kiosco.
¡A Coruña cheira a cómic!